Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26674

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2020 pola que se publica a addenda modificativa ao Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A.

Con data do 15 de xuño de 2020 asinouse a addenda modificativa ao Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A.

O devandito convenio asinouse o 1 de xuño de 2018 e publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 152, do 9 de agosto de 2018.

De conformidade co número 4 da cláusula sétima do Convenio, as posibles modificacións deste convenio, acordadas de forma unánime polos asinantes, deberán formalizarse mediante a subscrición do correspondente instrumento modificativo, cos mesmos requisitos e condicións exixidos para a aprobación do inicial.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 11.3.b) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) dispón a publicación da mencionada addenda modificativa no Diario Oficial de Galicia.

Ao abeiro da Resolución do 9 de xuño de 2020 pola que se regula a suplencia nas funcións da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria, o presidente do organismo autónomo resolveu encomendar o exercicio das funcións propias e as exercidas por delegación, da Dirección do Fogga, ante a vacante producida, á persoa titular da Secretaría do organismo.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar a addenda modificativa ao Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A., que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

O director do Fondo Galego de Garantía Agraria
P.S. (Resolución do 9.6.2020)
Marta Forés Lojo
Secretaria do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO

Addenda modificativa ao

Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para a realización dos controis do sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A.

En Madrid,

REUNIDOS

Dunha parte, Luis Planas Puchades, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, en virtude do Real decreto 8/2020, do 12 de xaneiro, polo que se nomean ministros do Goberno, de acordo coas facultades que lle atribúe o artigo 61 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

E doutra, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, actuando en nome e representación da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a teor do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, e en virtude do Decreto 99/2018, do 26 de setembro.

Actuando ambos en razón das súas respectivas competencias e recoñecéndose poderes e facultades para formalizar a presente addenda modificativa,

EXPOÑEN

Primeiro.

Con data do 1 de xuño de 2018 asinouse o Convenio de encomenda de xestión entre o entón Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, agora Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para que a Axencia de Información e Control Alimentarios O.A. realizase os controis das declaracións do Sistema de información dos mercados oleícolas.

Segundo.

O Convenio ten por obxecto a encomenda de xestión da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (encomendante) á Axencia de Información e Control Alimentarios O.A. (encomendada) para a realización dos controis que sexan necesarios co fin de verificar a certeza dos datos incluídos nas declaracións efectuadas ao Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) polos operadores cuxas instalacións se atopen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como determinar as condicións que rexerán a encomenda de xestión.

A encomenda non supón cambio da titularidade das competencias que sobre a materia corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.

O Convenio de encomenda de xestión foi publicado pola Resolución do 5 de xuño de 2018, da Axencia de Información e Control Alimentarios O.A., no Boletín Oficial del Estado do 16 de xuño de 2018. Así mesmo, o Convenio foi publicado pola Resolución do 26 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, no Diario Oficial de Galicia do 9 de agosto de 2018.

Cuarto.

A cláusula sétima do Convenio de encomenda de xestión sinala que este resultará eficaz unha vez asinado, e debe ser publicado no Boletín Oficial del Estado, así como no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, a cláusula dispón que a súa vixencia será de dous anos prorrogables por outros dous, logo de acordo das partes, que deberá ser adoptado antes da finalización do prazo de vixencia orixinal.

O número 4 da mesma cláusula sétima establece que as posibles modificacións deste convenio, acordadas de forma unánime polos asinantes, deberán formalizarse mediante a subscrición do correspondente instrumento modificativo, cos mesmos requisitos e condicións exixidos para a aprobación do inicial.

Quinto.

Tendo en conta a experiencia adquirida desde a entrada en vigor do Convenio e co fin de que AICA poida realizar unha planificación máis racional dos controis incluídos na encomenda de xestión, mellorando a eficacia das accións que vai desenvolver cos medios e os recursos dispoñibles da Axencia, dado o elevado número dos operadores que é necesario controlar, así como a variedade de actividades que realizan, as partes resolveron modificar a cláusula sétima do Convenio, para establecer que a súa vixencia será ata o 30 de setembro de 2024, data en que finaliza a campaña 2023/2024 de aceite de oliva, para os efectos das obrigacións contables e de información establecidas no Real decreto 861/2018, do 13 de xullo, polo que se establece a normativa básica en materia de declaracións obrigatorias dos sectores do aceite de oliva e as olivas de mesa e polo que se modifica o Real decreto 772/2017, do 28 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, de acordo co establecido na disposición adicional primeira del.

Por todo iso, en atención aos obxectivos de común interese que perseguen, ambas as partes acordan subscribir a presente addenda modificativa ao Convenio de encomenda de xestión asinado o 1 de xuño de 2018, de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Modificación da cláusula sétima do Convenio

Modifícase o número 2 da cláusula sétima do Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A., subscrito o 1 de xuño de 2018, que pasará a ter a seguinte redacción:

O Convenio estará en vigor ata o 30 de setembro de 2024. Logo de acordo, que deberá ser adoptado antes desta data, as partes poderán prorrogar a vixencia do Convenio ata o 30 de setembro de 2028.

Segunda. Eficacia da addenda modificativa

Esta addenda modificativa terá efectos desde a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, tras a súa correspondente inscrición no Rexistro de convenios de colaboración e encomendas de xestión do sector público estatal (RCESPE) e no Diario Oficial de Galicia.

En proba de conformidade, e para a debida constancia de todo o convido, asínase a presente addenda modificativa, electronicamente, na data que se indica.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades. O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez.