Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se recoñece a billarda como modalidade deportiva.

Baixo a adopción de distintas denominacións (cachiza, estornela, lipe, pincha ou pateiro), a billarda é un xogo de equipo cuxa práctica aparece constatada en distintas zonas da xeografía galega desde a Idade Media. Tamén outras comunidades do Estado español como Asturias, Canarias, Cataluña ou Extremadura, teñen prácticas equivalentes, ao igual que sucede noutros territorios do planeta, desde as illas Británicas a Filipinas, pasando por Alemaña, Italia, Pakistán ou Corea, entre outros.

Logo desta práctica secular en Galicia, no 2003 comezou unha moi significativa recuperación desde a Mariña lucense coa celebración dos primeiros Torneos Abertos de Billarda na Mariña, xerme da actual Liga Nacional de Billarda que, organizada en 3 Conferencias (Nordeste, Noroeste e Rías Baixas), engloba a deportistas e clubs das distintas provincias galegas.

Pola súa banda e de forma paralela, a organización pola Secretaría Xeral para o Deporte dos Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar (programa Xogade) vén reservando desde hai uns anos un espazo propio no seu programa ao desenvolvemento dos xogos populares. A través da billarda, dos bolo celtas e da chave, os escolares practican unha actividade física e deportiva ao tempo que promoven, e axudan a manter, a cultura e tradición galega.

A actividade física e deportiva, e sobre todo a práctica dos xogos de equipo, son unha parte esencial das vidas e da historia dos pobos. O deporte está vinculado á identidade e á cultura, e axuda a entender a forma de ser das persoas que os practican. Ademais, o seu valor subxacente como transmisor de valores, fai do elemento deportivo un aspecto esencial na formación e na educación formal e non formal dos mozos e mozas, impulsando unha cidadanía activa, tolerante e solidaria. Neste marco xeral e común a toda práctica deportiva, la práctica da billarda reforza ademais unha xestión sa e sostible do entorno natural, e fortalece unha tradición galega que é común, e nos une, a sitios tan dispares do globo.

II

A Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia, recolle entre os seus principios reitores «o recoñecemento do deporte como elemento integrante da cultura galega e a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma» (artigo 3.e), establecendo ademais que «as administracións públicas de Galicia promoverán a recuperación, o mantemento, a práctica e o desenvolvemento dos deportes autóctonos, propios da Comunidade Autónoma, en colaboración coas entidades oficialmente recoñecidas neste ámbito» (artigo 15).

Correspóndelle á Administración autonómica recoñecer as modalidades e as especialidades deportivas (artigos 5.1.k) e 17.1), entendéndose por modalidade deportiva «o conxunto de prácticas e regras que conforman unha forma peculiar de práctica deportiva con carácter autónomo e diferenciado de calquera outra» (artigo 17.2). A norma legal do deporte en Galicia, establece ademais que a determinación dunha modalidade deportiva farase sobre a base das técnicas utilizadas para o exercicio, a destreza necesaria, a diferenciación con outras modalidades, a implantación e o nivel de práctica e que, para o recoñecemento dunha modalidade, terase en conta, entre outros factores, a práctica autóctona (artigo 17).

Segundo se establece no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, corresponde á Secretaría Xeral para o Deporte é «o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas» (artigo 5.1).

III

Consonte ao referido, e visto o cumprimento pola práctica da billarda das condicións, criterios e parámetros técnico deportivos necesarios para que a citada actividade poida ser recoñecida como modalidade deportiva; vista tamén a súa valía como práctica autóctona e a súa participación no patrimonio cultural galego; consonte as atribucións conferidas pola Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia, artigos 5 e 17.

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer como modalidade deportiva en Galicia a billarda, e autorizar a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das entidades deportivas que a practiquen.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos os interesados.

Contra esta resolución que esgota a vía administrativa poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a Secretaría Xeral para o Deporte, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte