Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 23 de xullo de 2020 Páx. 29241

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 9 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, concello de Vigo.

O Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte foi declarado provisionalmente espazo natural de interese local (en diante, ENIL) por solicitude do Concello de Vigo, mediante a Orde do 26 de agosto de 2013 (DOG núm. 165, do 13 de agosto). Nesta declaración provisional condicionábase a declaración definitiva deste espazo á presentación, por parte do Concello de Vigo, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada do plan de conservación.

O Concello de Vigo formalizou en prazo a remisión electrónica dun documento base inicial do plan o día 2.6.2015. O documento base do plan, despois de ser emendado e completado, foi validado pola Xunta de Goberno Local e remitido, en última instancia, á consellería o 13.11.2017. En virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e 41.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o día 6.11.2018 iniciouse o procedemento para a formulación e aprobación do plan por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

O documento base do plan someteuse a participación pública o día 5.12.2018, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, recibíndose seis suxestións.

O plan foi informado favorablemente polo Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola Demarcación de Costas do Estado en Galicia e pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica, polo que procede á súa aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

O documento base do plan cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do ENIL aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa lei, así como no 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, desenvoltos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural.

Esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e anuncia a súa información pública e audiencia ás persoas interesadas co obxecto de cumprir co disposto no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 3 da Lei 27/2006, do 18 de xullo,

ACORDO:

Primeiro. Someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas, por un prazo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o expediente no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «PC do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte».

b) Opcionalmente, mediante a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e os representantes dalgunhas das anteriores.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural