Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 25163

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO do acordo polo que se modifican as bases de prestación de servizos e control financeiro aos concellos da provincia.

A Deputación Provincial da Coruña, na sesión plenaria ordinaria que tivo lugar o día 2 de decembro de 2019, aprobou o seguinte:

«27. Aprobación inicial da modificación das bases de prestación de servizos de control financeiro aos concellos da provincia.

Primeiro. Aprobar provisionalmente a modificación das bases para a delegación do exercicio de control financeiro de subvencións (concellos de ata 10.000 habitantes) e xestión indirecta de servizos públicos (concellos de ata 5.000 habitantes).

Segundo. Expor ao público o presente acordo durante un prazo de trinta días, mediante a publicación dun anuncio indicativo no Boletín Oficial da provincia, no taboleiro de anuncios e na sede electrónica da Deputación. Durante este prazo as persoas interesadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas.

Terceiro. Transcorrido o referido prazo, estudaranse as alegacións presentadas e o Pleno adoptará o acordo definitivo que proceda ou, no caso de que non se presentase ningunha alegación, o acordo ata entón provisional quedará definitivamente aprobado e daráselle publicidade mediante a publicación das bases no Boletín Oficial da provincia, no Diario Oficial de Galicia, así como mediante o envío do texto íntegro do acordo a cada un dos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia.

ANEXO

Bases para a prestación de servizos de control financeiro
aos concellos da provincia

Primeira. Obxecto da delegación

1. No exercicio da competencia de asistencia económica a municipios, prevista no artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, de bases de réxime local, a Deputación Provincial da Coruña asumirá por delegación as seguintes competencias cuxa titularidade posúe o órgano interventor municipal:

a) O control financeiro das subvencións outorgadas polos concellos con poboación de dereito inferior a 10.000 habitantes.

b) O control financeiro, na modalidade de control permanente, dos servizos públicos municipais xestionados indirectamente, nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

2. Asi mesmo, tamén se asumirá por delegación a xestión, liquidación e recadación dos reintegros e posibles sancións que deriven do exercicio do control financeiro de subvencións.

Segunda. Réxime xurídico

O exercicio das competencias en materia de control financeiro delegadas polos concellos rexerase polas presentes bases, e será ademais de aplicación a seguinte normativa:

a) Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e normativa de desenvolvemento.

b) Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico de control interno nas entidades do sector público local.

c) Lei 9/2017, do 9 de novembro, de contratos do sector público.

d) Lei orgánica 2/2012, do 28 de abril, de estabilidade orzamentaria.

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

h) Ordenanza xeral de subvencións e transferencias da Deputación Provincial da Coruña (BOP do 15 de abril de 2019).

i) Normas de auditoría do sector público.

Terceira. Contido e alcance da delegación

1. Contido.

Os concellos poderán delegar as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións de control financeiro sobre as subvencións pagadas nun determinado exercicio ou de todos os exercicios pechados, sempre que as obrigas dos beneficiarios non estean prescritas.

b) A instrución e resolución dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados dos informes de control financeiro que se emitan en virtude da delegación anterior, así como a liquidación e recadación, tanto en período voluntario coma en executivo, dos ingresos de dereito público resultantes. Para este efecto, resultarán tamén de aplicación a esta delegación as bases para a prestación de servizos tributarios aos concellos da provincia.

c) A emisión de informes de control financeiro, na modalidade de control permanente, sobre os servizos públicos municipais xestionados indirectamente mediante concesión administrativa (só para concellos de menos de 5.000 habitantes).

2. Alcance do exercicio das competencias delegadas.

A delegación de competencias en materia de control financeiro de subvencións implica que a Deputación asumirá a totalidade das funcións do órgano interventor municipal con respecto ao exercicio desta función. Así mesmo, asumirá as competencias para a tramitación dos posibles expedientes de reintegro que deriven dos informes emitidos, así como o exercicio da potestade sancionadora, cando se aprecie algunha conduta infractora nos informes emitidos. Finalmente, tamén abranguerá a xestión e recadación das liquidacións resultantes dos procedementos de reintegro e sancionadores, que lle permitirán á Deputación liquidar e recadar, tanto en período voluntario como executivo, as sancións resultantes a través dos servizos da Área Tributaria. Os importes obtidos serán ingresados a prol de cada concello segundo o previsto nas bases para a prestación de servizos tributarios anteriormente referidas, unha vez descontada a taxa que se reporta a prol da Deputación.

No ámbito do control permanente dos servizos públicos, a delegación comprenderá a función de emitir anualmente un informe respecto da adecuación do servizo ao ordenamento xurídico e aos principios de boa xestión financeira, co fin de mellorar a xestión no aspecto económico, financeiro, patrimonial, orzamentario, contable, organizativo e procedemental.

Cuarta. Colaboración dos concellos

De conformidade co disposto nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 8 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas á Deputación, os concellos deberán prestar toda a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

a) Remisión de copia compulsada, completa e numerada de todos os expedientes que sexan solicitados no ámbito dos controis que vaian realizar.

b) Expedición de todas as certificacións ou informes que lle sexan solicitados para o exacto coñecemento dos antecedentes e datos necesarios para a emisión do informe de control financeiro.

c) Acceso á información contable, mediante autorización expedida para o efecto.

d) Información e, de ser o caso, apoio para realizar as notificacións de comunicación de inicio de actuacións, requirimentos e informes ás entidades obxecto do control.

e) Autorización para dispor dun local municipal adecuado para a realización das actuacións, para o caso de que as entidades obxecto de control non dispoñan de local propio.

Quinta. Procedemento para o exercicio do control financeiro de subvencións, expedientes de reintegro e potestade sancionadora

Unha vez que se teñan adoptados os acordos para facer efectiva a delegación do exercicio do control financeiro de subvencións, procederase da seguinte maneira:

1. O órgano interventor do concello delegante expedirá unha relación certificada en formato de folla de cálculo, comprensiva de todas as subvencións pagadas nos exercicios pechados a que se estenda a delegación, con indicación do nome do beneficiario e o seu NIF, importe pagado, data de pagamento e aplicación orzamentaria a que se imputou o gasto.

2. Recibida a relación certificada na Deputación, o Negociado de Control Financeiro procederá a realizar a escolla dos expedientes que se sometan á auditoría, utilizando para tal finalidade os criterios establecidos no Plan de control financeiro aprobado polo órgano interventor da Deputación. En todo caso, o número de expedientes escollidos non poderá resultar inferior a tres por cada concello e ano a que se estenda o control. Do proceso de selección, así como da aplicación dos criterios, expedirase a correspondente dilixencia.

3. De inmediato darase conta ao concello do resultado da escolla, con indicación dos expedientes obtidos na mostra, que deberán ser remitidos polo concello respectivo no prazo de quince días hábiles, preferentemente en soporte dixital debidamente autenticado. Cada expediente deberá conter, polo menos, a seguinte documentación: bases da convocatoria, solicitude do beneficiario, informes de valoración, resolución de concesión, documentación xustificativa, resolución de pagamento e documentación acreditativa del, onde conste a data en que se realizou.

4. Realizadas as actuacións de control financeiro en cada un dos expedientes e emitido o informe definitivo, unha copia deste seralle remitido á Alcaldía do concello respectivo. Ademais, anualmente remitirase a cada concello un informe global de todas as actuacións realizadas, co fin de que se eleve ao Pleno da corporación, de conformidade co disposto no artigo 220.4 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais e artigo 27 do Real decreto 424/2017, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local.

5. No caso de que proceda a tramitación de expedientes de reintegro ou sancionadores, unha vez emitida a resolución definitiva que proceda, tamén lle será remitida copia desta á Alcaldía do concello respectivo. As liquidacións resultantes serán tramitadas pola Área Tributaria da Deputación, e deberá o concello adoptar o acordo de delegación da liquidación, xestión e recadación destes ingresos de dereito público. Neste caso, os ingresos obtidos serán incluídos na liquidación do período a que correspondan.

Sexta. Procedemento para o exercicio do control permanente sobre xestión indirecta dos servizos públicos municipais

1. Unha vez determinado o alcance da delegación no acordo correspondente, o concello delegante deberá achegar, polo menos, a seguinte documentación con respecto a cada servizo sobre o cal se expida:

– Normativa que defina o réxime xurídico básico do servizo (regulamento) e, de ser o caso, ordenanza reguladora da taxa ou do prezo público que se exixe aos usuarios.

– Copia completa do expediente que se tramitou para a adxudicación do contrato de concesión e oferta presentada polo adxudicatario.

– Estudo ou informe de custos do servizo.

– Padrón ou relación de usuarios do servizo e, de ser o caso, certificación dos importes obtidos pola recadación da taxa ou prezo público.

– Documentación presentada polo contratista con respecto a cada exercicio de xestión.

– Certificación, de ser o caso, dos ingresos obtidos polo canon a favor do concello ou dos pagamentos realizados a prol do contratista.

2. Recibida a documentación anterior e completada coa que poida requirirse ao concello ou á empresa contratista, o Negociado de Control Financeiro expedirá un informe provisional no prazo máximo de tres meses, que lle será notificado á Alcaldía do concello respectivo e ao contratista, para os efectos de posibles alegacións, que deberán ser presentadas no prazo de quince días hábiles. Logo de se recibiren estas, o Negociado de Control Financeiro expedirá o informe definitivo. Este informe seralle remitido á Alcaldía do concello para a súa elevación ao Pleno da corporación, consonte o previsto no artigo 36 do Real decreto 424/2017, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local, para que se leven a cabo as actuacións que procedan, e tamén á empresa contratista, para o seu coñecemento.

Sétima. Taxas pola prestación dos servizos delegados

1. Será de balde a actividade que abrangue a tramitación dos expedientes de control financeiro e a emisión dos correspondentes informes.

2. A liquidación e recadación dos reintegros de subvencións e, de ser o caso, das correspondentes sancións por incumprimentos derivados da Lei de subvencións queda sometida á taxa xeral regulada na Ordenanza fiscal número 5 desta deputación.

Oitava. Vixencia da delegación

1. A delegación por parte dos concellos das súas competencias no ámbito do control financeiro de subvencións e, de ser o caso, dos servizos públicos en xestión indirecta entrará en vigor unha vez tramitado cada expediente e publicado o acordo correspondente, e deberá manterse por un período mínimo de dous anos.

2. Este prazo inicial de delegación poderá prorrogarse tacitamente por períodos iguais se ningunha das partes lle comunica á outra, cun mínimo de tres meses de antelación ao seu vencemento, a vontade de deixar sen efecto a delegación, acordo que deberá ser adoptado polo mesmo órgano que aprobase o acordo inicial e co mesmo quórum.

Novena. Acordos de delegación e de aceptación

Unha vez que o Pleno da Deputación aprobe as presentes bases e que se publiquen no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, o procedemento para formalizar a delegación a prol da Deputación será o seguinte:

1º. Acordo provisional de delegación de competencias, adoptado polo Pleno do concello delegante co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros que compoñen a corporación, que deberá contar co informe de conformidade do órgano interventor da corporación.

2º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia, en que se abra un prazo mínimo de 30 días hábiles para o coñecemento dos interesados e para a presentación, de ser o caso, de alegacións a el.

3º. Acordo definitivo do Pleno do concello delegante, que resolva, de ser o caso, as alegacións presentadas ou eleve a definitivo o acordo provisional, de non presentarse ningunha.

4º. Notificación á Deputación do acordo definitivo da delegación; achegarase certificación expedida pola Secretaría do concello delegante.

5º. Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros que compoñen a corporación, en que se acepte a delegación se o acordo municipal se axusta ás presentes bases.

6º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto no artigo 7.2 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Décima. Normas de desenvolvemento

Logo de informes da Secretaría e Intervención, facúltase o presidente da Deputación para que poida aprobar, mediante a correspondente resolución, as normas de desenvolvemento que resulten necesarias para a interpretación ou mellor cumprimento das presentes bases».

O que se fai público para xeral coñecemento.

A Coruña, 3 de xuño de 2020

Valentín González Formoso

José Luis Almau Supervía

Presidente da Deputación Provincial
da Coruña

Secretario xeral da Deputación
Provincial da Coruña