Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29454

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de xullo de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de xullo de dous mil vinte, aprobou o seguinte acordo:

«Acordo polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

De conformidade con iso, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 25 de xuño de 2020 introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas e, entre outras, recolleuse como obrigatorio o uso da máscara sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir en todo momento, tendo en conta o número de persoas e as dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade, así como sempre que se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público e se poida concorrer no mesmo espazo con outras persoas usuarias, coa excepción dos supostos en que se poida permanecer sentado se a persoa titular do espazo adopta medidas que garantan en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias.

Así mesmo, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 2020 introducíronse modificacións relativas ao reforzamento da utilización de máscaras, ampliando os supostos en que o seu uso resulta obrigatorio, e ao establecemento dunha prohibición expresa da actividade habitualmente coñecida como “botellón”.

As semanas transcorridas desde a finalización do estado de alarma están a poñer en evidencia a alta frecuencia de abrochos xerados en celebracións e encontros en espazos privados.

Debe, por tanto, realizarse algunha recomendación sanitaria expresa que oriente a poboación e a conciencie de que se deben adoptar medidas precaución e de protección non só en espazos públicos e en locais e establecementos abertos ao público, senón tamén en reunións en espazos privados.

Neste sentido, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 2020 xa introduciu a recomendación de uso de máscara nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Considérase oportuno afondar nas indicadas recomendacións.

Débese lembrar que, na situación producida pola actual pandemia, o prudente é reducir os contactos con persoas non conviventes, contactos que actúan como factor multiplicador do risco de contaxio.

As modificacións introducidas terán efectos desde o día seguinte á data de publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

En atención ao exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

Modifícase a letra e) do número 1.3 do anexo, que queda coa seguinte redacción:

“e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene. Así mesmo, recoméndase limitar o número de asistentes aos mínimos posibles e que, en todo caso, non superen as 25 persoas”.

Segundo. Eficacia

Este acordo producirá efectos desde o día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade