Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 28 de agosto de 2020 Páx. 34439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Vigo e Gondomar (expediente IN407A 2019/14-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS e CTP no Vilar do Mato-Cesantes do circuíto RED-709.

Situación: Redondela.

Características técnicas: LMTA a 20 kV: elimínase un total de 18 apoios (13 apoios tipo raíl e 5 de tipo formigón). Desmontaxe do condutor existente, 706 metros, de condutor CU-10. LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ1-20L 12/20 kV 1×240 mm² AI de 934 metros de lonxitude, con orixe no apoio A4L2T600 que se desmontará e final no CT proxectado. LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ1-20L 12/20 kV 1×240 mm² AI de 88 metros de lonxitude, con orixe no CT proxectado e final na rede subterránea existente. Instalación do centro de transformación prefabricado de superficie compacto (TC) con relación 15000/400 V a 250 kVA e desmontaxe do CTI con matrícula 36AC79. As instalacións están situadas en parcelas dos polígonos 16 e 17, no concello de Redondela (Pontevedra).

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a dita instalación, cuxas características se axustarán en toda as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 6 de agosto de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra