Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 1 de setembro de 2020 Páx. 34671

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2021 (códigos de procedemento MT807B e MT807C).

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Patrimonio Natural, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición das persoas interesadas en centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Para atender a demanda prevista facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2021 serán as seguintes:

Primeira. Obxecto

O obxecto destas normas é adxudicar mediante sorteo os permisos de pesca fluvial en coutos para a tempada de 2021 (código de procedemento MT807B e MT807C).

En cada servizo provincial de Patrimonio Natural realizaranse dous sorteos:

1. Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos de salmón.

2. Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.

Segunda. Calendario

Inicio do período de presentación de solicitudes: o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas.

Límite de presentación de solicitudes: 27 de outubro de 2020, ás 14.00 horas.

Publicación das listaxes provisionais de persoas excluídas e admitidas: 4 de novembro de 2020.

Publicación das listaxes definitivas de persoas excluídas e admitidas: 19 de novembro de 2020.

Data de sorteo: 27 de novembro de 2020, ás 12.00 horas.

Os resultados dos sorteos, as listaxes de participantes coa orde resultante, a data e a hora de escolla de cada participante e demais datos e normas aplicables publicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. O acceso á aplicación requirirá o NIF e máis o número da licenza de pesca fluvial.

Terceira. Tipos de solicitudes

Para cada sorteo poderán presentarse solicitudes para participación individual ou para participación en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.

As solicitudes individuais ou de creación dun grupo de participantes formularanse conforme o procedemento administrativo MT807B (anexo I desta resolución).

As solicitudes en grupo requirirán unha persoa responsable do grupo que presente unha primeira solicitude en que identifique, no punto correspondente, as demais persoas participantes. Esta primeira solicitude formularase conforme o procedemento administrativo MT807B (anexo I desta resolución). Posteriormente, quen forme parte dese grupo deberá presentar a solicitude regulada no procedemento administrativo MT807C (anexo II desta resolución) cos datos que nel se requiren.

Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos.

Cuarta. Requisitos das solicitudes

Para participar nos sorteos é preciso ser titular dunha licenza de pesca fluvial en vigor no momento de presentar a solicitude. Para o cumprimento deste requisito terán a mesma validez as licenzas autonómicas e interautonómicas de pesca fluvial.

A participación nos sorteos, individual ou en grupo, requirirá o pagamento da taxa establecida no anexo VI da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, modificado pola Resolución da Axencia Tributaria de Galicia do 20 de decembro de 2017, co código 30.14.12 e denominación «Participación en sorteos de distribución de permisos de pesca fluvial». Con esta finalidade, a toda solicitude de participación xuntaráselle a acreditación do pagamento nunha das entidades financeiras colaboradoras da Axencia Tributaria de Galicia ou mediante as modalidades de pagamento de taxas e prezos da páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Oficina Virtual Tributaria, http://www.atriga.gal).

Quinta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento das taxas administrativas.

b) Acreditación da representación, de ser o caso.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sexta. Presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Vixencia da licenza de pesca fluvial da persoa solicitante na data de presentación da solicitude.

c) NIF da entidade representante, de ser o caso.

d) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. No caso de que un mesmo NIF conste en varias solicitudes para un mesmo sorteo, anularanse as máis antigas, prevalecendo sempre a última data de rexistro de entrada, telemática ou presencial. No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles NIF repetidos. Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As listaxes provisionais das persoas excluídas e admitidas faranse públicas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nas xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días naturais, contados desde a data de exposición pública da relación provisional de persoas admitidas e excluídas, para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación das listaxes definitivas.

Excluiranse todas aquelas persoas participantes que non posúan licenza de pesca fluvial en vigor no momento da presentación da solicitude.

Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra as listaxes provisionais, publicaranse as listaxes definitivas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nas xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Novena. Realización dos sorteos

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada da solicitude.

Os sorteos serán públicos. Cada sorteo realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número de solicitudes presentadas, correspondendo cada un deles ás unidades, decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar, en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir os miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos correspondentes bombos e repetindo a operación.

A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Patrimonio Natural na data e na hora antes indicadas.

Décima. Resultados dos sorteos

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Cada solicitante poderá consultar na citada páxina o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. Tamén se facilitarán os datos de contacto para a escolla telefónica e o pagamento dos permisos.

Os resultados dos sorteos, quendas de escolla e demais datos antes indicados non se comunicarán de xeito individual.

Décimo primeira. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Escolla de permisos tras o sorteo

Para a escolla de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Patrimonio Natural establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será publicada na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só se poderá escoller un permiso.

Na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

1. Directamente na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal na data e rango horario resultantes dos sorteos, introducindo previamente o NIF e mais o número da licenza de pesca.

A persoa usuaria poderá realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva previa dentro da data e do rango horario asignados á persoa solicitante, existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean dispoñibles.

Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, a persoa usuaria non terá dispoñible o servizo web durante os rangos horarios asignados a outras persoas participantes. Completadas as quendas de escolla do día, e ata as 8.00 horas do día seguinte, calquera persoa que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento ata o remate do período de escolla da primeira venda.

2. Mediante chamada telefónica ao número que se faga público na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, na cal tamén se sinalarán a data e o rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada pola persoa solicitante.

Décimo terceira. Segunda venda de permisos

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla.

A segunda venda dos sorteos de salmón realizarase en orde inversa respecto da primeira venda. A escolla poderá realizarse directamente na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal ou mediante chamada telefónica ao número que se faga público na antedita páxina, coas mesmas normas ca na primeira venda.

A data de inicio e o rango horario de escolla de cada participante publicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

A segunda venda do resto dos sorteos será unicamente a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. O servizo de reserva mediante a internet estará dispoñible ininterrompidamente para todas as persoas participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio que se establezan.

Tres días antes do comezo da escolla publicarase na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla.

As normas, en canto aos grupos de coutos, o número de permisos por grupo e requisitos de acceso, serán as mesmas que na primeira escolla, en todos os casos.

Décimo cuarta. Venda libre

Os permisos sobrantes non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Patrimonio Natural, regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para atender a demanda prevista facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto. Para a venda a través da internet reservarase, como mínimo, o 50 % dos permisos sobrantes en cada couto para cada xornada de pesca.

O acceso á venda libre telemática requirirá o NIF e mais o número dunha licenza de pesca fluvial vixente nese momento ou nos 12 meses anteriores.

Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.

Décimo quinta. Pagamento e expedición de permisos

No prazo de cinco (5) días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha das entidades financeiras colaboradoras da Axencia Tributaria de Galicia ou mediante as modalidades de pagamento de taxas e prezos da páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Oficina Virtual Tributaria, http://www.atriga.gal), accesibles tamén desde a páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Segundo o establecido no artigo 7.3 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible; cada titular de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos de solicitudes en grupo.

Nos pagamentos realizados a través da ligazón dispoñible nos «servizos privados» da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal (que inclúe a opción de pagamento telemático presencial con código NRC) os permisos poderán imprimirse na aplicación informática logo de completar o pagamento.

Noutras modalidades de pagamento, dentro do mesmo prazo de 5 días naturais establecido anteriormente, remitirase ao servizo provincial copia da documentación xustificativa do ingreso. Os enderezos de correo electrónico para esta finalidade indicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo postal ao enderezo que conste na solicitude.

En calquera momento logo de completar calquera dos procedementos anteriores, cada participante poderá acceder a todos os seus permisos en formato descargable e imprimible a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Na fase de venda libre poderán adquirirse permisos presencialmente nos servizos provinciais de Patrimonio Natural ou nas casas expedidoras habilitadas para o efecto. Na adquisición telemática, a aplicación informática habilitará a impresión dos permisos adquiridos, que, en ningún caso, serán remitidos por correo postal desde un servizo provincial.

Décimo sexta. Renuncia a permisos reservados

A falta de pagamento nos prazos establecidos entenderase como unha renuncia á reserva e os permisos serán incluídos na seguinte rolda de escolla.

As persoas que non realicen o pagamento dos permisos dentro do prazo establecido, non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. A liquidación dos pagamentos pendentes habilitará novamente a adquisición de permisos na fase de venda libre.

Décimo sétima. Outras normas

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2021. En todo caso, o emprego dos permisos de pesca outorgados por parte das persoas usuarias estará condicionado ao cumprimento da antedita disposición normativa.

Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa.

A devolución das taxas dun permiso poderá solicitarse unicamente cando o permiso perda a súa validez por finalización anticipada ou suspensión temporal da tempada de pesca. As solicitudes de devolución de taxas presentaranse conforme o procedemento MT807K, regulado pola Orde do 23 de novembro de 2018 (DOG núm. 232, do 5 de decembro), cos prazos e requisitos que nela se establecen.

Décimo oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia refelectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file