Visto o texto da addenda ao acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega, Comisións Obreiras de Galicia, Central Sindical Independente de Funcionarios e Unión Xeral de Traballadores de Galicia, sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, a Secretaría Xeral de Emprego
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).
Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020
Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego
Addenda ao acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega, Comisións Obreiras de Galicia, Central Sindical Independente de Funcionarios e Unión Xeral de Traballadores de Galicia sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas
Con data do 11 de xuño de 2018 (DOG nº 235, do 11 de decembro) asinouse o acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras de Galicia, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Confederación Intersindical Galega e Central Sindical Independente de Funcionarios de Galicia, sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, que se que se fundamentaba sobre tres eixes.
1º. Racionalización das categorías laborais existentes, coa refundición de categorías con funcións similares.
2º. Definición de funcións das categorías laborais, en prol de buscar unha regulación que supere a existente, que é claramente obsoleta.
3º. Dotación de prazas e cobertura delas mediante procesos selectivos: o obxectivo fundamental é contar con postos dedicados á vixilancia das estradas.
No DOG nº 19, do 28 de xaneiro de 2019, publicouse o Acordo de concertación do emprego público de Galicia asinado entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UXT con data do 15 de xaneiro de 2019.
Dentro dos obxectivos que se marcan no dito acordo está o de avanzar na regulamentación establecida na Comunidade Autónoma en relación coa funcionarización do persoal laboral dentro do marco máis amplo que permita a normativa, coa finalidade de tender a un único réxime xurídico, o funcionarial, para o persoal dependente da Dirección Xeral da Función Pública.
Outro dos obxectivos que se extrae do acordo de concertación é o fomento da promoción interna, para o cal se prevé que non se computen dentro do límite máximo de prazas derivado da taxa de reposición de efectivos as prazas que se convoquen mediante procesos de promoción interna.
Polo demais, e no que atinxe especificamente ao acordo asinado entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, o acordo de concertación prevé a incorporación na OEP de 2019 dos compromisos asumidos en relación co persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas.
Así pois, o novo marco deseñado polo acordo de concertación, así como a previsión de inclusión na OEP de 2019 dos compromisos de oferta de prazas de persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas a procesos selectivos de promoción interna, previstos para o ano 2018 e 2019, fan conveniente introducir modificacións no acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras de Galicia, Unión Xeral de Traballadores de Galicia e Central Sindical Independente de Funcionarios de Galicia sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas.
Acordan:
Primeiro. Modificar o punto 1º Racionalización de categorías laborais, que pasará a quedar redactado do seguinte xeito:
1º. Funcionarización de categorías laborais.
O persoal laboral fixo do grupo III, categorías 7 (técnico/a práctico/a en control e vixilancia de obras, técnico auxiliar de obras), 8 (encargado/a xeral), 9 (técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas), 60 (auxiliar técnico/a de obra, auxiliar técnico/a de obra TIE), 23 (celador de estradas/capataz de estradas), 64 (operador/a de maquinaria pesada) e 67 (capataz de cuadrilla), será obxecto dun proceso de funcionarización ao abeiro do acordo de concertación.
Ao persoal laboral fixo que, a consecuencia deste proceso, adquira a condición de funcionario/a de carreira, adxudicaráselle destino definitivo, de carácter funcionarial, no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.
Esta previsión será aplicable exclusivamente ao persoal laboral fixo das categorías e do grupo do ámbito de aplicación deste acordo.
Segundo. Modificar o punto 3º Dotación de prazas e cobertura delas mediante procesos selectivos, que queda redactado do seguinte xeito:
3º. Dotación de prazas e cobertura delas mediante procesos selectivos.
A Axencia Galega de Infraestruturas fixa como obxectivo a creación dun mínimo de 57 prazas da escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas (subgrupo C1), para atender as peticións de realización de funcións de vixilancia trasladadas por parte do persoal laboral fixo nas enquisas realizadas, por petición das organizacións sindicais, nos servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas.
Nunha primeira quenda ofertaranse 38 prazas, para convocar o antes posible tras a sinatura desta addenda e resolvelas no ano 2019. As prazas que quedasen sen cubrir acumularanse ás 19 prazas restantes e ofertaranse no ano 2020, pondo fin a este acordo.
As prazas de nova creación uniranse ás que xa existan como consecuencia da funcionarización das categorías que se relacionan no punto 1 deste acordo.
A cobertura desas prazas será obxecto dun proceso selectivo de funcionarización, mediante unha promoción interna separada, na cal só poderá participar o persoal laboral fixo da categoría 31 do grupo IV (legoeiro), sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos durante polo menos dous anos, como persoal laboral fixo, e reúnan os requisitos exixidos, e será polo sistema de concurso-oposición.
As partes acordan que, finalizados todos os procesos de promoción interna previstos neste acordo á escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas (subgrupo C1), se ofertarán, de ser o caso, á quenda de acceso libre as vacantes que houber no último proceso de promoción interna a esta escala, segundo as previsións establecidas na normativa en materia de función pública.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comprométese, xunto coas centrais sindicais, a promover o procedemento necesario para que o persoal do grupo IV categoría 31 que non teña a titulación exixida poida concorrer a unha praza da escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas (subgrupo C1), mediante o proceso de promoción interna descrito neste punto, unha vez obtida a titulación académica necesaria, para o cal a Administración promoverá o procedemento adecuado para a obtención desa titulación necesaria.
Darase traslado desta addenda ao órgano competente en materia de función pública para que as prazas se inclúan nas correspondentes ofertas de emprego público na quenda de promoción interna.
A creación de prazas farase efectiva unha vez rematado cada un deses procesos selectivos.
A Administración, a través da Dirección Xeral da Función Pública, negociará coas organizacións sindicais as bases deses procesos.
Terceiro. Suprímese o ordinal 5º Funcionarización do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega, Comisións Obreiras de Galicia, Central Sindical Independente de Funcionarios de Galicia e Unión Xeral de Traballadores de Galicia, sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, por quedar recollido no punto 1º do acordo.
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019