Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 11 de agosto de 2020 Páx. 31832

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 4 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT724A).

O día 17 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 das axudas relativas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera.

O artigo 20 establece que o prazo para a notificación do fin das accións e presentación das solicitudes de pagamento das axudas terá a data límite do 1 de setembro de 2020. Asemade, a orde recolle que este prazo será, en todo caso, improrrogable.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros; a excepcionalidade da situación actual debido á pandemia xerada polo COVID-19, ademais da obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previa á proposta de resolución de concesión das axudas, xeraron unha demora na resolución da convocatoria que dificulta o cumprimento polas persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación das axudas.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas axudas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.11 da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos

1. Modifícase o artigo 20.11 que queda redactado como segue: «O prazo para a notificación do fin das accións e presentación da solicitude de pagamento das axudas terá a data límite do 21 de setembro de 2020. Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda