Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26785

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ribadeo

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de protección das Catedrais.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da vixente Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, faise público que o Pleno do Concello, na sesión extraordinaria que tivo lugar o día 9 de xuño de 2020, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente o Plan especial de protección das Catedrais, documento de aprobación definitiva de maio de 2020 que consta no expediente administrativo tramitado, segundo os informes emitidos e que tamén constan no procedemento.

Igualmente, xunto á publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público.

Cuestións ambientais

Efectos sobre os elementos estratéxicos

Unha vez aprobado o plan especial prevense os seguintes efectos sobre os elementos estratéxicos identificados nesta memoria:

• Modificación da accesibilidade e da mobilidade, incluído o traslado das zonas de aparcadoiro que elimine os impactos visuais e ambientais actuais sobre o propio monumento natural e corrixa as disfuncionalidades detectadas nos fluxos de circulación en períodos de máxima afluencia.

• Provisión de equipamentos integrados na paisaxe que acollan actividades de divulgación e difusión do monumento e faciliten a inserción territorial de usos que hoxe se dispoñen de xeito ventureiro ou presentan un alto impacto visual, coma o restaurante ou os postos de venda ambulante.

• Deseño dunha estratexia de participación pública que asegure a complicidade da cidadanía cos obxectivos e intereses do plan especial.

• Inclusión de xeito prioritario das determinacións do Plan de ordenación do litoral, que regula as actividades e uso dentro das áreas que delimita e que, no ámbito que nos ocupa son catro: área de mellora ambiental e paisaxística, área de protección costeira, dentro da cal se sitúan tamén a área de espazos de interese e a rede de espazos naturais.

• Inclusión de xeito prioritario das determinacións do Decreto 37/2014 polo que se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, do Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, polo que se declara a praia das Catedrais monumento natural, e do Decreto 80/2015, polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais.

A xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como as discrepancias xurdidas no proceso.

Aplicación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada

No artigo 6.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínese o ámbito de aplicación da avaliación ambiental estratéxica simplificada:

• As modificacións menores dos plans e programas que deben ser obxecto de avaliación ambiental ordinaria.

• Os plans e programas que cumpran as condicións para ser sometidos a avaliación ambiental ordinaria, pero establecen o uso, a nivel municipal, de zonas de reducida extensión.

• Os plans e programas que, establecendo un marco para a autorización no futuro de proxectos, non cumpran os demais requisitos exixidos para ser obxecto de avaliación ambiental ordinaria.

Así mesmo, a Lei 2/2016, do solo de Galicia, prescribe no artigo 46.2 o procedemento de avaliación ambiental estratéxica abreviada para os plans especiais como o que se presenta, confirmado polos artigos 185 e 186 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016.

Polos motivos expostos anteriormente xustifícase o sometemento desta modificación puntual á avaliación ambiental simplificada. Esta motivación é compartida polo órgano ambiental no seu requirimento de emenda de solicitude de inicio da AEE do plan especial (expediente 2016AEE1866) e confirmada posteriormente coa emisión do informe ambiental estratéxico (IAE) do 22 de agosto de 2016, que dá por finalizada a avaliación ambiental estratéxica simplificada. As prescricións do IAE deberán incorporarse ao plan especial para a súa aprobación e son as seguintes:

a) Estender o ámbito do plan especial á totalidade dos terreos incluídos na declaración do monumento natural da praia das Catedrais.

b) En todo o ámbito de influencia visual do monumento natural, os proxectos de construción ou infraestruturas deberán conter un estudo de impacto e integración paisaxística, conforme o sinalado no artigo 11 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

c) As actuacións previstas no desenvolvemento do plan especial que poidan afectar o monumento natural (como a substitución das sendas interiores por plataformas sobreelevadas, o novo acceso ao areal, ou os labores de restauración de parcelas) deben realizar unha avaliación axeitada das súas repercusións no espazo, garantindo a non afección aos hábitats e especies protexidos, e contar co informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

d) O plan deberá prestar especial atención ao deseño da área de solo dotacional, onde se prevé a implantación dos aparcadoiros, o centro de interpretación e a zona de recepción de visitantes, para acadar un bo grao de naturalización coa contorna. Así, o tratamento destas áreas terá un impacto mínimo sobre o solo, a cuberta vexetal e a iluminación natural da zona.

e) Incorporaranse as medidas de seguimento ambiental do plan, o seguimento do fluxo de visitantes e do uso das diferentes infraestruturas, identificando posibles efectos imprevistos.

O contido íntegro do dito plan queda á disposición do público na sede electrónica do Concello de Ribadeo, http://ribadeo.gal/.

Ribadeo, 29 de xuño de 2020

Fernando Suárez Barcia
Alcalde