Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 10 de xuño de 2020 figura o seguinte acordo:
Monte da Voutureira, pertencente aos veciños do lugar da Voutureira, da parroquia de Chouzán, do termo municipal de Carballedo. O 29 de maio de 2019 recíbese unha copia autenticada da sentenza firme ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Chantada, do 3 de setembro de 2018, no procedemento ordinario 44/2018, na cal, estimando integramente a demanda presentada, se declara: «[...] que o terreo descrito no feito segundo da demanda é monte veciñal en man común do lugar da Voutureira, parroquia de Chouzán, pertencente aos veciños do dito lugar en réxime de comunidade xermánica e sen asignación de cotas [...]».
O 6 de marzo de 2020, o Servizo de Montes elabora unha carpeta (número 41/2019) coa memoria e cartografía que se corresponden co dito monte declarado pola sentenza e na cal se recollen os predios clasificados e os lindeiros. O monte da Voutureira, pertence aos veciños do lugar da Voutureira, da parroquia de Chouzán, no termo municipal de Carballedo, e ten unha superficie de 34,3 ha.
Unha vez examinada a dita sentenza, o xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido nela, de xeito que se proceda á súa inscrición na sección provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, coa planimetría e lindeiros que constan na carpeta elaborada polo Servizo de Montes, e asignarlle o número de expediente 1/2020.
Ao descoñecerse o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, comunícase o dito acordo.
Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
Lugo, 19 de xuño de 2020
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo


