Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 2 de xullo de 2020 Páx. 26118

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 94/2020, do 19 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño dun treito da estrada autonómica PO-344 entre o punto quilométrico 1+690 e o punto quilométrico 2+770.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Tomiño xunto coa Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o día 4.8.2017 un convenio de colaboración para levar a cabo mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano de Seixo. Entre as obrigas establecidas no convenio, o Concello de Tomiño asumiu a obriga de aceptar a titularidade do treito intermedio da PO-344 entre os puntos quilométricos 1+720 e 2+750.

O Servizo de Explotación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas considera que, por razóns de eficiencia na explotación e conservación, se aumente a lonxitude do treito que se vai transferir ata facelo coincidir co perímetro exterior das glorietas construídas antes e despois da travesía que se transfire, e dicir, desde o punto quilométrico 1+690 ao punto quilométrico 2+770.

A estrada PO-334 ao seu paso polo núcleo de Seixo conta con marcadas características urbanas, está integrada no tecido urbano e o seu tráfico rodado é maioritariamente de ámbito local. A variante da estrada PO-344 constitúe a alternativa viaria á estrada PO-344 no núcleo de Seixo.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xuño de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas

UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

PO-344

Forcadela (PO-552)-Couso (PO-340)

1+690

X=521.116

Y=4.648.542

2+770

X=521.584

Y=4.649,447

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Tomiño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Tomiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade