En aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e do disposto nos artigos 4 e 5 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deben someterse ao correspondente procedemento de información pública os plans de emerxencia exterior dos establecementos nos cales estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 3 das partes 1 e 2 do anexo 1 do citado Real decreto 840/2015.
Atendendo á documentación remitida polos industriais a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou e actualizou o Plan de emerxencia exterior de CLH Vigo.
En consecuencia, e de conformidade co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,
RESOLVO:
Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a revisión do Plan de emerxencia exterior de CLH Vigo, en orde á presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.
Para os efectos de cumprir o previsto no artigo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27, do polígono das Fontiñas, en Santiago de Compostela, e tamén pode consultarse no enderezo web http://cpapx.xunta.es/plans-de-emerxencia.
Segundo. As alegacións deberán dirixirse en igual prazo á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27, do polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, e serán presentadas na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior