Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 10 de xullo de 2020 Páx. 27589

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR465A).

BDNS (Identif.): 514250.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria. As empresas poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

2. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, polo que non será posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumpre este trámite.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2020 (procedemento MR465A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR465A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 65.000 euros. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
P.S. (Resolución do 9.6.2020)
Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral de Desenvolvemento Rural