Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31184

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia/Miel de Galicia.

O Pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia/Miel de Galicia aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita indicación xeográfica, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o Consello Regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

O procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese, ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) 1151/2012, no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas, e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.

As modificacións que se propoñen afectan as epígrafes B (descrición do produto), D (proba da orixe), E (método de obtención), F (vínculo), G (órgano de control) e H (etiquetaxe).

Estas modificacións son necesarias para adaptar as condicións da produción de mel en Galicia á situación actual. Debe terse en conta que esta denominación xeográfica iniciou a súa actividade hai máis de 30 anos, de acordo coa normativa autonómica e estatal vixente daquela, e polo tanto con anterioridade á súa inscrición no rexistro comunitario. Como consecuencia, os requisitos da produción e do produto que están definidos no prego de condicións vixente corresponden a esa época. Este é o caso dos tipos de mel, as características das explotacións e o manexo apícola. Na actualidade obsérvanse algúns cambios no sistema produtivo que afectan estes requisitos; as razóns fundamentais destes cambios son as melloras tecnolóxicas e os factores ambientais e climáticos.

En concreto, as principais modificacións que se introducen son:

– A identificación dunha nova categoría de mel, o «mel de melada», que poderá levar a mención «Mel de bosque» na súa etiquetaxe.

– Rebáixase a porcentaxe de pole de breixo na caracterización meliso-palinolóxica do mel monofloral de breixo.

– Actualízanse diversos aspectos da descrición sensorial dos diferentes tipos de mel.

– Revísase a redacción de diferentes partes da epígrafe relativa á proba da orixe para adecuar o sistema de control e certificación aos requisitos establecidos na norma ISO/IEC 17.065:2012.

– Modifícanse diversas especificacións do método de obtención para adecualas á realidade actual.

En todo caso, as modificacións que se formulan son de importancia menor de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento 1151/2012, xa que non afectan as características esenciais do mel protexido nin o seu vínculo co medio natural. Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de importancia menor presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Mel de Galicia/Miel de Galicia», que afectan as letras B (descrición do produto), D (proba da orixe), E (método de obtención), F (vínculo), G (órgano de control) e H (etiquetaxe), sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Mel de Galicia/Miel de Galicia», sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e mais o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Pliego_de_condiciones_Miel_de_Galicia_julio_2020_final.pdf

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Documento_unico_Miel_de_Galicia_Julio_2020.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela as persoas interesadas poden interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun (1) mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural