Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29641

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único (prezo) para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras de varios lotes na provincia de Ourense, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 159, do 18 de agosto), na Orde do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 180, do 16 de setembro), e na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A) (DOG núm. 41, do 2 de marzo).

A licitación e información dos lotes pódense consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural e no visor de aproveitamentos madeireiros en xestión pola Administración forestal, nos enderezos seguintes:

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/sistema-de-informacion-forestal

A apertura electrónica dos sobres coas ofertas económicas terá lugar na sede do Servizo de Montes da Xefatura Territorial na rúa Villaamil y Castro, s/n, 32004 Ourense.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente, onde poderán ser consultados polas persoas interesadas, na páxina web referida, a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

As ofertas presentaranse a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) (código de procedemento MR612A) durante os vinte e seis (26) días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

A apertura das proposicións económicas será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once (11.00) horas do décimo quinto (15º) día hábil, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada persoa licitadora presentará dous sobres electrónicos para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa, e o sobre B, coa oferta económica.

No caso de presentarse a varios lotes o sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que se presenten ante a mesa e na mesma sesión. Este sobre deberá conter, en todo caso, a documentación sinalada na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A).

Non obstante, de darse o caso de que algún documento do sobre A non estea asinado dixitalmente poderase presentar de forma presencial nun sobre pechado perante o Rexistro Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente, toda vez que nestes procedementos é o órgano de contratación, tal e como sinala o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado disposto na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo, a través do procedemento MR612A establecido na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cada un dos lotes figurará nun sobre B individual.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva do 5 % do prezo de adxudicación, agás nos expedientes nos que o aproveitamento se realice a resultas ou o motivo do aproveitamento sexa «clara». Nestes últimos casos engadirase o 5 % de garantía complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10 %.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva e, de ser o caso, a complementaria dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

A persoa adxudicataria deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural