Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35428

I. Disposicións xerais

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2020 pola que se modifican as instrucións dos modelos de declaración e autoliquidación dos tributos sobre o xogo e as especificacións técnicas de determinados arquivos informáticos para a presentación deles conforme a Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2020, pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2020, pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, amplía os prazos que, conforme a normativa reguladora dos tributos, finalicen no período comprendido entre o 14 de marzo, data de entrada en vigor do estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e o 31 de outubro de 2020, ata esta última data. Por outra banda, para aqueles supostos nos cales as obrigas tributarias se cumpren de forma periódica ao longo do ano, en períodos fixados nos vinte primeiros días naturais de cada trimestre ou de cada mes, permítese que as persoas obrigadas cumpran as obrigas mensuais ou trimestrais correspondentes ao ano 2020 devindicadas ata o 30 de setembro no mes de outubro e, no caso de aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible acumulada, dunha única vez mediante unha autoliquidación por toda a actividade desenvolvida desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro.

As instrucións dos modelos de declaración e autoliquidación dos tributos sobre o xogo están recollidas no anexo I da Orde da Consellería de Facenda do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos; no IV e V da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, e no II e III da Orde da Consellería de Facenda do 20 de outubro de 2015, pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e se modifican determinadas normas tributarias. Así mesmo, as especificacións técnicas dos arquivos informáticos para a confección dos modelos da taxa fiscal sobre o xogo do bingo e da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas están contidas, respectivamente, no anexo IX da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 e no anexo IV da Orde da Consellería de Facenda do 20 de outubro de 2015.

A disposición adicional sexta da Orde do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a disposición adicional quinta da Orde do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo e, por último, a disposición adicional sexta da Orde do 20 de outubro de 2015, pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e se modifican determinadas normas tributarias, autorizan á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia a modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos das propias ordes, cando for preciso, como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precisar plasmarse correspondentemente nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos devanditos anexos.

Por todo isto, consonte o exposto, de acordo co establecido nas disposicións adicionais das ordes que se citan máis arriba,

RESOLVO:

Para facer efectiva a presentación das declaracións e autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, do xogo de bingos e do xogo de apostas deportivas e de competición de acordo coa Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2020, pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia,

Primeiro. Modifícanse as instrucións contidas no anexo I da Orde da Consellería de Facenda do 27 de febreiro de 2009, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, de xeito que as persoas obrigadas deberán facer o seguinte:

• No bloque denominado «Período e carácter» consignarán no exercicio o ano 2020 e, no período, consignarán 3.

• No bloque denominado «Autoliquidación», o recadro (01) da base impoñible correspondente ao trimestre obxecto da declaración deixarase en branco. Igualmente, o recadro (04) das cotas ingresadas en trimestres anteriores deixarase en branco, salvo que se tivese presentado algunha das autoliquidacións trimestrais correspondentes ao ano 2020, caso en que, se consignará o importe delas.

Segundo. Modifícanse as instrucións contidas nos anexos IV e V e as especificacións técnicas dos arquivos informáticos contidas no anexo IX da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014, pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, de xeito que, exclusivamente para a presentación e o pagamento electrónico da declaración D-043 e da autoliquidación 043 do período 9 do ano 2020, as persoas obrigadas deberán facer o seguinte:

• No bloque denominado «Período e carácter» consignarán no exercicio o ano 2020 e, no período, consignarán 9.

• No bloque denominado «Información xogo do bingo» da declaración informativa do xogo do bingo (modelo D-043) deixarán en branco a información correspondente ao período e consignarán unicamente a información acumulada do ano natural. Para isto, as posicións 12 á 57 de cada un dos rexistros do tipo 2 do arquivo informático cubriranse con ceros.

• No anexo da declaración informativa do xogo do bingo (modelo D-043) consignarán os datos identificativos de cada un dos premios superiores ao importe regulamentario que se obtivesen e que tivesen efectivamente aboado ao longo do ano ata a fin do período a que se refira a declaración. No caso de que non se obtiver ningún premio superior ao importe regulamentario, os datos deixaranse en branco. No caso de que non se tiver efectivamente aboado ningún premio superior ao importe regulamentario, os datos deixaranse en branco.

• No bloque denominado «Autoliquidación» da autoliquidación (modelo 043), o recadro (4) deixarase en branco, salvo que se tiver presentado algún dos pagamentos á conta correspondentes ao ano 2020, caso en que se consignará o importe deles.

Terceiro. Modifícanse as instrucións contidas nos anexos II e III e as especificacións técnicas dos arquivos informáticos contidas no anexo IV da Orde da Consellería de Facenda do 20 de outubro de 2015, pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e se modifican determinadas normas tributarias, de xeito que, exclusivamente para a presentación e o pagamento electrónico da declaración D-041 e da autoliquidación 041 do período 3 do ano 2020, as persoas obrigadas deberán facer o seguinte:

• No bloque denominado «Período e carácter» consignarán no exercicio o ano 2020 e, no período, consignarán 3.

• No bloque denominado «Información apostas» da declaración informativa de apostas deportivas e de competición (modelo D-041) deixarán en branco a información correspondente ao período e consignarán unicamente a información acumulada do ano natural. Para isto, as posicións 4 á 72 de cada un dos rexistros do tipo 2 do arquivo informático cubriranse con ceros.

• No anexo da declaración informativa de apostas deportivas e de competición (modelo D-041) consignarán os datos identificativos de cada un dos premios superiores a 2.500 € que se tivesen efectivamente aboado ao longo do ano ata a fin do período a que se refira a declaración.

• No bloque denominado «Liquidación» da autoliquidación (modelo 041), o recadro (4) deixarase en branco, salvo que se tivese presentado algún dos pagamentos á conta correspondentes ao ano 2020, caso en que se consignará o importe deles.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación unicamente para a presentación das declaracións e autoliquidacións correspondentes aos feitos impoñibles devindicados desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2020, conforme a opción regulada na Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2020.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

Mª Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia