Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26669

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 23 de xuño de 2020 pola que se resolve a integración da Biblioteca Pública Municipal de Barro na Rede de Bibliotecas de Galicia.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

De conformidade co Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa e estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Á Consellería de Cultura e Turismo, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas públicas ou servizos bibliotecarios na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

O Concello de Barro solicitou a integración na Rede de bibliotecas de Galicia do seu centro bibliotecario municipal e os servizos técnicos desta consellería comprobaron que cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

Por proposta do director xeral de Políticas Culturais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a integración da Biblioteca Pública Municipal de Barro na Rede de bibliotecas de Galicia.

Segundo. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros.

Terceiro. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non cumprirse este prazo deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivamento definitivo da solicitude.

Cuarto. O posterior incumprimento do devandito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de bibliotecas de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo