Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 26 de agosto de 2020 Páx. 33790

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2019 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (DOG núm. 125, do 3 de xullo), regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do Sistema universitario de Galicia implica tamén apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país. Esa implicación é a que leva á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a seguir recoñecendo o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica convocando cada ano os premios fin de carreira.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009), e as disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG núm. 153, do 9 de agosto), polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG núm. 153, do 9 de agosto).

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2018/19, nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

2. Estes premios, ademais de ter asignada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, cunha contía global de 339.500 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos contemplados na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá solicitar estes premios o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Teren cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

c) Non poderán obter un premio fin de carreira aquelas persoas que xa obtiveron un en anteriores convocatorias.

Artigo 4. Período e dotación do premio

1. Para os efectos desta orde, entenderase por curso académico o período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 30 de setembro de 2019.

2. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

3. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de graos, no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun grao, deberá escoller en que grao desexa recibir o premio.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante

c) Título universitario oficial español.

d) Certificado da universidade correspondente en que deberá constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Así mesmo, deberá constar o curso no que se superou o traballo fin de grao (TFG).

e) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das universidades

Os servizos administrativos correspondentes das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación en que se fará constar o número de egresados/as, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 30 de setembro de 2019, en cada unha das titulacións incluídas no anexo I desta orde.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), a listaxe definitiva das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes e a listaxe das persoas que non obtiveron o premio.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para a emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Artigo 12. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria realizaraa a Comisión Avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo/a alumno/a en cada unha das distintas titulacións de grao implantadas no Sistema universitario de Galicia segundo a táboa incluída no anexo I desta orde.

2. As titulacións que compitan entre si, conforme as agrupacións establecidas na táboa do anexo I, obterá o premio a titulación coa nota media máis alta.

3. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1ª. Maior número de matrículas de honra.

2ª. Maior número de sobresalientes.

3ª. Maior número de notables.

4ª. Menor número de suspensos.

5. O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación do xeito seguinte:

a) Ata 199 persoas egresadas: un premio.

b) Entre 200 e 299 persoas egresadas: dous premios.

c) Entre 300 e 399 persoas egresadas: tres premios.

d) Entre 400 e 499 persoas egresadas: catro premios.

e) Con 500 ou máis persoas egresadas: cinco premios.

O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia de conformidade co establecido no artigo 9 desta orde.

6. O premio quedará deserto cando o grao polo que se opta ao premio non teña un mínimo de 30 egresados/as, segundo a certificación emitida polos servizos administrativos das universidades.

No caso de que houbese varios graos da mesma rama de coñecemento nesa situación poderán agregarse entre eles para acadar o mínimo de egresados/as exixido e optar a un dos premios desta convocatoria.

Artigo 14. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaria Xeral de Universidades, un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a súa contía.

b) Listaxe das persoas que non obtivesen premio.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

Artigo 16. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

3. Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo II desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do reintegro, total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

Disposición adicional terceira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ANEXO I

Táboa de titulacións

Artes e Humanidades

Grao en Filoloxía Clásica

Grao en Filosofía

Grao en Historia

Grao en Xeografía e Historia

Grao en Historia da Arte

Grao en Lingua e Literatura Españolas

Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios

Grao en Español, Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Lingua e Literatura Galegas

Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Estudos de Galego e Español

Grao en Lingua e Literatura Inglesas

Grao en Inglés, Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Linguas Estranxeiras

Grao en Linguas e Literaturas Modernas

Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

Grao en Humanidades

Grao en Información e Documentación

Grao en Tradución e Interpretación

Grao en Belas Artes

Ciencias

Grao en Bioloxía

Grao en Física

Grao en Matemáticas

Grao en Química

Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Grao en Ciencias Ambientais

Grao en Ciencias do Mar

Ciencias Sociais e Xurídicas

Grao en Administración e Dirección de Empresas

Grao en Ciencia Política e da Administración

Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Grao en Ciencias Empresariais

Grao en Comercio

Grao en Comunicación Audiovisual

Grao en Dereito

Grao en Dirección e Xestión Pública

Grao en Economía

Grao en Educación Infantil

Grao en Mestre de Educación Infantil

Grao en Educación Social

Grao en Educación Primaria

Grao en Mestre de Educación Primaria

Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio

Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas

Grao en Pedagoxía

Grao en Xornalismo

Grao en Publicidade e Relacións Públicas

Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos

Grao en Socioloxía

Grao en Traballo Social

Grao en Turismo

Enxeñaría e Arquitectura

Grao en Arquitectura Técnica

Grao en Enxeñaría Agraria

Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria

Grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural

Grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias

Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto

Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais

Grao en Enxeñaría en Química Industrial

Grao en Enxeñaría Química

Grao en Enxeñaría Eléctrica

Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

Grao en Enxeñaría Mecánica

Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

Grao en Náutica e Transporte Marítimo

Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía

Grao en Tecnoloxías Mariñas

Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

Grao en Enxeñaría Forestal

Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

Grao en Enxeñaría Informática

Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica

Grao en Arquitectura Naval

Grao en Enxeñaría en Propulsión e Servizos do Buque

Grao en Enxeñaría da Enerxía

Grao en Enxeñaría de Obras Públicas

Grao en Enxeñaría Civil

Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil

Grao en Enxeñaría en Organización Industrial

Grao en Arquitectura

Grao en Estudos de Arquitectura

Ciencias da Saúde

Grao en Enfermaría

Grao en Psicoloxía

Grao en Odontoloxía

Grao en Nutrición Humana e Dietética

Grao en Farmacia

Grao en Fisioterapia

Grao en Logopedia

Grao en Medicina

Grao en Óptica e Optometría

Grao en Podoloxía

Grao en Terapia Ocupacional

Grao en Veterinaria

missing image file
missing image file