Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 8 de setembro de 2020 Páx. 35346

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e á finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de fisioterapeuta, convocado mediante a Resolución do 3 de maio de 2019.

A base oitava da Resolución do 3 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de fisioterapeuta, dispón que logo da publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo dos cinco (5) días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

En vista das reclamacións presentadas e do acordo adoptado sobre estas polo respectivo tribunal de selección e elevado ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de fisioterapeuta, convocado pola Resolución do 3 de maio de 2019 (DOG núm. 92, do 15 de maio).

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7 e 11 da resolución de convocatoria do proceso.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos