Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 24 de xullo de 2020 Páx. 29348

IV. Oposicións e concursos

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión de Goberno do 13 de xullo de 2020, polo que se convoca proceso selectivo de consolidación de emprego temporal para o acceso a postos de auxiliar administrativo (subgrupo C2).

A Comisión de Goberno do Consello de Contas de Galicia, na súa reunión do día 13 de xullo de 2020, acordou convocar o proceso selectivo de consolidación de emprego temporal para o acceso a postos de auxiliar administrativo (subgrupo C2).

En cumprimento do disposto neste acordo, ordeno a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo da Comisión de Goberno do 13 de xullo de 2020 polo que se convoca proceso selectivo de consolidación de emprego temporal para o acceso a postos de auxiliar administrativo (subgrupo C2) no Consello de Contas de Galicia

De conformidade co Acordo do Pleno, con data do 15 de xaneiro de 2020, polo que se aproba a oferta de emprego público do Consello de Contas de Galicia para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 30 de xaneiro), esta Comisión de Goberno, no uso das competencias que lle atribúe a disposición transitoria terceira da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia (en diante, LCCG) de conformidade co disposto no artigo 12.g) do Regulamento de réxime interior, publicado por Resolución do presidente do Parlamento de Galicia do 27 de febreiro de 2017 (DOG núm.46, do 7 de marzo),

ACORDA:

Convocar o proceso selectivo de consolidación de emprego temporal para o acceso a postos de auxiliar administrativo (subgrupo C2) previsto na disposición transitoria terceira da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, con suxeición ás seguintes bases aprobadas polo Pleno o día 6 de marzo 2020:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir oito (8) postos de auxiliar administrativo, subgrupo C2, no Consello de Contas de Galicia.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Acordo do Pleno do 15 de xaneiro de 2020, do total de prazas convocadas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e a relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de prazas pola que participasen.

I.1.2. As persoas que cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten a prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG) por remisión do artigo 17 da LCCG, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos, as persoas aspirantes deberán posuír o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, graduado en educación secundaria, graduado escolar ou bacharel elemental.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite a homologación do título.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a á sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

1.2.6. As persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que figura no anexo II destas bases e que tamén estará dispoñible na sede electrónica do Consello de Contas https://sede.consellodecontas.es/ e pagar os dereitos de exame que se indican a continuación.

O prazo para presentar solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Comisión de Goberno e poderán presentarse na sede electrónica do Consello de Contas https://sede.consellodecontas.es/, no Rexistro Xeral do Consello de Contas, na rúa Domingo Fontán, número 7, 15771 Santiago de Compostela, ou nos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común (en diante, LPAC).

I.3.1. As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude:

– Idioma dos exames. Debe indicarse se desexa que o texto dos exercicios estea redactado en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez presentada a solicitude o aspirante non poderá modificar a súa opción.

– Participación na cota de discapacidade. Debe indicarse expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente.

– Adaptación de tempo e medios. As persoas con discapacidade que soliciten adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios deben indicar o tipo. As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

– Circunstancias que eximen ou reducen os dereitos de exame: «Familia numerosa»; «Demandante de emprego»; «Discapacitado-Porcentaxe».

I.3.2. Documentación que debe achegarse coa solicitude:

A persoa solicitante deberá achegar coa súa solicitude:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade. Os participantes que non teñan nacionalidade española deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos xustificativos da condición que habilite a súa participación.

2. Xustificante de pagamento dos dereitos de exame ou, de estar exento, orixinal ou copia compulsada dos seguintes documentos xustificativos segundo o suposto no que se atopen:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.3. Dereitos de exame.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán aboar 26,46 euros en concepto de dereitos de exame. O ingreso realizarase na conta ES30 2080 0388 2331 1000 0182, indicando no xustificante bancario do ingreso o seguinte concepto: proceso selectivo consolidación auxiliar administrativo Consello de Contas.

Estarán exentos de pagamento:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría especial.

Estarán exentas do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Para a devolución do importe aboado ás persoas aspirantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben. Non procederá a devolución nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Goberno aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dun acordo que será publicado no DOG e no portal web do Consello de Contas, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, número de identidade de estranxeiro, pasaporte ou documento equivalente –forma prevista na disposición adicional sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía de dereitos dixitais– e das causas das exclusións que procedan.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación do acordo no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita nun novo acordo da Comisión de Goberno polo que se publicará a listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas no DOG e no portal web do Consello de Contas.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos esixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que debe presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición. Máximo 60 puntos.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles obrigatorios e eliminatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de setenta (70) preguntas tipo test propostas polo tribunal, máis cinco (5) preguntas de reserva correspondentes ás normas que figuran como anexo I. Cada pregunta conterá catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta. O número de preguntas distribuirase proporcionalmente aos tres puntos do anexo I no número de 23-24-23.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que con data límite da de publicación no DOG do nomeamento do tribunal conten con publicación oficial no boletín ou diario oficial correspondente aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

O exercicio terá unha duración máxima de noventa (90) minutos.

O exercicio cualificarase de cero (0) a trinta e cinco (35) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas esixido para acadar esta puntuación mínima. As contestacións erróneas valoraranse negativamente cunha penalización equivalente a un cuarto do valor de cada contestación correcta e as contestacións en branco non puntuarán.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes do transcurso de tres (3) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

II.1.1.2. Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva no que os aspirantes poñan de manifesto o coñecemento e manexo de paquetes ofimáticos en contorno Microsoft Office Professional Plus 2010 (procesador de textos e folla de cálculo). Cada pregunta conterá catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta.

O exercicio terá unha duración máxima de setenta e cinco (75) minutos.

O exercicio cualificarase de cero (0) a vinte e cinco (25) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dez (10) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima. As contestacións erróneas valoraranse negativamente cunha penalización equivalente a un cuarto do valor de cada contestación correcta e as contestacións en branco non puntuarán.

Este exercicio realizarase no prazo mínimo de 48 horas e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira. Tradución dun texto do castelán ao galego.

Segunda. Tradución dun texto do galego ao castelán.

O exercicio terá unha duración máxima de sesenta (60) minutos.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento esixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase no prazo mínimo de 48 horas e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

Estarán exentos/as de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posúan o Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se se regulan os certificados oficiais acreditativos do nivel de coñecemento da lingua galega (DOG núm.146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquela cuxo primeiro apelido comece pola letra «S», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda da Administración da Xunta de Galicia do 30 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e, de ser o caso, as persoas designadas pola Comisión de Goberno como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo do Consello de Contas con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Tras a realización dos exercicios tipo test o tribunal publicará as respostas correctas no local onde se celebraran e no portal web do Consello de Contas.

II.1.2.8. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas, publicarao no DOG.

II.1.2.9. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no portal web corporativo do Consello de Contas.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.10. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Comisión de Goberno para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Comisión de Goberno acordará a súa exclusión do proceso selectivo. O acordo de exclusión publicarase no DOG.

II.1.2.11. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración ou superación que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria.

II.2. Fase de concurso. Máximo 40 puntos.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición os seguintes méritos:

II.2.1. Experiencia profesional. A puntuación máxima alcanzable será de 35 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

1. Por servizos prestados desempeñando tarefas de auxiliar administrativo (subgrupo C2) en órganos de control externo con vínculo funcionarial ou laboral: 1,50 puntos por cada ano ou fracción superior a seis meses .

2. Por servizos prestados desempeñando tarefas de auxiliar administrativo (subgrupo C2) en administracións públicas con vínculo funcionarial ou laboral: 1,05 puntos por cada ano ou fracción superior a seis meses.

II.2.2. Formación: a puntuación máxima alcanzable será de 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,30 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,60 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Valorarase a asistencia aos cursos recibidos ou impartidos no Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación de funcionarios das comunidades autónomas, universidades, órganos de control externo, Tribunal de Contas, entes privados cos que o Consello de Contas de Galicia asinase convenios de formación; así como os cursos recibidos ou impartidos no marco dos acordos de formación continua nas administracións públicas.

A superación de probas de avaliación dos cursos de autoformación da Escola Galega de Administración Pública equipararase á asistencia a cursos da duración certificada.

Só se valorarán os cursos que traten sobre as seguintes materias:

– Procedemento administrativo.

– Contratación administrativa.

– Xestión orzamentaria.

– Persoal.

– Informática: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos, deseño de presentacións.

Non se valorará:

A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

Os módulos ou partes integrantes dun curso.

II.2.3. Os méritos enumerados nas bases II.2.1. e II.2.2 deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Comisión de Goberno do Consello de Contas e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Comisión de Goberno.

II.2.5. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.3. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias, os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por acordo da Comisión de Goberno e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG e no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor especialista previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG o acordo correspondente polo que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. A persoa que presida o tribunal adoptará baixo a súa responsabilidade as medidas de seguridade que considere necesarias para garantir o máximo rigor e confidencialidade no proceso de elaboración e custodia dos exercicios, informando o tribunal das ditas medidas con carácter previo á súa adopción.

III.9. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puideren xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que estime pertinente.

III.10. A persoa que presida o tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas candidatas en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade da persoa aspirante.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos que corresponden os resultados obtidos.

III.11. O tribunal poderá propoñer á Comisión de Goberno a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que estime pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, o tribunal poderá solicitar da Comisión de Goberno a designación de persoal colaborador. Estas designacións publicaranse no portal web do Consello de Contas e seranlles de aplicación as disposicións relativas á abstención e recusación.

III.12. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes persoas participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3. as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.13. Os importes que se aboarán ás persoas membros do tribunal por cada asistencia derivada do seu nomeamento serán os previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, para os tribunais da categoría cuarta.

III.14. En ningún caso o tribunal poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta que contraveña o anterior será nula de pleno dereito.

III.15. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Comisión de Goberno nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da LPAC.

III.16. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Comisión de Goberno do Consello de Contas, e presentaranse no Rexistro Xeral do Consello de Contas, na rúa Domingo Fontán, número 7, 15771 Santiago de Compostela.

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación obtida polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.1.2.1.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– Sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, número de identidade de estranxeiro, pasaporte ou documento equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira do Consello de Contas de Galicia, grupo C, subgrupo C2.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título esixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizados todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial nin para o acceso a corpos ou escalas funcionariais.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

C) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % emitido pola Consellería de Política Social da Administración da Xunta de Galicia ou outra Administración competente.

O órgano convocante solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

D) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos esixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante un acordo da Comisión de Goberno que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen cada proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Este acordo pon fin á vía administrativa e contra el as persoas interesadas poderán presentar recurso de alzada ante o Pleno do Consello de Contas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 91.2 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas. A resolución desestimatoria poderá impugnarse ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de xullo 2020.

ANEXO I

Programa que rexerá o primeiro exercicio do procedemento extraordinario de consolidación de emprego temporal

I. Normativa xeral.

1. A Constitución española de 1978: título preliminar; título I. Dos dereitos e deberes fundamentais; título II. A Coroa; título III. As cortes xerais; título IV. Do goberno e da Administración; título V. Das relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais; título VIII. Da organización territorial do Estado.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: título preliminar; título I. Do poder galego; título II. Das competencias; título III. Da Administración pública galega; título IV. Da economía e facenda.

3. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e súa Presidencia: Título I. Da Xunta.

4. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar. Disposicións xerais; título I. Dos interesados nos procedementos; título II. Da actividade das Administracións públicas; título III. Dos actos administrativos; título IV (capítulo I a VI). Das disposicións sobre o procedemento administrativo común; disposición adicional quinta. Actuación administrativa dos órganos constitucionais do Estado e dos órganos lexislativos e de control autonómicos.

5. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás subsección segunda da sección 2ª da sección 3ª). Disposicións xerais, principios de actuación e funcionamento do sector público; disposición adicional vixésimo segunda. Actuación administrativa dos órganos constitucionais do Estado e dos órganos lexislativos e de control autonómicos.

II. Normativa propia do Consello de Contas.

6. Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

7. Regulamento de réxime interior do Consello de Contas aprobado pola Comisión Permanente non Lexislativa do Parlamento de Galicia o 27 de febreiro de 2017.

8. Código ético do Consello de Contas, publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de decembro de 2017.

9. Convenio colectivo do Consello de Contas de Galicia: Capítulo I. Ámbito do convenio; Capítulo II. Órgano de vixilancia; Capítulo III. Estabilidade no emprego e incompatibilidades; Capítulo IV. Provisión de vacantes e acceso á condición de persoal laboral; capítulo V. Organización e dirección do traballo.

III. Outra normativa.

10. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014: título preliminar. Disposicións xerais, libro primeiro. Disposicións xerais da contratación no sector público (título I: capítulo I a III; título II: capítulo I); libro II. Dos contratos (título I: capítulo I agás subseccións 2 a 7 da sección 2ª).

11. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: título III (capítulos I e III) Dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma; título V. Da función interventora e da contabilidade.

12. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título I. Transparencia da actividade pública (capítulos I, II e IV).

13. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III. Clases de persoal; título V (capítulo III). Perda da relación de servizo; título VI. Dereitos e deberes individuais dos empregados públicos; título VII. Dereitos de exercicio colectivo dos empregados públicos; título VIII. Situacións administrativas; título IX. Réxime disciplinario.

missing image file
missing image file

ANEXO III

Don/dona ..., con domicilio en ..., con DNI/NIE/pasaporte..., declara para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira do Consello de Contas de Galicia, grupo C, subgrupo C2, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de... de 2020.