Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32626

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR353A), como consecuencia da situación e da evolución da epidemia COVID-19.

Mediante a Orde do 17 de abril de 2019 establecéronse as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 88, do 9 de maio).

Durante a execución das accións financiadas con cargo á dita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Asemade, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptaron medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, estableceu que se poderán modificar os prazos de execución da actividade subvencionada, así como da súa xustificación e comprobación, baixo determinadas pautas relacionadas coa imposibilidade de realizar as ditas actividades durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a súa realización, xustificación ou comprobación.

As medidas adoptadas tanto no ámbito nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a expansión do COVID-19 comportaron serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades. Esas medidas, necesarias para a protección da saúde pública, resultaron incompatibles co normal desenvolvemento dos obradoiros duais de emprego e implicaron a suspensión das súas actividades formativas e prácticas profesionais na modalidade presencial. Neste sentido, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral emitiu instrucións respecto da suspensión das actividades dos obradoiros desde o día 13 de marzo ata o momento en que finalizasen as medidas restritivas. Para os efectos do cálculo do incremento do custo dos obradoiros duais de emprego que implica a súa suspensión, tívose en conta que o reinicio de actividades se produciu o 1 de xullo de 2020.

En consecuencia, os obradoiros duais de emprego que tiveron que ser suspendidos e, polo tanto, non poden rematar as súas actividades na data prevista teñen que prorrogarse polo tempo necesario para rematar os proxectos, sen que a prórroga poida exceder o tempo que durou a suspensión das actividades. Tendo en conta que a suspensión temporal implica a ampliación mediante prórroga da duración dos contratos tanto do alumnado como do persoal directivo, docente e administrativo, e co obxecto de facer fronte a ese incremento de custo xustificable, procede o incremento da dotación de crédito inicial da orde de convocatoria.

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 e das ditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre modificar determinados aspectos das bases reguladoras e da convocatoria ampliando prazos e importes subvencionables e adaptando o réxime de pagamentos, así como darlle a necesaria publicidade para garantir a seguridade xurídica e económica das entidades beneficiarias.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 4

O artigo 4 da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, queda redactado do seguinte xeito:

«1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Non obstante, por mor da situación derivada da epidemia provocada polo COVID-19, e dado que os proxectos en funcionamento tiveron que ser suspendidos e, polo tanto, non poden rematar as súas actividades na data prevista, este prazo verase ampliado polo tempo necesario para rematar os proxectos, sen exceder o mesmo tempo que durou a suspensión das súas actividades.

2. Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, valorarase que as entidades promotoras desenvolvan un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros a través de incentivos á contratación por conta allea, durante un mínimo de 3 meses a xornada completa, en empresas do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego.

3. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2019.

4. A data límite para o inicio das contratacións temporais por conta allea será, con carácter xeral, o 15 de novembro de 2020 ou aos 15 días seguintes ao remate do obradoiro, se esta data for posterior .

5. A ampliación regulada no presente artigo establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na convocatoria e nas bases reguladoras.».

Artigo 2. Modificación do número 3 do artigo 9.

O número 3 do artigo 9 queda redactado do seguinte xeito:

«3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederalle ao alumnado un diploma en que se recollerá a súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e coas instrucións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.».

Artigo 3. Modificación do artigo 28

Engádese un número 5 ao artigo 28 coa seguinte redacción:

«5. Para facer fronte ao incremento de gasto producido pola ampliación do tempo necesario para rematar os proxectos e, como máximo, polo mesmo tempo que durou a suspensión de actividades, dótase un crédito adicional por importe de 7.500.000,00 euros para a anualidade de 2020 na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.2, código de proxecto 2014 00543, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, financiada con fondos finalistas do Estado. Para o cálculo desta ampliación de crédito tense en conta que o reinicio de actividades se produciu o 1 de xullo de 2020.».

Artigo 4. Modificación da letra c) do número 2 do artigo 36 e inclusión dunha letra d)

A letra c) do número 2 do artigo 36 queda redactada do seguinte xeito:

«c) O 60 % ou a porcentaxe que resulte restante da subvención inicial aboaráselle á entidade promotora unha vez que presente a xustificación de todos os gastos realizados no período que se corresponda coa duración inicialmente prevista dos proxectos. Este pagamento pasará a ter a consideración de pagamento parcial, que se efectuará contra a presentación da xustificación dos gastos soportados.

Segundo o establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados non poderá superar o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.».

Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 36 coa seguinte redacción:

«d) Unha vez rematado o proxecto, as entidades percibirán o pagamento final dos gastos soportados durante o período de ampliación ou a cantidade que resulte restante, ata a cantidade máxima que calculará a xefatura territorial competente en función da duración efectiva do proxecto, contra a presentación de xustificación de gastos e demais documentación xustificativa, nos termos dispostos nos artigos 37 e 38 desta orde.».

Artigo 5. Modificación do número 7 do artigo 37 e inclusión dun número 8

O número 7 do artigo 37 queda redactado do seguinte xeito:

«7. A xustificación parcial dos gastos realizados no período que se corresponda coa duración inicialmente prevista dos proxectos presentarase dentro dos 15 días seguintes á data de remate inicial.».

Engádese un número 8 ao artigo 37 coa seguinte redacción:

«8. A xustificación final presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate da execución final do proxecto e, con carácter xeral, dentro do exercicio 2020.».

Artigo 6. Modificación do número 1 do artigo 38

O número 1 do artigo 38 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 38. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo determinado no número 8 do artigo anterior, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e na cal se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Acta de liquidación e cadro resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto».

Artigo 7. Modificación do artigo 39

O artigo 39 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 39. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada nos obradoiros duais de emprego por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder o importe que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto.

Computaranse como horas realizadas as correspondentes ao período de suspensión que motivou a ampliación do prazo para a realización de actividades.

Igualmente, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos gozados polo alumnado participante, durante o período de duración do proxecto, establecidos legal ou convencionalmente».

Disposición adicional primeira. Suspensión de prazos

A ampliación de prazos á que se refire a presente orde establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na orde orixinal que sexan susceptibles de ampliación. En concreto e sen carácter exclusivo: verificación da axeitada realización do proxecto; conservación de documentación; xustificación dos incentivos á contratación; control dos resultados obtidos, etc.

Disposición adicional segunda. Aplicación a programas derivados de convocatorias anteriores

Ás entidades beneficiarias que estean a levar a cabo obradoiros de emprego como consecuencia da execución de sentenzas xudiciais seranlles de aplicación as medidas reguladas nesta orde na medida en que resulten procedentes aínda que procedan dunha convocatoria distinta.

Disposición adicional terceira. Alternativas na realización das prácticas

Para os únicos efectos de poder completar as horas de práctica mínimas obrigatorias para a obtención dos certificados derivados da formación impartida no obradoiro, no suposto de que aquelas sexan de imposible realización mediante a parte laboral do contrato de formación e aprendizaxe debido ás consecuencias da crise sanitaria provocada polo COVID-19 e así se acredite documentalmente de xeito suficiente, as entidades beneficiarias poderán solicitar á xefatura territorial correspondente a autorización para adoptar algunha das seguintes alternativas que se indican a continuación ou solicitar a validación se xa foron realizadas:

• Realizar as prácticas nas instalacións das entidades beneficiarias, tanto das promotoras como das asociadas, ou nas instalacións en que se desenvolva o obradoiro, logo do cal deberá presentarse un proxecto final elaborado pola persoa alumna, xunto cunha memoria cos resultados de avaliación obtida por cada participante, en termos de apto ou non apto. A duración das prácticas complementarias que se realicen nunca poderá superar a estritamente necesaria para completar o módulo de prácticas en centros de traballo a que substitúen nin a propia duración do obradoiro.

• Validar as prácticas polo desenvolvemento dun posto de traballo vinculado co certificado de profesionalidade ou coa formación con posterioridade á finalización da formación teórica e por unha duración equivalente, como mínimo, ao número de horas necesario para completar o referido módulo de prácticas/prácticas non laborais. Este posto de traballo, de ser o caso, será posterior e alleo ao programa do obradoiro de emprego, e os gastos producidos non serán subvencionables con cargo a este, sen prexuízo dos incentivos á contratación regulados na presente orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria