Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 18 de xuño de 2020 Páx. 24312

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 18 de maio de 2020 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do 80 % por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Actuación CPSO 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.

Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.

Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

2020.0001

09.A1.741A.7708

2.775.000 €

825.000 €

3.600.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución iniciarase o 14 de marzo de 2020 e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realizarán ata esta data, e do 30 de novembro de 2021 para solicitudes con accións que se realizarán ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. Os gastos subvencionables dos proxectos realizados entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro do 2020 serán imputados á anualidade 2021.

Para os proxectos que se executen en dúas anualidades a data límite da primeira xustificación parcial para os gastos subvencionables realizados en 2020 é o 15 de novembro de 2020, e como data límite para a xustificación final dos gastos subvencionables realizados desde a anterior data de xustificación o 30 de novembro de 2021.

O prazo para solicitar anticipos terá como data límite o 30 de outubro de 2020 e o 31 de marzo de 2021.

Poderán solicitarse anticipos de ata o 50 % do importe da subvención concedida dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. O anticipo non pode superar o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital
das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2020), cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

• Eixe 2. Maior presencia en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados, pero, sobre todo, zonas xeográficas.

• Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

• Eixe 5. Unidade de axentes impulsores. Colaboración cos organismos intermedios. Obxectivos: coordinación e complementariedade a través da cooperación entre os distintos axentes da internacionalización evitando duplicidades, colaborar cos organismos intermedios, como revulsivos para estimular ás empresas en vertentes como a innovación, a competitividade e a internacionalización, apoiando activamente as accións desenvolvidas polos actores intermedios e fomentando a participación de empresas galegas en iniciativas agrupadas que fomenten e faciliten ademais a colaboración empresarial.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización dixital da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que a incrementen a través da vía dixital.

Considerando ademais que a dixitalización se converteu nun proceso esencial polo que deben pasar os negocios se queren manter a súa competitividade. Saber como incorporar as novas tecnoloxías é clave para garantir a supervivencia e o crecemento empresarial.

Dada a elevada aceptación da anterior convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, así como a crecente e urxente necesidade de aplicar medidas estratéxicas orientadas á internacionalización dixital das empresas motivados pola incidencia e o novo escenario que no comercio internacional se están a producir por motivos da emerxencia sanitaria COVID-19, inclúese na presente convocatoria de forma explícita o apoio aos proxectos do comercio retallista, ofertando así co markéting dixital internacional unha solución vital coa finalidade de reducir os prexuízos causados no sector comercio pola pandemia.

Esta liña de axuda compleméntase coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Foexga, cofinanciadas con Feder, e Sinerxía, así como cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, a medida que xurda a necesidade.

Artigo 1. Obxecto

Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novos, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. Sendo o obxecto último destas bases o desenvolvemento e a implementación dun Plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de markéting dixital internacional do comercio retallista.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019).

4. Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.03, campo de intervención 066 e liña de actuación 15, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001. Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002. Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado. Número de empresas exportadoras.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013), modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento no que se establezan as condicións da axuda.

Sendo en todo caso incompatible se o proxecto foi apoiado noutra convocatoria desta mesma liña de axudas.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto/calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Tamén poderán ser beneficiarias aquelas pemes dedicadas ao comercio retallista, que non precisan estar dadas de alta en programas do punto anterior.

e) Que estean ao día nas súas obrigas coa facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por empresa, cun gasto subvencionable mínimo igual ou superior a 25.000 € e máximo de 125.000 € por empresa. De superar este máximo procederase a axustar o gasto a este límite máximo. No caso do comercio retallista o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 15.000 € por empresa e máximo de 100.000 € por empresa. De superar este máximo procederase a axustalo a este límite máximo. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 15.000 € e máximo de 37.500 € no caso de empresas do sector da produción agraria e 25.000 € no caso de empresas do sector da pesca.

Consideraranse gastos subvencionables todos aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos e deberán cumprir os requisitos establecidos na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En concreto, subvenciónanse os seguintes tipos de gastos:

A. Consultaría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.

Esta análise debe, como mínimo, analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

b) Plans de internacionalización dixital multicanle.

Estes plans deben incluír, como mínimo, unha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

c) Plans de mercados electrónicos concretos.

Estes plans deben de conter, como mínimo, a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar tendas e catálogos on line multi-idioma. Así como unha análise SEO de web, catálogos on line e/ou tendas on line. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.

Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

B. Software de:

a) Soluciones tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma.

Gastos subvencionable máximo: 6.000 €.

b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERP).

Gasto subvencionable máximo: 30.000 €.

c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización de canles de vendas e de márketing on line.

Gasto subvencionable máximo: 30.000 €.

d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento.

Gasto subvencionable máximo: 22.000 €.

e) Solucións de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar usuarios de interese obxectivo do negocio on line. Inclúese desde a compra das solucións tecnolóxicas, a súa integración e tamén a súa xestión como servizo a vendedores on line por parte de axencias.

Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo se indica no artigo 15.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de tendas on line e catálogos on line para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.

Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.

b) Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas.

Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.

2. Baixo o amparo do Regulamento UE 2020/558, que modifica os regulamentos 1301 y 1303 del Feder no que respecta as medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional para o uso de fondos estruturais e de investimentos europeos na resposta ao brote COVID-19, os gastos subvencionables poderán ter sido realizados antes da presentación da solicitude da axuda e en concreto serán subvencionables aqueles gastos realizados a partir do 14 de marzo de 2020.

3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o 14 de marzo de 2020 ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente. Tampouco será preceptiva a presentación das tres ofertas cando o gasto sexa realizado con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

6. No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

Artigo 6. Contía da axuda

A subvención será do 80 % dos gastos relacionados no artigo 5.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario a entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.4 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Internacionalización do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e a elevará ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se Establecen as Condicións de Axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión non se admitirán modificacións da resolución inicial. A reasignación de gastos respectando os importes máximos por concepto subvencionable establecidos na resolución de concesión non se considera modificación.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións a realizar polo Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel. A pesar do anterior, se a solicitude de cobramento fose presentada durante o período en que estea vixente o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, admitirase a presentación de copia dixitalizada das facturas.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) Memoria de resultados que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación, na que se expoñan co suficiente grao de detalle as accións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados e a situación do solicitante da axuda polo que se refire ao mercado/s obxectivo unha vez realizadas as accións.

d) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) Cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) das bases.

f) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso para as mesmas accións, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

g) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 5.6 destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións 2ª, 3ª e 4ª do citado artigo.

h) No caso de gastos de consultaría indicados no artigo 5.1.a) debe achegarse copia dos documentos obxecto de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.d), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario, dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. Deberán facer constar se optan por esta modalidade na solicitude de cobramento. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o custo subvencionable queden por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.f) destas bases.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

No caso de non manter os investimentos en activos intanxibles obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento das accións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación; o Igape informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto no artigo 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Regulamento UE 2020/558 do Parlamento Europeo... polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 1301/2013.

e) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

f) Orde HFP/1979/2016, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

g) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

i) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

j) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas para a execución de accións de promoción exterior
das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas Dixital), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Responsabilidade do beneficiario:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e o logotipo Xacobeo 2021 e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se vai utilizar é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e do logotipo Xacobeo 2021. Esta descrición estará dispoñible ata o pagamento da axuda.

Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

missing image file

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión
e referencia ao Fondo

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul réflex, negro ou blanco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá, como mínimo, o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Ben que, en toda comunicación relativa a fondos europeos se deberá incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».