Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 15 de xullo de 2020 Páx. 28225

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Cova Terreña, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Fóra, concello de Baiona.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 22 de xuño de 2020, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Cova Terreña, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Fóra, parroquia de Santa María de Fóra, concello de Baiona (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 18.9.2018, Rubén Panadero Piñeiro, en representación da CMVMC de Santa María de Fóra, solicita a clasificación como veciñal en man común da parcela Cova Terreña a favor dos veciños da parroquia, coa seguinte descrición:

Concello: Baiona.

Parroquia: Santa María de Fóra.

Nome do monte: Cova Terreña.

Cabida: 7.969,33 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 54003A015000220000HW.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titular

Norte

--------------

--------------

Vía asfaltada do barrio da Anunciada

Sur

15

23

Roberto González Varela

Leste

15

25 e 34

Monte veciñal en man común de Baiona

Oeste

19

8

Carolina Trigo Pereira (camiño Longueiriña-Baiona, 73)

Referencia catastral 2428901NG1622N0001SG

Coa solicitude xunta un informe pericial asinado por un enxeñeiro de montes en que informa do seguinte:

Nos emolumentos do común da Vila de Baiona do Catastro do Marqués da Ensenada aparece nomeada unha porción do terreo localizado no lugar de Covaterreña de monte comunal.

Estudo da evolución das ortofotos históricas que confirman un uso forestal e evidencian a continuidade do seu aproveitamento polos veciños de Santa María de Fóra.

Título de propiedade de Carolina Trigo Pereira, que indica que linda no vento leste co monte veciñal.

Certificación da inscrición no Inventario de bens municipais do Concello de Baiona.

Certificacións catastrais das parcelas estremeiras.

Informe de validación gráfica catastral (informe catastral negativo por afectar unha vía urbana de dominio público).

Segundo. O 16.10.2018, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela Cova Terreña de 7.969 m2, da non afección a montes de utilidade pública, nin patrimoniais, nin Rede Natura 2000. Que o terreo solicitado está sen clasificar. Así mesmo, xunta montaxe da parcela Cova Terreña sobre ortofoto e catastro que corresponde parcialmente co polígono 15 e a parcela 22, inclúe os camiños 9007 e 9001 e parte da referencia catastral 2428905NG1622N.

Terceiro. O 26.3.2019, o Xurado de Montes acorda incoar expediente de clasificación da parcela Cova Terreña e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 28.3.2019 ao Concello de Baiona e ao promotor da clasificación.

Cuarto. O 31.7.2019, a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

1. A parcela solicitada corresponde coa maior parte da parcela 54003A01500022 e un anaco da parcela 2428905NG1622N de titularidade do Concello de Baiona.

A parcela 54003A01500022 é estremeira coas parcelas catastrais 54003A01500034 e 54003A01500025 a nome da CMVMC de Santa María de Fóra, que ten continuidade con outras parcelas catastrais tamén a nome da comunidade.

A comunidade de Santa María de Fóra non está deslindada, polo que as súas estremas non están definidas.

2. Perfectamente delimitada pola parede exterior dos rochos das vivendas da parcela 2428905NG1622N, postes de metal cun arame, peche da parcela 2428901NG1622N e 54003A01900008 (postes de formigón), que continúa ata chegar a uns afloramentos rochosos que cruzan o camiño e continua por muro ou restos de muro de pedra de granito .

3. A vexetación existente é a resultante do incendio sufrido no ano 2017.

O estrato arborizado está formado fundamentalmente por dous carballos e unha sobreira, rebrotes de eucalipto e dous pinos e varios eucaliptos secos .

O estrato arbustivo e subarbustivo está formado fundamentalmente por xestas e fentos.

4. Non se aprecia ningún uso definido.

Quinto. O 14.08.2019, o Rexistro da Propiedade número 4 de Vigo certifica que o predio de que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopa inscrito no rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade número 4 de Vigo, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Baiona e no DOG o Anuncio do 5 de setembro de 2019 polo que se inicia a clasificación do monte Cova Terreña a favor da CMVMC de Santa María de Fóra, na parroquia de Santa María de Fóra, do concello de Baiona (DOG núm.184, do 27 de setembro).

Sexto. Dentro do período do trámite de audiencia non se reciben alegacións, ben que o 7.10.2019 a CMVMC de Santa María de Fóra achega en síntese a seguinte alegación ao informe preceptivo do Servizo de Montes: Que na parcela Cova Terreña realizáronse labores de poda e mantemento no ano 2007 e, no ano 2019 realízase a limpeza e plantación de 10 tileiros, 10 carballos americanos, 10 bidueiros e 5 albedros (achégase facturas e reportaxe fotográfica).

Sétimo. O persoal do Distrito Forestal Vigo-Baixo Miño comproba que dentro da parcela Cova Terreña existe a plantación alegada pola promotora da clasificación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceira. O uso ou aproveitamento en man común do monte Cova Terreña queda suficientemente acreditado pola documentación achegada nas porcións das referencias catastrais 54003A01500022 e 2428905NG1622N (esta última segundo o informe do Servizo de Montes perfectamente delimitada con postes e arame das vivendas estremeiras). Ben que se debe excluír da clasificación unha porción de camiño público (54003A01509001 e 54003A01909007).

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC da parcela Cova Terreña, de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas, demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Santa María de Fóra, concello de Baiona.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Cova Terreña a favor dos veciños da CMVMC de Santa María de Fóra, parroquia de Santa María de Fóra, concello de Baiona (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito primeiro e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 29 de xuño de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra