Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 20 de agosto de 2020 Páx. 33308

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do estudo de detalle para a mellora da accesibilidade e das condicións xerais nas edificacións do grupo de vivendas Diego Xelmírez, en Santa Marta de Arriba, números 25 a 33.

A Xunta de Goberno local da cidade de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 6 de xullo de 2020, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente o estudo de detalle para a mellora da accesibilidade e as condicións xerais nas edificacións do grupo de vivendas Diego Xelmírez (Santa Marta de Arriba, números 25 a 33), segundo o proxecto redactado pola arquitecta Natalia Seoane Bueno, presentado con data 28 de abril de 2020.

O estudo de detalle contén a delimitación espacial do ámbito da actuación, para os efectos do disposto polos artigos 24 do Real decreto lexislativo 7/2015 e 13.2 da Lei 1/2019, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que habilitan para a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións que reduzan a demanda enerxética.

Ao abeiro do disposto polo artigo 13.5 da citada Lei 1/2019, acórdase que as actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

b) En aplicación do procedemento regulado polos artigos 80.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 194 do seu regulamento, o estudo de detalle inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas.

Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O que se publica co fin de que, durante o prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Estudo-de-detalle-mellora-accesibilidade-condicions-xerais-edificacions-grupo-vivendas-DiegoXelmirez/gl

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica