Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 15 de xullo de 2020 Páx. 28101

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 99/2020, do 29 de maio, polo que se autoriza a desadscrición da Escola Universitaria de Turismo Centro Español de Nuevas Profesiones (CENP) da Universidade da Coruña.

A Escola Universitaria de Turismo CENP foi autorizada como centro adscrito á Universidade da Coruña mediante o Decreto 346/1998, do 20 de novembro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudos conducentes ás titulacións que se citan, no Sistema universitario de Galicia, e de acordo co establecido no punto 1 da disposición transitoria quinta do Real decreto 259/1996, do 16 de febreiro, sobre incorporación á universidade dos estudos superiores de Turismo. Esta adscrición sustentouse na sinatura dun convenio de colaboración entre a Escola Universitaria de Turismo CENP e a Universidade da Coruña o 24 de xullo de 1998, adaptado á Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia a través dun novo convenio asinado o 31 de xaneiro de 2014.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no número 1 do artigo 23 especifica que é competencia do Consello da Xunta aprobar a adscrición ou desadscrición a unha universidade pública de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

Por razóns de política universitaria, co fin de consolidar a oferta de títulos propios e de conformidade co disposto na normativa de aplicación, o 29 de marzo de 2019 a Universidade da Coruña denunciou o Convenio do 31 de xaneiro de 2014 de adscrición da Escola Universitarias de Turismo CENP á Universidade da Coruña, conforme o establecido na cláusula terceira do dito convenio.

Para a impartición do título oficial de grao en Turismo, a Universidade da Coruña solicitou á Xunta de Galicia a desadscrición da Escola Universitaria de Turismo CENP e a modificación do título para a súa impartición nun centro propio desta universidade, e achegou a aprobación do Consello de Goberno e do Consello Social da Universidade da Coruña.

Neste contexto, o 3 de decembro de 2019 asínase un Acordo entre a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e a Escola Universitaria de Turismo CENP no cal se regulan as condicións de desadscrición e a modificación do título oficial de grao en Turismo.

As tres partes asinantes acordaron que a desadscrición do centro e a modificación do título se realicen salvagardando plenamente o dereito do alumnado que na actualidade cursa o grao en Turismo de continuar na Universidade da Coruña os seus estudos nas mesmas condicións académicas en que os iniciaron na Escola Universitaria de Turismo CENP.

Así mesmo, coinciden na conveniencia de que a desadscrición e a modificación do título teñan lugar nun contexto de colaboración e entendemento, dentro do marco legal aplicable.

De acordo co establecido no artigo 23 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, sobre a desadscrición da Escola Universitaria de Turismo CENP da Universidade da Coruña emitiu informe favorable a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e foi sometida a acordo do Consello Galego de Universidades.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de maio de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da desadscrición

Apróbase a desadscrición da Escola Universitaria de Turismo Centro Español de Nuevas Profesiones da Universidade da Coruña.

Artigo 2. Cesamento de impartición

A Escola Universitaria de Turismo Centro Español de Nuevas Profesiones cesará na impartición das ensinanzas universitarias do grao en Turismo unha vez finalizado o curso 2019/20.

Artigo 3. Asunción de impartición

A partir do curso 2020/21, a Universidade da Coruña asumirá a docencia de todos os cursos do grao en Turismo, que pasará a impartirse nun centro propio desta universidade.

Artigo 4. Prezos públicos

Unha vez que as ensinanzas universitarias do grao en Turismo sexan impartidas pola Universidade da Coruña, serán de aplicación os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que anualmente establece por decreto a Xunta de Galicia.

Disposición transitoria única. Alumnado

O alumnado que na actualidade cursa o grao en Turismo poderá continuar na Universidade da Coruña os seus estudos, nas mesmas condicións académicas en que os iniciou na Escola Universitaria de Turismo CENP.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o artigo 4 do Decreto 346/1998, do 20 de novembro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudos conducentes ás titulacións que se citan, no Sistema universitario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de maio de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional