Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25856

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 15 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación dunha modificación substancial da autorización ambiental integrada outorgada a Cooperativas Orensanas, S.C.G. para o seu Centro de Procesado Avícola de Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense (expediente 2018-IPPC-M-115).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) e no Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro) faise público que:

Por espazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada polo titular no procedemento 2018-IPPC-M-115 de modificación substancial da autorización ambiental integrada co número de rexistro 2007/0081_NAA/IPPC_143, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Esta modificación resúmese no anexo deste anuncio.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente da modificación substancial: 2018-IPPC-M-115.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2007/0081_NAA/IPPC_143.

Titular: Cooperativas Orensanas, S.C.G. (Coren).

Enderezo da instalación: Centro de Procesado Avícola (CPA), 32990 Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.

Resumo da modificación: a modificación consistirá basicamente nas instalacións necesarias para unha caldeira de xeración de vapor que empregará como combustible a galiñaza procedente das granxas do grupo Coren (caldeira Binder). Esta nova caldeira, compartirá algunhas instalacións e elementos auxiliares coa caldeira Reba do CPA, que tamén se dedica á produción de vapor empregando o mesmo tipo de combustible. A nova caldeira terá unha produción de vapor de 7.000 kg/h a 12 bares de presión. O vapor xerado subministrarase aos diferentes procesos do CPA.

Verteduras: durante a fase de explotación desta caldeira, non se xerarán augas residuais e os únicos efluentes xerados serán os procedentes da limpeza puntual, do mantemento preventivo e das purgas da caldeira. Estes efluentes dirixiranse á EDAR do CPA.