Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25693

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de xuño de 2020 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Colexio Oficial de Médicos (COM) de Lugo.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Colexio Oficial de Médicos (COM) de Lugo, con domicilio na rúa Ramón y Cajal número 1, en Lugo,

Feitos:

1. O 4 de xuño de 2019, Manuel Boquete París, presidente do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Colexio Oficial de Médicos (COM) de Lugo constituíuna en escritura pública outorgada en Lugo o 17 de xuño de 2019, ante a notaria Montserrat Trigo Mayor, co número de protocolo 903, o Colexio Oficial de Médicos de Lugo, representado para este acto por Manuel Boquete París, Francisco Javier Carballada González e Rafael Sánchez Fernández, na súa condición de presidente, tesoureiro-contador e secretario xeral do colexio, respectivamente.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada o 3 de febreiro de 2020 ante a mesma notaria, co número 200 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar a formación e a protección social dos médicos, impulsar o estudo e a investigación en materias relacionadas coa saúde, favorecer a divulgación e o coñecemento por parte dos cidadáns das materias relacionadas coa saúde e coa política sanitaria, e realizar calquera tipo de actividades que sexan susceptibles de contribuír á mellora da saúde da poboación.

4. O Padroado inicial da fundación está constituído por Manuel Boquete París, na súa condición de presidente do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, como presidente; Rafael Sánchez Fernández, na súa condición de secretario xeral do colexio, como secretario; e Francisco Javier Carballada Fernández, na súa condición de tesoureiro-contador do colexio, como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Colexio Oficial de Médicos (COM) de Lugo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de xuño de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Colexio Oficial de Médicos (COM) de Lugo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interporse previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza