Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 29 de xuño de 2020 Páx. 25511

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 16 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do III Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea e se convoca para o ano 2020 (código de procedemento CT143A).

A Consellería de Cultura e Turismo é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal corresponden as competencias en materia de fomento da cultura e da creación e difusión cultural en Galicia, competencias que ten asignadas en virtude do establecido no artigo 27.19 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia e que se concretan, entre outras, no fomento e na promoción da cultura, a contribución ao desenvolvemento do libro, a colaboración na promoción da plástica, a danza, a música, a imaxe e o son e as artes líricas e coreográficas.

Concretamente, o Centro Galego de Arte Contemporánea (en diante, CGAC) é un centro de arte de titularidade autonómica, dependente da consellería, entre cuxos fins se atopan a realización de mostras de carácter temporal, así como outras actividades encamiñadas á investigación e divulgación da arte contemporánea entre a poboación galega e o perfeccionamento da sensibilidade estética de Galicia.

O CGAC, de acordo co disposto na súa norma de creación, artigo 3.1.a) do Decreto 308/1989, do 28 de decembro, actualizado polo Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, é un centro artístico-técnico para exposicións, documentación e promoción da creación artística, e ten entre as súas funcións promover o coñecemento e o acceso do público en xeral á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, realizando habitualmente un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e proxectos expositivos como a colección propia.

Tendo constancia da escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, mediante esta convocatoria, o CGAC pretende promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega, apoiando así a maiores a creación nesta lingua.

Por todo o exposto e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Convócase o III Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea para o ano 2020 e establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a súa concesión (código de procedemento CT143A).

Artigo 2. Finalidade

1. En cumprimento do seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e de favorecer a comunicación social das artes plásticas, o CGAC vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.

2. Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea, a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.

Artigo 3. Contía e financiamento do premio

1. Establécese un único premio de 3.000 euros, impostos engadidos, que será outorgado á persoa que obteña a máxima puntuación de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 das presentes bases.

2. A cantidade será financiada con cargo aos recursos económicos asignados ao CGAC, aplicación 11.20.432B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 4. Procedemento e normativa reguladora

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 5. Participantes e requisitos de participación

1. Poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.

2. Non poderán resultar premiados os participantes nos cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os textos para presentar serán de tema libre, sobre aspectos da arte contemporánea, terán un carácter divulgativo e, na medida do posible, evitarase a utilización dunha linguaxe e unha estrutura excesivamente académica. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos os espazos. Na portada do texto indicarase exclusivamente o título e/ou lema. Non deberá figurar ningún dato que poida identificar a persoa participante e, polo tanto, que rompa o anonimato. O incumprimento deste aspecto provocará a exclusión do proceso.

Artigo 6. Presentación das solicitudes e traballos

1. Tendo en conta que as persoas que poden optar a este premio teñen capacidade e medios suficientes para a presentación electrónica, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da presentación electrónica. Para os efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes e traballos

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación destas bases e da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020.

Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha copia do texto.

b) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para os efectos, considérase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que os documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada. A información actualizada sobre os tamaños máximos e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Xerencia do CGAC da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, darase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Xurado e criterios de valoración

1. Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por un máximo de seis (6) membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente: a persoa titular da Dirección do CGAC.

b) Vogais: tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario.

c) Un/unha secretario/a, con voz e sen voto, elixido/a entre o persoal ao servizo do CGAC.

2. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais e publicarase no prazo máximo de vinte (20) días desde a publicación desta orde na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.gal/).

3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, o xurado relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente e proporá o texto premiado.

5. O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Orixinalidade do enfoque e elementos de innovación e creación (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:

Pola creatividade do enfoque (ata un máximo de 4 puntos).

Pola introdución de elementos innovadores respecto doutros ensaios publicados anteriormente sobre a mesma temática ou sobre temas análogos (ata un máximo de 4 puntos).

Pola presenza de relacións con outras disciplinas artísticas ou científicas (ata un máximo de 2 puntos).

b) Singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:

Por empregar unha metodoloxía innovadora para o estudo das artes visuais ou performativas (ata un máximo de 6 puntos).

Por ocuparse dun tema ou dun período histórico escasamente tratado ou estudado na bibliografía publicada con anterioridade á convocatoria deste premio (ata un máximo de 4 puntos).

c) Calidade literaria do texto (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:

Claridade e adecuación da mensaxe (ata un máximo de 2 puntos).

Ritmo, fluidez, cohesión e coherencia das ideas expresadas (ata un máximo de 2 puntos).

Presenza dun ton ou dunha voz persoal ou orixinal (ata un máximo de 2 puntos).

Riqueza e precisión léxica (ata un máximo de 2 puntos).

Corrección formal do texto (ortografía, usos gramaticais, adecuada división en parágrafos, uso de maiúsculas, etc.) (ata un máximo de 2 puntos).

6. O xurado poderá propor que se declare o premio deserto.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio e recollido na acta correspondente, a persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, a concesión do premio, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://cgac.xunta.gal/ e notificaráselle á persoa premiada.

2. O prazo para ditar e notificar a resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva, a persoa premiada disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A resolución que se dite neste procedemento esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa administrativa.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

O premio outorgado por estas bases será aboado dentro do exercicio económico 2020, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e o cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Artigo 16. Condicións xerais de participación

1. A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido nos seus artigos e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

2. A Consellería de Cultura e Turismo reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes da persoa, polos medios e formas de comunicación que considere convenientes durante todo o tempo que considere necesario, e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

3. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda edición, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.

Artigo 17. Obrigas da persoa beneficiaria, compatibilidade e reintegro

1. A persoa beneficiaria queda obrigada a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura e Turismo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. O premio será compatible con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro total ou parcial da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 18. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

O premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo na persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá nese formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional terceira. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file