Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 10 de xullo de 2020 Páx. 27561

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2020 pola que se acorda a reapertura dos centros de atención diúrna para persoas maiores e persoas con discapacidade, centros ocupacionais e casas do maior.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e a loita contra a pandemia.

Neste sentido, o 12 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o acordo polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Con data do 14 de marzo de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado núm. 67 o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19.

No eido dos servizos sociais, en atención á especial protección que se debe prestar á poboación sensible ou en especial risco, acordouse a suspensión de toda a actividade dos centros de día de persoas maiores e de persoas con discapacidade e dos centros ocupacionais.

Tras os escenarios de contención e mitigación da pandemia, a tendencia decrecente no número de novos casos fixo posible o inicio da etapa de desaceleración, ao abeiro do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19. Durante esta etapa foi necesario planificar a suspensión progresiva adecuada das medidas establecidas nas fases de contención e mitigación que, aínda que se mostraron efectivas para diminuír o número de contaxios, ao favoreceren o distanciamento social, ocasionan un importante impacto nas persoas usuarias dos centros de atención diúrna, tanto físico como psicolóxico e social.

Así, con data do 15 de maio de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección ocasionada polo virus SARS-CoV-2, plan que se modificou na Comisión Clínica para a Xestión da Crise Sanitaria de COVID-19 o 15 de xuño de 2020. Neste plan establécense as liñas de acción nos centros de atención diúrna, e indícase que o proceso de reactivación debe de ser gradual, dinámico e reversible de xeito que permita recuperar a actividade de forma progresiva sen incrementar o risco de aparición dun abrocho. Así, a reactivación dos centros constará de tres etapas, de 15 días de duración cada unha; en cada etapa establecerase unha ocupación máxima do 50 %, 75 % e 100 %, respectivamente.

O antedito Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, establece no seu artigo 10, respecto dos servizos sociais, que os titulares dos centros deben dispor de plans de continxencia por COVID-19 orientados á identificación precoz de posibles casos entre persoas usuarias e traballadoras e os seus contactos, activando, de ser o caso, os procedementos de coordinación coa estrutura do servizo de saúde que corresponda.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, recolle no punto 4 do seu anexo as medidas específicas respecto de centros, servizos e establecementos sanitarios e de servizos sociais. En concreto, o punto 4.3.h) e i) establece que permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura, os centros de atención diúrna para persoas maiores ou persoas con discapacidade, os centros ocupacionais e as casas do maior.

Durante o mes de xuño de 2020 realizouse, para os centros de día e os centros ocupacionais, a formación específica en prevención da COVID-19 impartida pola Consellería de Política Social, e as súas entidades titulares tiveron tempo para elaborar os plans de continxencia dos centros e para dotarse dos medios e equipamentos de prevención e protección precisos para desenvolver a actividade con seguridade.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 e á vista da situación epidemiolóxica en Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a reapertura dos centros de atención diúrna para persoas maiores e persoas con discapacidade, dos centros ocupacionais e das casas do maior na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do día 15 de xullo de 2020.

Segundo. A reapertura de cada centro realizarase unha vez aprobado o seu plan de continxencia pola área sanitaria do Servizo Galego de Saúde que corresponda.

Terceiro. Para os efectos do restablecemento dos servizos sociais que se prestan nos centros, o proceso de reapertura realizarase seguindo as medidas, indicacións e recomendacións recollidas no Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección ocasionada polo virus SARS-CoV-2, dispoñible nas páxinas web da Consellería de Política Social e da Consellería de Sanidade.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social