Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 10 de xullo de 2020 Páx. 27613

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia e ás persoas redeiras para compensar a perda de ingresos como consecuencia da pandemia de COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento PE209K e PE209L).

O 19 de marzo de 2020, a Comisión adoptou a comunicación titulada «Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19» [C(2020) 1863], que foi obxecto de modificacións posteriores [C(2020) 2215] e [C(2020) 3156], adoptadas o 3 de abril de 2020 e o 8 de maio de 2020 (en diante «o Marco temporal»), que faculta os Estados membros para concederen temporalmente cantidades limitadas de axuda en forma de subvencións directas, anticipos reembolsables ou vantaxes fiscais, garantía de préstamos ou tipos de xuro subvencionados para os préstamos, ás empresas como consecuencia da pandemia producida polo coronavirus SARS-CoV-2.

Ao abeiro do citado Marco temporal as autoridades nacionais comunicaron á Comisión o réxime de axudas denominado Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, que foi aprobado mediante a Decisión C (2020) 2154, que ampara as axudas previstas nesta orde.

O importe máximo por empresa do sector da pesca e a acuicultura será de 120.000 euros e os beneficiarios poden ser empresas que se enfronten a dificultades económicas e financeiras como consecuencia da pandemia do virus. As axudas previstas no presente Marco temporal poden concederse ata o 31 de decembro de 2020.

A Consellería do Mar analizou coas entidades asociativas e as confrarías de pescadores a necesidade de articular axudas para a compensación das perdas xeradas pola baixada de produtos vendidos a través das lonxas galegas, como consecuencia da pandemia COVID-19, e, en particular, o establecemento do estado de alarma a través do Real decreto 463/2020, que supuxo o peche da coñecida como canle HORECA e, polo tanto, a caída da venda de produtos da pesca e marisqueo realizadas a través das lonxas. En Galicia o colectivo de redeiras viu como se reducían os seus ingresos durante a alerta sanitaria como consecuencia do freo da actividade pesqueira, polo que é fundamental apoiar a súa reactivación.

Debido a esta situación excepcional deben adoptarse medidas de urxencia de carácter conxuntural, que permitan paliar estes efectos. As presentes axudas están dirixidas aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia que mantiveron a súa actividade, pola caída dos ingresos derivados da venda en lonxas galegas de produtos pesqueiros e do marisqueo como consecuencia do establecemento do estado de alarma.

Ante esta situación, é necesario publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a súa concesión e realizar a correspondente convocatoria.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería do Mar en materia de comercialización de produtos da pesca, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión e a convocatoria para 2020, de axudas destinadas por un lado aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia, con código de procedemento PE209K, e por outro ás persoas redeiras, con código de procedemento PE209L, para compensar a diminución de ingresos debido ao estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas.

2. A súa finalidade é apoiar as empresas armadoras e ás persoas redeiras que visen afectados os seus resultados económicos ou se enfronten a unha falta de liquidez ou outros prexuízos significativos a raíz do brote de COVID-19.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificación de tipos de interese en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I), notificado o 27 de marzo de 2020, á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no devandito Marco compatibles co mercado interior.

4. Estas axudas ampáranse no número 3 do Marco nacional temporal I, relativo á concesión de axudas en forma de subvencións directas.

5. Estas axudas non afectan ningunha das categorías de axuda a que fai referencia o artigo 1.1, letras a) a k), do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión (Axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura).

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea; Comunicación C(2020) 1863 pola que se prevén axudas temporais aos Estados membros da Unión Europea para soporte das economías dos Estados membros como consecuencia da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, e modificacións; Decisión C (2020) 2154 da Comisión pola que se autoriza o Marco nacional temporal de axudas para apoiar a economía pola epidemia de COVID-19; Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.773.0 dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, sendo o importe máximo 7.700.000 €. Desta cantidade total, 7.300.000 € destinaranse aos/ás armadores/as de buques pesqueiros e 400.000 € ás persoas redeiras.

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. A concesión das axudas mencionadas realizarase con cargo aos créditos do orzamento da Consellería do Mar, nun 100 %, e estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases os armadores de buques pesqueiros (3ª lista) con domicilio social en España que figuren inscritos no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, de buques con porto base en Galicia actualmente e desde 14.3.2020.

Para ter a condición de persoa beneficiaria, os armadores anteriormente mencionados deben sufrir perdas de, polo menos, un 25 por 100 nos ingresos derivados da actividade de primeira venda de produtos da pesca e marisqueo frescos e refrixerados en lonxas galegas no período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio, ambos incluídos, en relación coa media do mesmo período dos anos 2017, 2018 e 2019.

2. Así mesmo, tamén poderán ser beneficiarias destas axudas todas aquelas persoas que realicen a actividade de redeira e estean afiliadas ao réxime especial de traballadores do mar por conta propia e integrada nunha asociación de redeiras na Comunidade Autónoma de Galicia que levasen a cabo a actividade de armado de redes no ano natural anterior á data de presentación da solicitude.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

1. Para o suposto de armadores de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) O buque pesqueiro deberá exercer a actividade pesqueira entre o 14 de marzo ao 15 de maio de 2020.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

c) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non ser unha empresa en crise o 31 de decembro de 2019 de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2014/ C249/01).

e) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade.

f) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No suposto de persoas redeiras:

a) Estar de alta no réxime especial do mar por conta propia como persoa redeira na data de solicitude.

b) Pertencer a unha asociación de persoas redeiras con domicilio fiscal en Galicia.

c) Acreditar por parte da asociación/federación a que pertence que desenvolveu os seus labores como persoa redeira durante algún período do ano natural anterior, así como no período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio de 2020.

d) Ter perdas económicas como consecuencia do estado de alarma, que será acreditado a través do descenso de actividade económica certificado pola asociación/federación a que pertence.

e) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao corrente no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigacións das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

c) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, deberá declarar por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos custos subvencionables que en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario recibise durante o exercicio fiscal en curso.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

Artigo 7. Contía da axuda e modo de determinación

1.A contía da subvención determinarase da seguinte forma:

a) No suposto de armadores de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia:

Consistirá nunha cantidade para o período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio, ambos incluídos, cun límite máximo de 120.000 € por empresa beneficiaria de acordo coa letra a) do punto 23 do Marco temporal para medidas de axuda estatal para apoiar a economía no brote actual de COVID-19 (C(2020) 1863 final, que se calculará da seguinte maneira:

– A partir dos datos de notas de venda transmitidos á Comunidade Autónoma de Galicia obterase o ingreso (€) por prezo de venda de cada embarcación durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio de 2020.

– Da mesma maneira, calcularase o ingreso medio do período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio dos anos 2017, 2018 e 2019 de cada embarcación. Se o buque non tivo actividade e, por tanto, vendas nalgún deses tres anos computará cero para eses anos pero a media farase dos tres.

– Se os ingresos obtidos en 2020 de acordo cos datos da nota de venda, máis as cantidades vendidas noutras comunidades autónomas nese período, son superiores, iguais ou inferiores ata un 25 % á cantidade media obtida no período similar dos tres anos anteriores, non se poderá percibir a axuda por non ter a condición de beneficiario de acordo co establecido no artigo 4 desta orde.

– No caso de que se sufrisen diminucións de ingresos superiores ao 25 %, a cantidade que se aboará en concepto de subvención será o 50 % dos ingresos medios do buque obtida a partir dos datos de notas de venda durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio dos anos 2017, 2018 e 2019, cun dobre límite:

– A contía mínima que se recibirá por buque será de 500 €.

– A contía máxima que se recibirá por buque será de 40.000 €.

– Sen prexuízo das contías mínimas que se reciban, non se poderá recibir por buque máis cantidade que perda do período.

– En todo caso, o límite que reciba cada empresa non poderá superar 120.000 € en total.

b) No suposto de persoas redeiras:

– A subvención consistirá nunha axuda directa con pagamento único por importe de 450 €.

– Para determinar o dereito a percibir a subvención calcularase a media mensual dos ingresos obtidos pola persoa solicitante no ano 2019, así como a media dos ingresos obtidos no período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 15 de maio de 2020.

Entenderase que existen perdas económicas sempre que a media mensual dos ingresos obtidos no ano 2019 sexa superior á media de ingresos obtidos no período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 15 de maio de 2020.

2. Cando unha empresa opere en varios sectores aos cales se apliquen distintos importes máximos, garantirase que a cada unha das actividades se lle aplicará o límite máximo correspondente, de tal xeito que non supere en total o importe máximo posible. Para estes efectos, deberá asinar unha declaración responsable que poderá ser obxecto de comprobación posterior.

3. En aplicación do artigo 55.1 do Real decreto 887/2003, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, non se establece unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando o crédito consignado na convocatoria sexa suficiente, atendendo ao número de subvencións.

4. No caso de que o crédito orzamentario non sexa suficiente para atender todas as solicitudes que cumpran os requisitos axustaranse as contías pro rata entre todas as persoas beneficiarias.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

1. De conformidade co previsto no Marco Nacional Temporal, as axudas concedidas ao abeiro desta orde son compatibles con calquera outra que, tendo o mesmo fin, puidese ser outorgada por calquera outra entidade pública ou privada, excepto a paralización temporal para o período de referencia indicado.

2. Cando a axuda concedida ao abeiro desta orde se acumule con outra axuda compatible relativa aos mesmos gastos subvencionables, outorgada pola mesma ou outra autoridade competente, conforme este mesmo réxime (Marco nacional temporal), respectaranse os importes de axuda máxima establecidos na Comunicación da Comisión [C(2020) 1863] e modificacións posteriores.

3. As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles coa prestación extraordinaria por cesamento de actividade para os afectados por declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como outras prestacións ou axudas obtidas polo mesmo motivo, incluídos os peches por parada temporal con motivo do COVID-19 pagados con cargo ao FEMP polo mesmo período.

Artigo 9. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica dá Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. A estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II.A (PE209K) ou ben o anexo II.B (PE209L) da presente orde.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1 As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo I.A (PE209K) ou ben anexo I.B (PE209L) de solicitude debidamente cuberto.

b) Anexo II.A (PE209K) ou ben anexo II.B (PE209L) de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude cando proceda.

c) Anexo III.A (PE209K) ou anexo III.B (PE209L) de declaración responsable do solicitante da axuda respecto ao cumprimento dos requisitos exixidos na presente orde, en especial no relativo ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5.1, letras a), b), c), d) e e), así como respecto á veracidade de todos os documentos presentados e que dispón de documentación que así o acredita e que a poñerá ao dispor da Administración cando lle sexa requirida.

Así mesmo, a través desta declaración responsable incluída no modelo de solicitude, realizaranse as comunicacións establecidas nas letras c) e d) do artigo 6.

Igualmente, incluirá as declaracións sobre se realizou vendas noutras comunidades autónomas durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio de 2020 e, de ser así, achegará certificación do órgano responsable de cada comunidade autónoma do importe en euros do facturado polas vendas da citada embarcación.

d) Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas, se é o caso, ou anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

2. A documentación complementaria estará formada por:

I) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

II) Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I.A (PE209K) ou no anexo I.B (PE209L) deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse a un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo IV.2).

III) Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación da solicitude, sen prexuízo de achegar a folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

IV) Certificación do órgano responsable de cada comunidade autónoma do importe en euros do facturado polas vendas da citada embarcación, se é o caso

No caso de redeiras:

a) Informe ou certificado do ISM onde figure que está de alta no devandito réxime do mar como redeira autónoma.

b) Certificado da asociación/federación dos seguintes aspectos: que traballou como redeira durante o ano natural anterior, tamén durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio, así como do descenso de actividade económica.

c) Presentación de ingresos obtidos no desenvolvemento da súa actividade durante o ano 2019 e durante o período comprendido entre o 14 de marzo e 15 de maio de 2020.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante a Administración. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II.A (PE209K) ou II.B (PE209L) desta orde.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

I) Para o caso de armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia (PE209K)

a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.

b) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante, para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/ NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade solicitante, da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de cada persoa solicitante.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Facenda da Xunta de Galicia, de cada persoa solicitante.

h) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, emitido pola Consellería de Facenda (Atriga), de cada persoa solicitante.

i) Consulta das sancións firmes pendentes de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

j) Informe do Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar sobre as notas de primeira venda referidas aos solicitantes para os períodos de referencia, incluída a súa desagregación por especies, de ser necesario.

k) Consulta sobre a inclusión da embarcación no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia e Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

l) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, se é o caso.

m) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

n) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

II) Para o caso de persoas redeiras (PE209L).

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante para os efectos da presentación da solicitude.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de cada persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigacións coa Facenda da Xunta de Galicia, de cada persoa solicitante.

f) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, emitido pola Consellería de Facenda (Atriga), de cada persoa solicitante.

g) Consulta das sancións firmes pendentes de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

h) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, se é o caso.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado nos modelos de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. Estas axudas concederanse de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación e eficacia e eficiencia establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Instrución das solicitudes.

a) O Servizo de Frota da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

b) Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigacións tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma e lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

c) Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cuantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

d) Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

e) Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de selección.

3. Selección.

3.1. Os expedientes que cumpran os requisitos para seren beneficiarios e teñan a documentación completa pasarán a unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3.2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo/a presidente/a e a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Frota.

3.3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

3.4. As reunións da comisión de selección poderán realizarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

3.5. Cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias, a comisión determinará a asignación do orzamento dispoñible mediante pro rata do importe global máximo destinado ás subvencións na respectiva convocatoria entre todas as solicitudes, conforme dispón o artigo 19.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.6. A comisión de selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

3.7. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención proposto para cada un deles. O presidente da comisión elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes corresponderalle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de tres (3) meses e a data límite de concesión é o 31 de decembro de 2020. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada dita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto e a contía da subvención individualizada.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia otifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obrigación de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación de resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que os beneficiarios non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se ache ao día das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

4. O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.

Artigo 20. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigacións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obrigación de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obrigación de reintegro se, como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigacións previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional terceira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file