Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36157

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2020 pola que se ordena a publicación do Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC na súa sesión do 24 de xullo de 2020 aprobou o Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

Resolve:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno da USC na súa sesión do 24 de xullo de 2020, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

REGULAMENTO DOS ESTUDOS DE DOUTORAMENTO NA USC

Exposición de motivos

A Lei orgánica 6/2001 do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, estrutura as ensinanzas universitarias en tres ciclos: grao, máster e doutoramento. Os estudos de doutoramento, segundo a devandita norma, correspondentes ao terceiro ciclo e conducentes á obtención do título de doutor, organizaranse da maneira que determinen os estatutos das universidades de acordo cos criterios que aprobe o goberno para a obtención do título de doutor, logo de informe do Consello de Universidades. Esta lei atopou o seu desenvolvemento máis específico no Real decreto 99/2011 do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento e as súas posteriores modificacións, outorgando ás universidades a posibilidade de desenvolver os procedementos marcados na busca do cumprimento da súa planificación estratéxica. Neste senso, a Universidade de Santiago de Compostela recoñece no título II dos seus estatutos as escolas de doutoramento como parte da estrutura orgánica da Universidade, descritas no artigo 57 como as unidades destinadas a organizar e impartir as ensinanzas e actividades propias do doutoramento.

Ao abeiro do Decreto 91/2017, do 21 de setembro, a Universidade de Santiago de Compostela creou catro escolas de doutoramento e un centro encargado da xestión e coordinación dos estudos de doutoramento, o CIEDUS. Posteriormente, coa publicación do Decreto 118/2019, do 19 de setembro, a USC reorganizou a estrutura orgánica e funcional dos seus estudos de doutoramento coa creación dunha única Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, EDIUS), froito da agrupación das catro escolas de doutoramento anteriores. Esta nova organización centralizada ten en conta as distintas especificidades e características das grandes áreas de coñecemento sen perder a unidade de criterios e actuacións en temas académicos que afectan por igual todas elas, permitindo unha comunicación fluída entre os distintos ámbitos temáticos pero simplificando, pola súa vez, os órganos unipersoais e colexiados de goberno e os procesos administrativos asociados aos estudos de doutoramento. Esta nova estrutura implica a aprobación por parte da USC da correspondente normativa para o seu axeitado desenvolvemento, isto é, o seu Regulamento de rexime interno, o Código de boas prácticas dos estudos de doutoramento, o seu Sistema de garantía interno de calidade e, por suposto, a adaptación do ata agora vixente Regulamento de estudos de doutoramento da USC.

Por outro lado, o presente regulamento incorpora os cambios normativos que se viñeron producindo desde a aprobación do anterior Regulamento de estudos de doutoramento da USC, aprobado polo Consello de Goberno do 12 de xuño de 2017, como os derivados do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, no cal se define este persoal e se desenvolve o obxecto do seu contrato, e permite arbitrar prazos de admisión e matrícula compatibles cos marcados polas distintas convocatorias para os contratos de investigadores en formación.

Entre as principais novidades que se inclúen no presente regulamento están o desenvolvemento das teses que optan a mención de «doutoramento industrial»; as directrices para as teses que incorporan publicacións de investigación; e unha nova regulamentación para as teses en cotutela, no cal se fomenta o intercambio científico entre as universidades participantes e a supervisión conxunta do traballo final co obxecto de que cumpran cos estándares de calidade fixados pola USC.

Por outra banda, froito da experiencia recollida nos anos transcorridos desde a aprobación do anterior regulamento, apreciouse a necesidade de clarificar e definir neste novo regulamento os distintos tipos de baixa, tanto temporais como definitivas, que se producen durante os estudos de doutoramento. Por último, reformúlanse os méritos dos directores de teses e limítase tanto o número de directores dunha tese como o máximo de teses que pode dirixir un investigador, seguindo as recomendacións e valoracións pautadas pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG),

Por todo isto, procede aprobar un novo regulamento de estudos de doutoramento.

CAPÍTULO PRELIMINAR

Principios xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

A presente normativa ten por obxecto regular a organización dos estudos de doutoramento conducentes á obtención do título de doutora e de doutor na USC, que terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

CAPÍTULO I

Estrutura e organización dos estudos de doutoramento

Artigo 2. A Escola de Doutoramento (EDIUS)

1. A EDIUS asume a organización, planificación, xestión, supervisión e seguimento dos estudos e actividades propias do doutoramento na Universidade. A súa finalidade será concibir un modelo de formación doutoral flexible, interdisciplinario e de calidade, orientado a potenciar as liñas de investigación dos programas de doutoramento da USC.

2. A Escola, directamente e tamén a través dos seus programas de doutoramento, planificará a oferta das actividades destinadas á formación ordinaria e transversal das doutorandas e doutorandos.

3. Son membros da EDIUS o alumnado matriculado nos estudos de doutoramento da USC; o persoal docente e investigador que forme parte dos programas de doutoramento; o persoal de administración e servizos adscrito á EDIUS; e os membros dos distintos órganos de dirección en que se organiza e estrutura a EDIUS.

4. A EDIUS, de acordo co artigo 120 dos Estatutos da Universidade, ten como órganos de goberno o Comité de Dirección, a directora ou director e a secretaria ou secretario.

5. A EDIUS conta ademais con catro subdireccións, unha por cada unha das seccións en que se agrupan as áreas de coñecemento da Universidade; cinco comisións delegadas do Comité de Dirección: a Comisión Executiva da Escola e catro comisións sectoriais; unha Comisión de Calidade; e un Comité Consultivo como órgano de asesoramento externo. Tanto a súa composición como as súas funcións desenvolveranse no Regulamento de rexime interno da EDIUS.

Artigo 3. Os programas de doutoramento

1. Denomínase programa de doutoramento o conxunto de actividades conducentes á adquisición dos coñecementos, competencias e habilidades necesarias para a obtención do título de doutora ou doutor. Terá por obxecto o desenvolvemento dos distintos aspectos formativos do alumnado de doutoramento e establecerá os procedementos e liñas de investigación para o desenvolvemento das teses de doutoramento.

2. Os estudos de doutoramento organizaranse a través de programas de doutoramento na forma en que determinen os Estatutos da USC e de acordo cos criterios establecidos na normativa estatal vixente. O seu obxecto final é a adquisición dos coñecementos, competencias e habilidades necesarias pola doutoranda ou doutorando conducentes á elaboración, defensa e aprobación dunha tese que incorpore resultados orixinais de investigación.

3. Os programas de doutoramento comprenderán a formación investigadora, que non requirirá necesariamente unha estruturación en créditos ECTS, e que poderá ter ben un carácter transversal, ben un específico no ámbito de cada programa.

4. Os programas de doutoramento poden ser organizados de forma exclusiva pola USC ou de xeito conxunto entre varias universidades e contar coa colaboración, expresada mediante un convenio, doutros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, públicos ou privados, estatais ou estranxeiros.

5. Na memoria de verificación do programa establecerase a relación de actividades formativas, con indicación expresa, de ser o caso, daquelas que teñan carácter obrigatorio.

6. A actividade esencial do alumnado de doutoramento será a investigación, e a súa tese debe capacitalo para o traballo autónomo no ámbito da I+D+i e acadar os resultados de aprendizaxe correspondentes ao nivel 4 do Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES).

7. Nun programa de doutoramento interuniversitario, as universidades participantes recoñecerán, para os efectos académicos e administrativos oportunos, as actividades formativas do programa cursadas en calquera das universidades participantes nos termos que figuran na correspondente memoria de verificación do título.

8. Os estudos de doutoramento finalizarán en todo caso coa elaboración, defensa e aprobación dunha tese de doutoramento, que presentará os resultados orixinais obtidos na investigación realizada.

9. Todos os programas de doutoramento da Universidade deberán estar adscritos necesariamente á EDIUS.

Artigo 4. As comisións académicas dos programas de doutoramento

1. A comisión académica de cada programa de doutoramento (en diante, CAPD) é o órgano responsable do deseño, implantación, actualización, organización, calidade e coordinación do programa de doutoramento, así como da supervisión do progreso da investigación, da formación e da autorización do depósito da tese de cada doutoranda ou doutorando do programa.

2. A composición da CAPD, os requisitos para ser membro dela e as súas competencias serán fixados no Regulamento de rexime interno da EDIUS.

3. Cada programa de doutoramento deberá contar cunha coordinadora ou coordinador e cunha secretaria ou secretario da CAPD, consonte o Regulamento de rexime interno da EDIUS.

4. Só se poderá exercer a coordinación dun único programa de doutoramento.

Artigo 5. Profesorado do programa de doutoramento

1. Considérase profesorado do programa todo doutor ou doutora adscrito formalmente a algunha das súas liñas de investigación na memoria de verificación inicial do programa ou nunha modificación posterior, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación no correspondente ámbito de coñecemento.

2. Como regra xeral, un profesor ou profesora só poderá estar adscrito a un programa de doutoramento, sen prexuízo de que poida colaborar en actividades formativas doutros programas como convidado. En casos xustificados de desenvolvemento ou participación en dúas liñas de investigación diferenciadas, poderase permitir a adscrición da persoa investigadora en dous programas de doutoramento, logo de autorización da EDIUS.

3. No caso de programas orixinados ao abeiro de convocatorias internacionais, a adscrición de persoal investigador nun destes programas non se terá en conta para as limitacións indicadas no parágrafo anterior. Asemade, a USC poderá determinar programas de relevancia institucional en que a participación do profesorado non se vexa limitada polas anteriores condicións.

4. O profesorado do programa só poderá formar parte dunha CAPD, coa excepción daquelas profesoras e profesores que participen en programas de doutoramento xurdidos ao abeiro de convocatorias internacionais ou que sexan de relevancia institucional, que poderán tamén pertencer á CAPD destes programas.

5. A adscrición de profesorado da Universidade como membro dun programa de doutoramento doutra universidade requirirá a autorización expresa da EDIUS.

CAPÍTULO II

Novas propostas de programas de doutoramento, modificación,
extinción e seguimento das existentes

Artigo 6. Presentación e tramitación de novas propostas e modificacións de programas de doutoramento

1. As novas propostas de programas de doutoramento poderán partir dun ou varios grupos de investigación, de agrupacións de investigadores ou do equipo de goberno. Por outra banda, as modificacións dun programa de doutoramento partirán da súa CAPD.

2. O calendario e os criterios de aprobación de novas propostas e modificacións dos programas de doutoramento serán establecidos anualmente pola Universidade, mediante acordo do Consello de Goberno.

3. Tanto nas novas propostas como nas modificacións a EDIUS velará polo cumprimento dos requisitos xerais establecidos por normativa estatal e autonómica e a súa adecuación aos principios da estratexia en materia de I+D+i e da formación de doutoramento da Universidade.

Artigo 7. Seguimento e acreditación dos programas de doutoramento

1. Conforme o disposto no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo cal se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, cada seis anos desde a data da súa verificación inicial ou desde a súa última acreditación, os programas de doutoramento deberán someterse a un procedemento de avaliación para renovar a súa acreditación, segundo a normativa vixente.

2. A EDIUS contará cun Sistema de garantía interno de calidade, no cal se fixarán os termos para o seguimento anual dos seus programas de doutoramento.

Artigo 8. Extinción dos programas de doutoramento

1. A Universidade regulará, conforme a normativa xeral na materia, o procedemento de extinción dos programas de doutoramento que imparta.

2. Son causas de extinción dun programa de doutoramento as seguintes:

a) Que non supere o proceso de renovación da acreditación establecido no artigo 10 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

b) Que non acredite o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa estatal ou autonómica vixente.

c) Que a CAPD e/ou a EDIUS formule proposta de extinción do programa ao abeiro dos procesos de revisión e mellora do título.

d) Cando concorra calquera situación excepcional que impida o correcto desenvolvemento do programa de doutoramento.

e) No caso de programas de doutoramento interuniversitarios, a proposta de retirada do programa nalgunha das universidades participantes.

f) Por razóns de estratexia académica da USC e conseguinte organización da súa oferta de titulacións; en particular, no caso de reformulación de programas de doutoramento con liñas de investigación complementarias, por proposta da EDIUS.

3. A extinción dun programa de doutoramento suporá:

a) A perda do seu carácter oficial e a baixa no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

b) A imposibilidade de matricular novas doutorandas e doutorandos no programa de doutoramento.

c) A obriga de informar da extinción do programa de doutoramento e das súas consecuencias no desenvolvemento dos seus estudos a todas as doutorandas e doutorandos matriculados no programa.

4. A Universidade adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do alumnado de doutoramento matriculado nun programa a extinguir nos termos establecidos na resolución de extinción.

CAPÍTULO III

Admisión e matrícula nos estudos de doutoramento

Artigo 9. Requisitos xerais de acceso

Para o acceso aos estudos de doutoramento requirirase a todo o alumnado o cumprimento dos requisitos de acceso conforme o disposto no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, e o disposto na convocatoria anual de matrícula da USC.

Artigo 10. Requisitos específicos e criterios de admisión nun programa de doutoramento

1. Os requisitos específicos de admisión son aqueles que determina cada programa de doutoramento en concreto, de conformidade coa súa memoria de verificación.

2. Os criterios de admisión son os que permiten á CAPD establecer a prelación das solicitudes presentadas, de conformidade coa súa memoria de verificación. Os criterios respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, non discriminación, mérito e capacidade.

3. Entre o alumnado de doutoramento que cumpra os requisitos de acceso xerais e os requisitos específicos do programa en que solicitan a súa admisión, a CAPD aplicará os criterios de admisión para a cobertura das prazas ofertadas.

Artigo 11. Complementos formativos

1. Se o alumnado carece da formación previa completa exixida no programa de doutoramento, a admisión poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos que deberán ser concretados para cada doutoranda ou doutorando pola CAPD, cun máximo de 15 ECTS.

2. Os devanditos complementos de formación poderán ser materias ou módulos de mestrado e grao e terán, para os efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento.

3. A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa de doutoramento; no caso de ser previa, a súa realización non se computará para os efectos dos prazos mínimos e máximos marcados para a realización dos estudos de doutoramento.

4. Os complementos de formación deberán superarse no prazo máximo de catro cuadrimestres académicos consecutivos; no caso contrario, a doutoranda ou doutorando causará baixa no correspondente programa de doutoramento.

Artigo 12. Doutorandas e doutorandos con titulacións estranxeiras

1. O alumnado con título de acceso estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que acredite un nivel de formación equivalente ao do título oficial español que faculte para o acceso aos estudos de doutoramento no país expendedor do seu título. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento para outros efectos alén do acceso a estas ensinanzas.

2. O estudante cunha titulación de acceso estranxeira deberá, ou ben acreditar a homologación ou equivalencia outorgada polo ministerio, ou ben solicitar a equivalencia ou recoñecemento outorgada pola USC de que os seus títulos de grao e mestrado permiten o acceso aos estudos de doutoramento no seu país de orixe.

Neste último caso, deberá solicitar a equivalencia no Servizo de Xestión Académica (SXA) da USC, unha vez que estea admitido ou admitida, ou ben antes, ou ben simultaneamente á matrícula nos estudos de doutoramento.

3. O alumnado poderá matricularse sen esperar pola resolución de equivalencia, ben que a validez da súa matrícula quedará condicionada a esta declaración.

4. O estudantado con estudos procedentes de sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior que teña estudos que dean acceso ao doutoramento no seu país de procedencia e estean homologados ou sexan equivalentes á titulación que permite o acceso aos estudos oficiais de doutoramento que se desexen realizar na USC poderá solicitar a súa admisión nos estudos de doutoramento na convocatoria de matrícula anticipada habilitada para este tipo de estudantes.

Artigo 13. Doutorandas e doutorandos con necesidades especiais

Para as doutorandas ou doutorandos con necesidades educativas especiais estableceranse sistemas e servizos de apoio e asesoramento axeitados, que poderán determinar a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.

Artigo 14. Períodos de admisión e matrícula

1. Na convocatoria de matrícula de cada curso académico, a USC fixará os períodos de admisión e matrícula ordinarios para as doutorandas e doutorandos tanto de novo ingreso como de continuación, o establecemento de cotas xerais de admisión, así como os prazos para o pagamento dos prezos públicos de matrícula.

2. Poderanse arbitrar novas admisións e matrículas, cotas extraordinarias e/ou convocatorias anticipadas para axustarse aos efectos de concorrencia a convocatorias públicas nacionais e internacionais de contratos para a realización de estudos de doutoramento ou de carácter científico relevante debidamente xustificado. As admisións e matrículas extraordinarias serán autorizadas polo reitor ou reitora ou órgano en que delegue e requirirán o informe da CAPD correspondente e a autorización da EDIUS. As doutorandas e doutorandos que soliciten a súa admisión nun programa de doutoramento por esta vía deberán contar, polo menos, cos mesmos requisitos que as/os admitidas/os previamente a través das convocatorias ordinarias de admisión e matrícula.

3. A USC colaborará para que as tres universidades do Sistema Universitario Galego teñan un calendario de matriculación común.

Artigo 15. Admisión

A proposta de admisión do alumnado de doutoramento corresponderá ás CAPD. A resolución reitoral de admisión do novo alumnado será publicada no taboleiro electrónico da USC.

Artigo 16. Matrícula

1. O alumnado admitido nun programa de doutoramento deberá matricularse anualmente polo concepto de tutela académica e, cando proceda, dos complementos de formación determinados pola CAPD, de acordo co procedemento establecido pola Universidade.

2. A matrícula no programa de doutoramento outorga ao alumnado o dereito á titoría académica e á utilización dos recursos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo de doutoramento.

3. Corresponde á Comunidade Autónoma fixar os prezos públicos de matrícula dos estudos conducentes á obtención do título oficial de doutor e doutora.

4. Nos programas de doutoramento interuniversitarios, o convenio incluído na memoria do título determinará a forma e condicións da matrícula.

5. Nos programas que impliquen intercambio de doutorandas e doutorandos, o acordo asinado polas universidades definirá a forma en que debe levarse a cabo a matrícula na USC nesta modalidade.

6. As doutorandas e doutorandos matriculados nun programa de doutoramento estarán adscritos á EDIUS e ao departamento ao cal pertenza a súa titora ou titor, neste último caso para os efectos das eleccións de representantes nos departamentos.

7. A matrícula poderá ser anulada no primeiro curso académico polas seguintes causas, sen que isto implique necesariamente a devolución das taxas académicas:

a) Non se aboen as taxas de matrícula nos prazos establecidos no curso académico.

b) Non se estea en posesión da titulación de acceso requirida, o que inclúe a non equivalencia de títulos estranxeiros para os efectos de admisión no doutoramento, e/ou non se cumpran os requisitos específicos solicitados polo programa de doutoramento.

c) A denegación do visado.

d) A petición da doutoranda ou doutorando, dentro dos primeiros seis meses contados desde o último día do período de formalización de matrícula, debidamente xustificada.

Artigo 17. Cambio de programa de doutoramento

1. Enténdese por solicitude de cambio de programa dentro da USC unha solicitude de admisión nun programa de doutoramento por parte dunha doutoranda ou doutorando matriculado previamente noutro programa da USC regulado polo Real decreto 99/2011.

a) No caso de manterse o plan de investigación, recoñeceranse as actividades realizadas no anterior programa e computarase o tempo consumido anteriormente. No caso de presentar un novo plan de investigación, isto implicará a anulación de todas as actuacións do expediente anterior no referente ao novo programa.

b) O cambio de programa de doutoramento deberá ser autorizado pola EDIUS, logo de solicitude xustificada presentada pola doutoranda ou doutorando ante esta e os informes das CAPD dos programas implicados. Na autorización da EDIUS indicarase se o cambio de programa implica un novo plan de investigación e unha nova dirección.

2. No caso de solicitude de cambio de programa por parte dunha doutoranda ou doutorando proveniente doutra universidade e que implique o mantemento do plan de investigación, será necesario:

a) A presentación da certificación das actividades e do tempo consumido no programa de doutoramento cursado na universidade de orixe.

b) A autorización da CAPD do programa da USC no cal solicita a admisión e da EDIUS.

c) Se se produce un cambio na dirección da tese, a EDIUS poderá solicitar canta información considere oportuna para constatar a idoneidade e/ou necesidade do dito cambio, e asegurar o respecto dos dereitos da doutoranda ou doutorando e da/das persoa/s directoras saíntes e entrantes.

Recibida a documentación e realizadas as comprobacións oportunas, ditarase resolución de recoñecemento das actividades realizadas. O tempo consumido previamente no anterior programa computarase para o novo para os efectos de período de tutela académica.

Artigo 18. Dedicación a tempo completo e a tempo parcial

1. A matrícula poderase formalizar a tempo completo ou a tempo parcial, e deberá actualizarse cada curso académico.

2. Para formalizar a matrícula a tempo parcial ou para solicitar o cambio a dedicación a tempo parcial será requisito indispensable o informe favorable da CAPD para o que o alumnado de doutoramento deberá acreditar algunha das circunstancias seguintes:

a) De carácter laboral, de duración indefinida ou estable, ou de duración determinada superior a dous meses. A dedicación a tempo parcial só poderá manterse mentres o contrato laboral estea en vigor.

b) De carácter familiar, como ter fillos menores de doce anos, familia numerosa, ter menores de doce anos en réxime de acollida ou ter a consideración de persoa coidadora principal de dependentes.

c) De carácter persoal, en particular:

– Embarazo.

– Que teñan acreditada unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

– Que acrediten ser deportistas de alto nivel ou alto rendemento.

– Que se atopen noutras situacións persoais de grave dificultade, tales como vítimas de maltrato, violencia de xénero ou terrorismo.

– No caso de simultaneidade con outros estudos universitarios oficiais en que se estea matriculado en 60 créditos ECTS.

No caso de que a doutoranda ou doutorando teña unha relación contractual a tempo completo coa USC relacionada co desenvolvemento da súa tese, non se poderá solicitar a dedicación a tempo parcial mentres dure a devandita relación.

3. O cambio de dedicación deberá solicitarse nos períodos de matrícula ordinarios. Extraordinariamente, a modificación das circunstancias laborais, familiares ou persoais da persoa doutoranda fóra dos prazos ordinarios de matrícula poderá propiciar o cambio da dedicación noutros períodos. A aceptación ou denegación formalizarase mediante resolución reitoral, que deberá ser motivada.

Artigo 19. Simultaneidade de estudos oficiais

1. Permítese a simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou mestrado universitario), cun máximo de 90 ECTS. Para estes efectos, a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo será equivalente a 60 ECTS, mentres que a matrícula a tempo parcial terá un valor de 30 ECTS.

2. Non se poderá realizar a matrícula simultánea en dous programas de doutoramento.

CAPÍTULO IV

Duración dos estudos de doutoramento

Artigo 20. Cómputo do tempo de permanencia e duración máxima e mínima dos estudos de doutoramento

1. O cómputo do tempo de permanencia nos estudos de doutoramento contarase desde a primeira matrícula no doutoramento ata a presentación da solicitude do depósito da tese fronte a CAPD tal e como se describe:

Tempo total = tempo en dedicación completa + 0,6 × tempo en dedicación parcial

2. A duración máxima dos estudos de doutoramento a tempo completo será de tres anos naturais; a tempo parcial de cinco anos naturais; e no caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, o que corresponda segundo o indicado para o cálculo total do cómputo de tempo.

Os períodos de baixa determinados no artigo 22 deste regulamento non se computarán para os efectos dos prazos máximos marcados.

O tempo transcorrido entre o día de presentación da tese pola doutoranda ou doutorando e, de ser o caso, a data do acordo da EDIUS de non autorización da defensa da tese non se computará para os efectos do prazo máximo de duración dos estudos de doutoramento.

3. A duración mínima dos estudos de doutoramento será: a tempo completo, de 18 meses; a tempo parcial, de 30 meses; e no caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, o que corresponda segundo o indicado para o cálculo total do cómputo de tempo.

Artigo 21. Prórrogas para a realización dos estudos de doutoramento

1. Se a solicitude do inicio de trámites para a presentación da tese de doutoramento non se realiza no prazo establecido, logo de solicitude da doutoranda ou doutorando poderase autorizar por resolución reitoral a súa prórroga, co informe previo favorable da CAPD. A prórroga sería dun ano natural nos estudos a tempo completo e de dous anos naturais nos estudos a tempo parcial. No caso de realizarse a tese en períodos de dedicación a tempo completo e parcial, a duración da prórroga será proporcional ao tempo da doutoranda ou doutorando en cada unha das modalidades de dedicación (prórroga = 12/36 × tempo en dedicación completa + 24/60 × tempo en dedicación parcial).

2. De forma excepcional, poderíase ampliar este prazo en ambos os casos noutro ano natural adicional, logo de nova solicitude da doutoranda ou doutorando avalada pola directora ou director ante a CAPD, a cal deberá informar favorablemente e de forma razoada da viabilidade de rematar a tese neste prazo ante a EDIUS.

3. Nos períodos de prórroga non será de aplicación, para os efectos do cómputo de tempo, a dedicación a tempo parcial.

4. A autorización das prórrogas farase de forma motivada, e para a súa concesión será requisito indispensable o informe da CAPD.

Artigo 22. Baixa temporal nun programa de doutoramento

1. Distínguense dous tipos de baixa temporal, que non se computarán para os efectos do tempo mínimo e máximo de permanencia nos estudos de doutoramento:

a) Por razóns de enfermidade, embarazo ou calquera outra causa prevista na normativa laboral vixente. As peticións deberán ser acreditadas documentalmente e dirixidas á CAPD responsable do programa. A duración da baixa será determinada pola causa dela.

b) A petición propia, a doutoranda ou doutorando poderá solicitar unha única baixa temporal no programa de doutoramento ante a CAPD por causas debidamente xustificadas. O período máximo desta baixa temporal será dun ano, ampliable ata outro ano máis. A solicitude deberá estar avalada pola directora ou director da tese e realizarse durante o período de tutela académica, agás circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

2. As solicitudes de baixa temporal presentaranse pola Secretaría Virtual e deberá acreditarse documentalmente a causa ou causas alegadas. Con carácter previo á resolución de concesión ou denegación, deberá emitir informe a CAPD.

Os efectos da baixa só poderán retrotraerse á data en que foi solicitada, sen que en ningún caso se admitan baixas retroactivas a cursos anteriores.

3. Durante un período de baixa as actividades desenvolvidas pola doutoranda ou doutorando non poderán incluírse no seu documento de actividades. Ademais, a doutoranda ou doutorando non terá consideración de estudante matriculado para os efectos de dereito á tutela de tese e non disporá de acceso aos recursos da USC nin de cobertura do correspondente seguro.

Artigo 23. Baixa definitiva nun programa de doutoramento

1. A baixa definitiva nun programa de doutoramento pode ser de carácter administrativo ou de carácter académico.

2. Son causas de baixa definitiva de carácter administrativo as seguintes:

a) Non realizar a matrícula de tutela académica anual nun curso académico.

b) Non ter presentado o plan de investigación no primeiro curso académico de matrícula nos prazos establecidos.

c) Non ter superados os complementos de formación nos prazos marcados.

d) A petición da doutoranda ou doutorando sen que concorra ningunha das causas de baixa definitiva de carácter académico.

e) A anulación ou arquivamento da matrícula.

f) A falta de presentación do compromiso documental de supervisión ou a ausencia de sinatura no devandito documento.

3. Son causas de baixa definitiva de carácter académico as seguintes:

a) Ter dous informes negativos consecutivos na avaliación anual.

b) O rexeitamento definitivo do plan de investigación, conforme o artigo 30.5 deste regulamento.

c) Non ter superado a defensa da tese nos prazos establecidos.

4. Ante calquera baixa definitiva, a doutoranda ou doutorando afectado poderá solicitar, por unha única vez e nun curso académico posterior, a matrícula noutro programa de doutoramento diferente na USC para desenvolver un novo plan de investigación/proxecto de tese, logo de autorización da EDIUS.

5. A matrícula no mesmo programa só será posible cando derive dunha baixa de carácter administrativo, por unha única vez, e tres cursos académicos despois de terse producido a antedita baixa. Esta nova matrícula implica a anulación de todas as actuacións do expediente anterior.

6. A baixa definitiva nun programa de doutoramento realizarase mediante resolución reitoral.

CAPÍTULO V

Supervisión e seguimento do alumnado de doutoramento

Artigo 24. Competencias e destrezas que debe adquirir o alumnado de doutoramento

Os estudos de doutoramento garantirán, como mínimo, a adquisición polo alumnado de doutoramento das competencias básicas, destrezas e habilidades recollidas no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, así como aqueloutras que figuren no Marco español de cualificacións para a educación superior.

Artigo 25. Titora ou titor de tese

1. A titora ou titor é a responsable da idoneidade e adecuación da formación e da actividade investigadora da doutoranda ou doutorando aos principios dos programas de doutoramento e, se for o caso, da EDIUS.

2. No proceso de admisión definitiva dunha doutoranda ou doutorando, a CAPD designará a súa titora ou titor de tese, a quen lle corresponderá velar pola interacción da doutoranda ou doutorando coa CAPD e, conxuntamente e de ser o caso, coa persoa que exerza a dirección da tese.

3. Pode ser titora ou titor de tese o profesorado do programa de doutoramento con experiencia investigadora acreditada e con vinculación coa USC de carácter permanente ou, para os casos de PDI contratado e persoal investigador dos programas Ramón y Cajal e similares, como mínimo durante o período completo de duración da tese.

4. A CAPD poderá, oída a doutoranda ou doutorando, modificar a antedita designación de titora ou titor en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

5. Unha doutoranda ou doutorando unicamente poderá ter unha titora ou titor de tese.

6. O labor de titorización será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

Artigo 26. Directora ou director da tese

1. A directora ou director de tese será a máxima responsable da planificación, coherencia e idoneidade das actividades de formación e investigación da doutoranda ou doutorando, así como da orixinalidade, do impacto e da novidade da tese de doutoramento no seu campo de coñecemento.

2. No momento da admisión no programa de doutoramento, a cada doutoranda ou doutorando seralle asignado pola correspondente CAPD unha directora ou director de tese especialista na liña de investigación a que se adscribe a doutoranda ou doutorando; de non ser posible, esta asignación realizarase no prazo máximo de tres meses logo da súa matriculación.

3. Poderá exercer a dirección da tese calquera persoa doutora española ou estranxeira con experiencia investigadora acreditada, e con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos. Por experiencia investigadora acreditada, neste caso, enténdese o cumprimento dalgún dos seguintes requisitos:

a) Ter recoñecido polo menos un sexenio de actividade investigadora avaliado pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en adiante CNAAI) ou, na súa falta, acreditar méritos suficientes que garantan a avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora segundo o establecido pola CNAAI para cada campo científico.

b) Ser, nos últimos 6 anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante convocatoria pública competitiva (excluíndo os proxectos de convocatorias propias de universidades).

c) Acreditar, nos últimos 6 anos, a autoría ou coautoría de, como mínimo, tres publicacións en revistas de impacto científico recoñecido, en particular, aquelas incluídas no Journal Citation Reports, JCR, ou Scopus, na súa área de coñecemento e no campo científico da tese que se vai dirixir. Nas áreas en que non sexa aplicable este criterio, poderá substituírse polas bases de datos relacionadas pola CNAAI para estas áreas. Nos ámbitos científicos en que polas características da investigación desenvolvida e/ou a súa tradición non sexa aplicable este criterio, substituirase por un requisito comparable, segundo o establecido pola CNAAI neses campos científicos.

d) Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente con explotación.

e) Ter dirixido unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente cum laude ou apto cum laude, ou cualificación equivalente noutros países, que dese lugar, polo menos, a unha publicación en revistas de impacto científico recoñecido, en particular, aquelas incluídas no JCR ou Scopus, ou a algunha contribución científica publicada relevante derivada da tese no seu campo científico, segundo os criterios da CNAAI, que se fixarán de forma concreta pola EDIUS.

4. A USC habilitará un rexistro de posibles directores de tese que recollerá aquelas investigadoras ou investigadores que poderán exercer a dirección de teses da USC segundo os criterios recollidos no punto anterior. Unha vez incorporado un/unha docente ou persoa investigadora no rexistro de directores, non será necesaria a actualización destes méritos para a súa permanencia nel. A incorporación no rexistro de directores deberá ser solicitada pola CAPD á EDIUS e motivada pola asignación da docente ou do docente ou persoa investigadora como directora dunha tese dunha doutoranda ou doutorando.

5. A tese poderá ter máis dunha persoa que exerza a dirección cando concorran razóns de índole académica ou de carácter interdisciplinario respecto á temática da investigación, ou no caso dos programas desenvolvidos en colaboración nacional ou internacional que así o xustifiquen. O número máximo de persoas que exerzan a dirección será de tres e un deles debe poder asumir a función de titora ou titor da tese de doutoramento. En todo caso, o número máximo de directores que asignará a CAPD sen a autorización da EDIUS será de dous.

6. Será necesaria a autorización da EDIUS para a asignación dunha directora ou director, previa proposta da CAPD, nos seguintes casos:

a) Inclusión dunha segunda directora ou director transcorridos 24 meses de dedicación desde o inicio dos estudos de doutoramento. Esta incorporación non poderá realizarse para doutorandas e doutorandos que estean no período de prórroga dos seus estudos de doutoramento, agás circunstancias excepcionais.

b) Inclusión dunha terceira persoa que exerza a dirección de tese cando esta sexa de carácter interdisciplinar ou se realice no marco dun convenio e/ou dun proxecto de convocatoria competitiva desenvolvido en colaboración con outro centro ou institución nacional ou estranxeira.

7. A CAPD poderá revogar con posterioridade a codirección se, ao seu xuízo, non beneficia o desenvolvemento da tese.

8. Se a persoa que dirixe a tese pode exercer tamén a titorización dunha doutoranda ou doutorando, asumirá as dúas funcións.

9. O cambio na dirección dunha tese, que deberá ser excepcional e motivado, será aprobado pola CAPD.

10. O labor de dirección de tese será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

11. O número máximo de teses da USC que poderá dirixir de forma simultánea un/unha docente ou persoal investigador será determinado pola CAPD, sen exceder en ningún caso o número máximo de 10.

12. O Código de boas prácticas da EDIUS incluirá as directrices aplicables á dirección de teses de doutoramento en consonancia co disposto neste regulamento.

Artigo 27. Perfil autorizado

Considerarase como perfil autorizado a persoa que exerce como titora ou directora dunha doutoranda ou doutorando designada segundo criterio da CAPD para trasladar todos os informes de avaliación ou xestións a través da plataforma informática da Universidade. Este perfil autorizado debe ter vinculación coa USC durante, como mínimo, o período completo de duración da tese.

Artigo 28. Compromiso documental de supervisión

1. O compromiso documental de supervisión é o documento que recolle as funcións de supervisión, tutela e seguimento do alumnado de doutoramento.

2. No compromiso documental de supervisión especificaranse as condicións de realización da tese, os dereitos e deberes da doutoranda ou doutorando, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, ademais da aceptación do procedemento de resolución de conflitos. Incluiranse tamén os deberes da persoa que titoriza e da que dirixe a tese.

3. O compromiso documental de supervisión será asinado pola doutoranda ou doutorando, o seu titora ou titor, as súas directoras e/ou directores, e pola coordinadora ou coordinador do programa de doutoramento en que a doutoranda ou doutorando estea matriculada. O compromiso documental de supervisión asinarase no prazo máximo dun (1) mes desde a asignación da dirección da tese pola CAPD. En caso de non asinarse ou non entregarse este documento a través dos medios establecidos pola EDIUS, a doutoranda ou doutorando causará baixa no programa de doutoramento.

4. No caso de cambiar as condicións de realización da tese, será necesaria a sinatura dun novo compromiso documental de supervisión. Así mesmo, no caso de cambio de titora ou titor e/ou incorporación ou cambio de directora ou director, será necesaria a sinatura do compromiso documental de supervisión pola nova titora ou titor e/ou directora ou director de tese.

Artigo 29. Documento de actividades

1. O documento de actividades da doutoranda ou doutorando é o rexistro individualizado e de control do seu traballo de doutoramento.

2. Unha vez matriculado no programa de doutoramento, este documento materializarase para cada alumno para os efectos de rexistro da súa actividade de doutoramento.

3. O antedito documento deberá axustarse ao formato establecido e rexistrarse na aplicación informática, onde deberá quedar constancia documental que acredite a realización e validación de todas as actividades formativas de interese relacionadas co desenvolvemento da tese de doutoramento.

4. As doutorandas e doutorandos anotarán no seu documento de actividades cada curso académico aquelas que realice no contexto do programa e da tese, dentro dos prazos marcados pola Universidade. Os seus rexistros serán valorados e validados polo perfil autorizado. O documento de actividades será posteriormente avaliado anualmente pola CAPD.

Artigo 30. Plan de investigación

1. O plan de investigación proporcionará a información relativa á investigación que levará a cabo a doutoranda ou doutorando, incluíndo a metodoloxía que empregará e os obxectivos que acadar, alén dos medios e a planificación temporal para facelo. O idioma en que se redacte o plan de investigación deberá corresponderse co idioma de presentación da tese.

2. No seu primeiro curso académico as doutorandas e doutorandos deberán presentar o plan de investigación antes de seis meses naturais desde a data da súa matrícula e, en todo caso, antes de finalizar o primeiro curso académico. O plan deberá ser aprobado pola CAPD, logo de informe da persoa que titoriza e da/das que dirixe/n a tese.

3. A falta de presentación pola doutoranda ou doutorando do plan de investigación no prazo marcado pola Universidade suporá a súa baixa no programa de doutoramento.

4. O plan de investigación poderase modificar ao longo da permanencia da doutoranda ou doutorando no programa mediante a presentación dun novo plan, que contará co aval da persoa que titoriza e da/das que dirixe/n a tese e a aprobación da CAPD.

5. No caso de rexeitamento do plan de investigación pola CAPD, que será debidamente motivado, a doutoranda ou doutorando deberá presentar un novo plan de investigación no prazo marcado pola CAPD, que non poderá exceder os seis (6) meses desde a data de rexeitamento do plan inicial por esta. A falta presentación ou unha segunda valoración negativa por parte da CAPD suporá o rexeitamento definitivo do plan de investigación e a baixa definitiva da doutoranda ou doutorando no programa de doutoramento.

Artigo 31. Avaliación anual

1. Anualmente, a CAPD avaliará o desenvolvemento do plan de investigación e o documento de actividades, para o que disporá dos informes que para tal efecto deberá emitir o perfil autorizado.

2. No caso de avaliación anual negativa, que será debidamente motivada, a doutoranda ou doutorando someterase a unha nova avaliación, segundo os prazos fixados pola USC, para que emende as carencias sinaladas pola CAPD.

3. Dúas avaliacións negativas consecutivas suporán a baixa definitiva da doutoranda ou doutorando no programa.

4. Contra a avaliación negativa a doutoranda ou doutorando poderá solicitar a súa revisión de forma motivada ante a CAPD nos prazos marcados pola USC. No caso de desestimación da súa reclamación, poderá interpoñer recurso de alzada ante a reitora ou reitor.

Artigo 32. Mobilidade de doutorandas e doutorandos

A mobilidade consiste no desenvolvemento dunha estadía de investigación realizada durante os estudos de doutoramento nunha institución externa respecto daquela en que se estea matriculado co fin de completar algunha das fases do desenvolvemento da tese.

No ámbito dos estudos de doutoramento do presente regulamento diferéncianse dous tipos de mobilidades:

1. A mobilidade entrante, que se define como a estadía das doutorandas e doutorandos doutras universidades na USC. Requirirase a formalización dunha matrícula por estadía nun dos programas de doutoramento da USC, logo de aceptación pola CAPD do devandito programa, así como a asignación dunha investigadora ou investigador do programa como titora ou titor da estadía.

2. Mobilidade saínte, que comprende todas as mobilidades das doutorandas e doutorandos da USC a outras universidades, centros de investigación, institucións ou empresas en que realizarán actividades directamente relacionadas co desenvolvemento da súa tese. Dentro desta categoría compréndense tanto as estadías que permitirán optar á Mención Internacional como as que non, e con independencia da orixe do seu financiamento.

Para a realización das mobilidades saíntes é imprescindible o informe previo e favorable da/das directora/s ou directore/s da tese e da CAPD do programa en que está matriculada a doutoranda ou doutorando, así como o informe da CAPD unha vez realizada a estadía. Neste último caso, o informe formalizarase a través do documento de actividades da doutoranda ou doutorando e do informe anual.

3. As estadías de mobilidade relacionadas coas cotutelas vía convenio rexeranse segundo o establecido neste regulamento ou convenio específico formalizado para cada doutoranda ou doutorando que desenvolva a súa tese nesta modalidade.

Artigo 33. Resolución de queixas, controversias e recursos

1. As controversias que xurdan en relación cos axentes implicados no desenvolvemento do programa e a tese de doutoramento serán presentadas polas interesadas e interesados ante a CAPD do seu programa de doutoramento ou ante a EDIUS, dependendo de quen teña en primeira instancia a competencia sobre a que se refire a queixa ou reclamación.

2. Os acordos dos órganos colexiados da EDIUS serán executados pola directora ou polo director da Escola, e os acordos das CAPD serán executados pola coordinadora ou coordinador do programa de doutoramento. Contra estas resolucións poderase presentar recurso conforme as disposicións establecidas nos Estatutos da Universidade.

CAPÍTULO VI

A tese de doutoramento

Artigo 34. A tese de doutoramento

1. A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación relacionado co campo científico, técnico ou artístico do programa de doutoramento cursado pola doutoranda ou doutorando, e deberá capacitala/o para o traballo autónomo no ámbito da I+D+i.

2. Todas as teses de doutoramento deberán incluír, como mínimo, un resumo, unha introdución, os obxectivos e hipóteses, a metodoloxía, os resultados coa súa discusión, as conclusións e a bibliografía, así como os informes de valoración das directoras ou dos directores da tese e da titora ou do titor.

3. Se unha parte ou a totalidade da tese é unha reprodución parcial ou total dunha ou máis publicacións derivadas da investigación desenvolvida pola doutoranda ou doutorando durante a súa etapa de formación de doutoramento, deberase:

a) Incluír na tese a relación de publicacións que achegan contidos a esta, con indicación do factor de impacto da/das revista/s na que se atopa/n no ano de publicación, a posición relativa na categoría a que pertence/n e/ou outros indicios de calidade.

b) Indicar claramente na tese a contribución da doutoranda ou doutorando, no caso de que haxa máis persoas coautoras.

c) Explicitar no/nos capítulo/s que reproduce/n contidos da publicación ou publicacións da doutoranda ou doutorando o nome e a filiación da autoría, os nomes e filiación de todas as persoas coautoras e a súa orde, así como a referencia completa da publicación ou publicacións, a editorial e o ISSN ou ISBN. No caso dos artigos con aceptación definitiva para a súa publicación e que no momento da presentación da tese aínda non estivesen publicados, engadirase o seu código de identificación (o DOI nas publicacións dixitais).

d) Presentar na tese a autorización da revista/editorial para o uso da publicación na tese de doutoramento. De non contar coa dita autorización, a doutoranda ou doutorando deberá prover unha versión publicable no repositorio sen os contidos que carezan da dita autorización.

e) Presentar a aceptación por escrito das persoas coautoras de que a doutoranda ou doutorando presente parte ou a totalidade da publicación ou publicacións como parte da súa tese, e a declaración de que a contribución feita pola doutoranda ou doutorando na/nas contribución/s que achegan contidos á tese é orixinal e propia.

f) Presentar declaración por escrito das persoas coautoras non doutoras na cal se comprometen a identificar de xeito claro e inequívoco as contribucións da doutoranda ou doutorando, en particular, cando estas se teñan que presentar como complemento doutra tese de doutoramento para manter a coherencia e comprensión dos resultados e impacto desta última.

Artigo 35. O idioma da tese de doutoramento

1. A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en galego ou castelán.

2. A tese tamén poderá ser escrita e, no seu caso, defendida nas linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento. Nese caso, deberá incluír un resumo en lingua galega non inferior a 3.000 palabras. Poderá tamén incluír outros resumos de similar extensión noutras linguas.

3. O idioma da tese será autorizado pola CAPD a través da aprobación do seu plan de investigación.

4. No caso de que a tese sexa redactada nun idioma distinto do galego ou castelán, a CAPD deberá xustificar a súa pertinencia segundo o especificado no punto 2 deste artigo, garantindo que o tribunal proposto estea en condicións de xulgar a tese no idioma correspondente.

5. O título, resumo, introdución, obxectivos, hipóteses, metodoloxía, resultados e as conclusións da tese deben estar redactados no idioma seleccionado, ben que pode incluír referencias, mencións, achegas ou apéndices realizados pola doutoranda ou doutorando e/ou por outros autores no idioma en que foron publicados.

6. Nas teses por compendio de publicacións, o corpo da tese poderá estar redactado nun único idioma distinto aos das publicacións incluídas nela.

7. As peculiaridades respecto ao idioma no caso das teses que opten á mención de «doutoramento internacional» e aquelas en réxime de cotutela establecidas nos artigos 38 e 40 deste regulamento, respectivamente, serán de obrigado cumprimento.

Artigo 36. Teses con protección de dereitos

1. Enténdense por teses con protección de dereitos aquelas en que existan cláusulas de confidencialidade con empresas, as que poidan xerar dereitos de propiedade industrial e intelectual e aquelas en que non caiba a súa difusión total antes de estar debidamente protexidos os contidos afectados dela.

Nestes casos, logo de solicitude formal por parte da doutoranda ou doutorando e co aval das persoas que titorizan e dirixen a tese, cómpre asinar un compromiso de confidencialidade e custodia que garanta a non difusión dos devanditos contidos. Este compromiso deberá quedar reflectido no plan de investigación, e será obxecto de informe da CAPD do programa de doutoramento e aprobado pola EDIUS. Ademais, todas as persoas que participen no proceso de avaliación da tese deberán tamén asinar tales compromisos de confidencialidade: directoras ou directores, titora ou titor e membros do tribunal.

2. Este tipo de tese estará sometida a unha garantía formal: contará cunha versión reducida, da cal se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade, e cunha versión completa, que quedará arquivada na EDIUS.

3. A versión reducida da tese de doutoramento, que coincidirá co contido da exposición da doutoranda ou doutorando no acto de defensa pública da tese, será a que se presente fronte á CAPD e a que se deposite para a súa consulta pola comunidade científica doutoral e posterior informe de autorización pola EDIUS. A versión completa será entregada aos membros do tribunal para a súa avaliación. Se o tribunal, no acto de defensa, desexa formular cuestións á doutoranda ou doutorando sobre os contidos protexidos, farao nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

4. No caso de aprobación da tese, a versión reducida será a que se publique no repositorio institucional. Realizadas as oportunas proteccións ou vencido o prazo de confidencialidade, substituirase a antedita versión reducida pola tese completa.

Artigo 37. Teses por compendio de publicacións

1. A Universidade recoñecerá como «teses por compendio de publicacións» aquelas que, ademais de cumprir todo o previsto no artigo 34.3, consistan nun conxunto de polo menos tres contribucións de investigación elaboradas pola doutoranda ou doutorando durante a etapa de realización da tese e que conten coa aceptación definitiva ou estean xa editadas en publicacións de ámbito e prestixio internacional con revisión anónima por pares. Estas publicacións deben estar recollidas en revistas de impacto recoñecido no ámbito científico correspondente, en particular, aquelas incluídas no Journal Citation Reports, JCR, ou Scopus. Nas áreas en que non sexa aplicable este criterio, poderá substituírse polas bases de datos relacionadas pola CNAAI para estas áreas. Polo menos unha das publicacións deberá estar no primeiro ou segundo cuartil da súa categoría. Nas grandes áreas de Arte e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas permitirase que as contribucións sexan libros ou capítulos de libro, con selo de calidade en edición académica ou que estean incluídos en Scholarly Publishers lndicators in Humanities and Social Sciences.

2. Ademais, as teses por compendio de publicacións deberán satisfacer os seguintes requisitos adicionais:

a) Deberán reflectir claramente a contribución da doutoranda ou doutorando nas publicacións incluídas no compendio, a cal debe ser substancial. Ademais, estas publicacións deberán:

i. Axustarse ao proxecto de tese recollido no plan de investigación.

ii. Reflectir claramente a adscrición da doutoranda ou doutorando á USC.

b) As persoas directoras deberán presentar a súa conformidade coa presentación da tese por compendio de publicacións mediante un informe que especifique que as publicacións incluídas nela se axustan ao plan de investigación da doutoranda ou doutorando, así como a idoneidade da presentación baixo esta modalidade, que deberá ser aprobado pola CAPD do programa.

c) As persoas coautoras presentarán unha declaración indicando que os artigos incluídos na tese non formaron parte de ningunha outra, e a renuncia por escrito das persoas coautoras non doutoras á presentación das contribucións como parte doutra tese de doutoramento.

d) A estrutura da tese deberá ter coherencia por si mesma, con independencia dun desenvolvemento maior a través dos traballos publicados. Esta estrutura contará como mínimo con:

i. Unha introdución en que se realice unha presentación do marco teórico en que se inscribe o tema da tese e que especificamente contará cunha xustificación razoada da unidade e coherencia temática e metodolóxica dela.

ii. Hipóteses e obxectivos xerais e específicos que se pretenden alcanzar, indicando en que publicación ou publicacións se abordan.

iii. Unha breve descrición das ferramentas metodolóxicas empregadas.

iv. Unha discusión xeral que dote de coherencia e unidade os diferentes traballos incluídos na tese.

v. As conclusións da tese.

vi. As fontes referenciadas.

vii. As contribucións do compendio estarán recollidas a continuación, ou ben formando parte do propio corpo da tese ou ben como anexo, baixo a epígrafe «Traballos publicados ou aceptados». Soamente se poderá incluír o post-print dos artigos, que pode ser a versión enviada pola autora ou autor antes da publicación, a versión publicada pola editora ou editor ou calquera outra que determine a política de copyright e autoarquivo da revista/editorial.

Artigo 38. Teses con mención de «doutoramento internacional»

O título de doutora ou doutor poderá incluír a mención de «doutoramento internacional», sempre que se cumpran os requisitos seguintes:

a) Que durante a etapa de realización da tese, a doutoranda ou doutorando realizase unha estadía mínima de tres (3) meses fóra de España nunha institución de ensino superior ou centro de investigación de prestixio, cursando estudos ou realizando traballos de investigación relacionados coa súa tese. Para estes efectos, non se considerará como estadía a efectuada no seu país de residencia ou na institución onde traballa. A estadía e as actividades que se vaian desenvolver deben ser avaladas pola dirección da tese e autorizadas previamente pola CAPD, e serán incorporadas pola doutoranda ou doutorando no seu documento de actividades. A estadía poderá realizarse en períodos descontinuos coa autorización da CAPD nunha ou varias institucións cunha duración mínima de quince (15) días cada un. A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, etc. non se considerará como parte dunha estadía para esta mención.

b) Que parte da tese, polo menos o resumo e as conclusións, se redacte e sexa presentada nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta a calquera das linguas oficiais ou cooficiais en España. Esta norma non será de aplicación cando as estadías, os informes referidos no punto c) e o experto do punto d) deste artigo procedan dun centro ou institución dun país de fala hispana.

c) Que un mínimo de dúas persoas expertas doutoras pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación non española emitan un informe favorable sobre a tese, de acordo co procedemento que para tal efecto se estableza.

d) Que polo menos unha persoa experta pertencente a algunha institución de educación superior ou centro de investigación non español, co título de doutora ou doutor e distinta da persoa responsable da titorización da estadía mencionada no apartado a) forme parte do tribunal avaliador da tese.

Artigo 39. Teses con mención de «doutoramento industrial»

1. Unha tese con mención de «doutoramento industrial» é aquel traballo de investigación orixinal en que se dá resposta a un problema industrial ou se desenvolve un proxecto innovador orientado e/ou de utilidade para a industria. En todo caso, realízase nunha empresa pública ou privada ou nunha entidade do sector público, que non pode ser unha universidade.

2. A doutoranda ou doutorando poderá obter a mención de «doutoramento industrial» sempre que concorran as seguintes circunstancias:

a) A existencia dun contrato laboral ou mercantil coa doutoranda ou doutorando, que deberá cumprir os seguintes requisitos:

i. O contrato poderá celebrarse ou ben cunha empresa do sector privado ou público, ou ben cunha entidade do sector público. No contrato especificarase o tempo de dedicación da doutoranda ou doutorando á elaboración do proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental, que non poderá ser inferior ao 50 % da súa xornada laboral.

ii. A duración do contrato deberá supoñer polo menos o 50 % do tempo da elaboración da tese, entendido este como o tempo de dedicación desde a súa matrícula na USC e a data de presentación da tese fronte a CAPD, cunha duración mínima de 18 meses se o tempo de dedicación é a tempo completo, ou de 30 meses se é a tempo parcial.

b) O proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental en que participe a doutoranda ou doutorando durante o seu contrato na empresa ou entidade pública en que preste o servizo, que non poderá ser unha universidade, deberá ter unha duración mínima de 18 meses, que estarán comprendidos dentro do período de elaboración da tese. Ademais, o proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental ten que gardar relación directa coa tese. Esta relación directa acreditarase mediante unha memoria que terá que ser visada pola Universidade e a empresa, e validada pola persoa da entidade colaboradora e a directora ou director da tese.

c) No caso de que o proxecto de investigación se execute en colaboración entre a Universidade e a empresa ou entidade en que presta servizo a doutoranda ou doutorando, subscribirase un convenio de colaboración entre as partes. Neste convenio indicaranse as obrigas da USC e as da empresa ou entidade pública, os aspectos relativos á propiedade intelectual e industrial dos potenciais resultados da tese, así como o procedemento de selección das doutorandas e doutorandos. Este convenio estará en vigor, polo menos, mentres dure a participación da doutoranda ou doutorando no proxecto.

d) A doutoranda ou doutorando, mentres estea contratado para realizar o proxecto de investigación industrial ou desenvolvemento experimental, poderá realizar a súa tese baixo as modalidades de tempo parcial ou de tempo completo, atendendo a dita dedicación ao tempo de desenvolvemento do proxecto de tese dentro da súa xornada laboral. Permitirase tamén a realización da tese baixo a modalidade de tempo parcial cando se acredite unha discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

e) A doutoranda ou doutorando contará cunha persoa responsable designada pola empresa pública ou privada ou entidade pública, quen velará polo correcto desenvolvemento do proxecto de tese no seo dela. Esta persoa, ademais, poderá exercer a dirección da tese, sempre e cando cumpra os requisitos para ser directora ou director de tese establecidos neste regulamento.

3. No caso de teses desenvolvidas no marco dunha convocatoria competitiva de financiamento de doutoramentos industriais, priorizaranse os requisitos marcados pola dita convocatoria fronte aos establecidos neste artigo, o que non exime da necesidade de aprobación da mención de «doutoramento industrial» por parte da USC.

Artigo 40. Teses en réxime de cotutela

1. Enténdese como cotutela a dirección conxunta dun traballo de investigación conducente á obtención do título de doutora ou doutor entre a USC e outra universidade estranxeira. A doutoranda ou doutorando en cotutela efectuará a súa tese baixo a supervisión e a responsabilidade de, polo menos, unha directora ou director en cada unha das universidades participantes.

2. Unha tese en cotutela implica unha colaboración académica entre as universidades participantes e ten que contar co visto e prace da CAPD da USC en que estea matriculada a doutoranda ou doutorando.

3. Para a formalización dunha cotutela é necesario:

a) A sinatura dun convenio marco entre as partes, que estableza as liñas xerais de cooperación e un convenio específico que regule a cotutela.

b) A doutoranda ou doutorando deberá ser admitido e matricularse anualmente na etapa de tese en cada unha das universidades participantes e deberá cumprir os requisitos de admisión e os formativos dos programas de doutoramento de ambas as institucións.

c) O tempo de preparación da tese non será superior ao prazo máximo establecido para o efecto no convenio, respectando as normativas de permanencia mínima e máxima das universidades participantes.

d) A doutoranda ou doutorando realizará unha estadía mínima de seis meses en cada unha das universidades participantes. A estadía poderase realizar en varios períodos. Para os efectos de validez das estadías requiridas, a EDIUS poderá ter en conta as estadías realizadas previamente á sinatura do convenio de cotutela, sempre e cando se cumpra que a doutoranda ou doutorando estivese matriculado nun programa de doutoramento. No caso da USC, a modalidade de matrícula poderá ser tanto a ordinaria como a de «matrícula por estadía», e a CAPD deberá avaliar que se levaron a cabo traballos directamente relacionados co tema e desenvolvemento da tese. Nas estadías na outra universidade, será esta quen acredite a validez da estadía.

e) A tese será obxecto dunha defensa única nunha das dúas universidades. No convenio de cotutela quedará recollida a equivalencia entre os sistemas de cualificacións das universidades participantes nel.

f) O tribunal xulgador da tese será designado pola institución en que se vaia defender a tese de doutoramento. Este tribunal deberá contar con representantes das dúas institucións, incluídas as persoas que dirixen a tese, se así o establece o convenio.

4. A cotutela iniciarase despois da sinatura do convenio e da matrícula nas dúas universidades e será considerada válida cando a doutoranda ou doutorando permaneza, polo menos, dezaoito (18) meses matriculado nun programa de doutoramento da USC.

5. As CAPD e a EDIUS realizarán o seguimento e control das teses realizadas en réxime de cotutela.

6. Unha tese en réxime de cotutela poderá redactarse ou ben no idioma habitual para a comunicación científica no seu campo de coñecemento ou ben nunha das linguas oficiais das universidades asinantes do convenio.

7. A defensa dunha tese en réxime de cotutela deberá ser autorizada pola EDIUS independentemente da institución onde esta se realice. No caso de que unha tese non sexa autorizada para a defensa por unha das dúas universidades, o convenio de cotutela específico quedará sen efecto, o que non impide que a tese se leve a termo na universidade onde si foi autorizada.

8. No caso das teses non defendidas na USC e aptas, a autorización da defensa de tese pola EDIUS implica a expedición do título de doutora ou doutor pola USC, no cal se fará mención á tese en cotutela. En todo caso, deberá outorgarse unha cualificación á tese equivalente á do sistema español, de conformidade co establecido no convenio.

9. A través da sinatura do convenio específico, a outra universidade participante avala o cumprimento dos méritos requiridos no artigo 26 deste Regulamento para exercer a dirección de tese polo/s docente/s ou persoal investigador desa universidade, e exclusivamente para a tese obxecto da cotutela.

CAPÍTULO VII

Depósito, autorización e defensa da tese de doutoramento

Artigo 41. Autorización da defensa da tese

1. Rematada a elaboración da tese e logo do informe favorable da persoa que a dirixe e da que a titoriza, a doutoranda ou doutorando solicitará á CAPD a autorización para a tramitación da tese cara a súa defensa.

2. A CAPD disporá dun prazo máximo dun (1) mes desde a presentación da tese pola doutoranda ou doutorando para a remisión á EDIUS do seu informe. Este informe poderá ser:

a) Favorable. Neste caso remitirase á EDIUS o exemplar da tese, a documentación asociada e unha proposta dos posibles membros do tribunal que a xulgará.

b) Condicionado á necesidade de correccións menores da tese, con indicación do prazo fixado á doutoranda ou doutorando para a presentación do requirido, que non poderá exceder os catro (4) meses.

c) Desfavorable, que deberá estar suficientemente motivado academicamente.

No caso de informe condicionado, a falta de presentación pola doutoranda ou doutorando das modificacións requiridas no prazo marcado pola CAPD implicará de forma automática o informe desfavorable da CAPD. No caso de que a doutoranda ou doutorando presente as modificacións ou correccións da tese en prazo, a CAPD disporá, desde a data de presentación pola doutoranda ou doutorando do requirido, dun novo prazo máximo dun (1) mes para remisión á EDIUS do informe, neste caso favorable ou desfavorable.

3. Tras o informe favorable da CAPD e a comprobación de que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez (10) días hábiles en período lectivo, garantindo a máxima difusión institucional para que calquera doutora ou doutor poida examinar a tese e formular por escrito, de ser o caso, as alegacións que considere oportunas, dirixidas á EDIUS.

4. Finalizado o período de exposición pública, a EDIUS autorizará ou non a defensa da tese tras a súa valoración, tendo en conta o informe da CAPD e as alegacións recibidas, de ser o caso, e sen prexuízo de convocar ou solicitar informe á doutoranda ou doutorando, á/ás persoa/s que dirixe/n a tese e/ou á CAPD, e/ou contar co asesoramento doutras doutoras ou doutores especialistas na materia.

5. No caso de denegación da continuidade da tramitación, será ditada resolución pola dirección da EDIUS debidamente motivada, indicando os defectos que se deberán corrixir na tese antes de proceder a unha nova solicitude de depósito.

6. No caso de autorización da defensa da tese, procederase ao nomeamento dos membros do tribunal e á comunicación da dita designación.

7. Os prazos mínimos e máximos para o acto da defensa da tese son os indicados no artigo 43, puntos 4 e 5.

8. Ao longo do proceso de autorización da defensa da tese e antes desta, a doutoranda ou doutorando estará obrigado a introducir os datos da súa tese na base de datos Teseo, segundo o procedemento que estableza a Universidade.

Artigo 42. Tribunal para a defensa da tese

1. A CAPD, oída a persoa que dirixe a tese (e/ou de ser o caso, a que a titoriza), proporá unha relación de oito membros do tribunal que avaliará a tese.

2. No caso de autorizar a trámite a defensa da tese, a EDIUS designará o tribunal encargado de xulgar a tese entre os oito membros propostos pola CAPD.

3. O tribunal contará con tres membros titulares e tres suplentes, un por cada titular, respectando os seguintes requisitos xerais:

a) Todos os membros que integren o tribunal deberán estar en posesión do título de doutora ou doutor e contar coa experiencia investigadora acreditada reflectida no artigo 26.3 no campo de coñecemento a que se refire a tese de doutoramento. En todo caso, o tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á USC e das institucións colaboradoras da Escola ou programa de doutoramento, asegurando unha presenza equilibrada de homes e mulleres, agás causas xustificadas.

Para os efectos da conformación dos tribunais de tese, considerarase como persoal asimilado á USC:

i. As profesoras e profesores xubilados da USC.

ii. O persoal investigador de centros e institutos mixtos de investigación en que participe a USC, contratado por eles.

iii. O profesorado alleo á USC que forme parte do programa de doutoramento.

b) O tribunal titular non poderá estar formado por máis dun membro dunha mesma institución ou persoal asimilado desa institución, agás nos casos das teses en cotutela en que o número de membros de tribunal sexa superior a tres.

c) Non poderán ser membros do tribunal:

i. A/as persoa/s que dirixe/n a tese nin, de ser o caso, a titora ou titor, salvo nos casos de teses en cotutela ou acordos bilaterais con universidades estranxeiras en que así o especifique o seu convenio.

ii. As persoas coautoras das publicacións recollidas nunha tese.

iii. As persoas que incorran en calquera das causas de abstención ou recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

iv. As doutoras e doutores que se atopen en situación de baixa laboral.

4. O profesorado universitario que estea en situación de excedencia, servizos especiais ou en comisión de servizos poderá formar parte dos tribunais de teses de doutoramento. No caso de excedencias ou comisións de servizos que comporten unha prestación de servizos noutra universidade, centro de investigación ou administración pública, considerarase que o profesorado pertence á institución en que estea prestando os seus servizos.

5. Na designación do tribunal a EDIUS deberá observar, de ser o caso, os requisitos especiais que se detallan:

a) Para as teses de doutoramento en réxime de cotutela vía convenio ou de programas derivados de convocatorias europeas ou similares que así o teñan establecido, se o acto de defensa se celebra na USC, o número de membros titulares do tribunal poderá ser de tres ou cinco. A composición concreta do tribunal determinarase no preceptivo convenio bilateral.

b) Para a obtención do título de doutora ou doutor con mención de «doutoramento internacional», terá que formar parte do tribunal titular, cando menos, unha persoa experta que sexa doutora pertencente a unha institución de ensino superior ou centro de investigación estranxeiro, que non sexa a responsable da titorización da estadía de investigación sinalada no artigo 38 deste regulamento. Neste caso, nomearase unha persoa doutora estranxeira como membro titular e outra como suplente.

Artigo 43. Defensa da tese

1. Unha vez autorizada a defensa pública da tese pola EDIUS, a doutoranda ou doutorando deberá efectuar o pagamento dos prezos dos dereitos de exame do grao de doutora ou doutor.

2. O acto de defensa pública da tese de doutoramento consistirá na exposición oral pola doutoranda ou doutorando do labor realizado, a metodoloxía, o contido e as conclusións da súa tese, facendo especial mención das súas achegas orixinais.

3. No acto de defensa da tese, os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre aquela e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, as cales a doutoranda ou doutorando deberá responder. As doutoras e doutores presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións e a doutoranda ou doutorando responder, todo isto no momento e forma que sinale a persoa que exerza a presidencia do tribunal.

4. A defensa da tese terá lugar nun prazo máximo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao da súa autorización pola EDIUS, agás causas debidamente xustificadas non imputables á doutoranda ou doutorando, e logo de autorización da Escola. De superarse este prazo, deberán reiniciarse os trámites para a autorización da defensa da tese pola EDIUS.

5. A persoa secretaria do tribunal, e por orde da presidencia deste, convocará o acto de defensa da tese cunha antelación mínima de sete (7) días naturais, indicando o día, o lugar e a hora, de todo o cal dará comunicación á CAPD, facendo a USC a publicidade pertinente.

6. A defensa da tese deberase realizar nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico nun centro da USC.

7. A reitora ou reitor poderá permitir a celebración do acto de defensa en universidades, entidades ou organismos colaboradores diferentes da USC.

8. Logo de solicitude debidamente xustificada, a dirección da EDIUS poderá autorizar a participación de parte ou a totalidade dos membros do tribunal xulgador e/ou da doutoranda ou doutorando por medios telemáticos. En todo caso, a celebración do acto de defensa por medios telemáticos estará supeditada a que se garantan os requisitos técnicos e administrativos necesarios para a defensa da tese.

9. Se antes do acto de defensa algún membro do tribunal titular non pode asistir, incorporarase o suplente correspondente. Excepcionalmente, por motivos de imposibilidade de constitución do tribunal, e logo de solicitude da CAPD, a dirección da EDIUS poderá cambiar as funcións dos membros do tribunal, respectando o establecido neste regulamento.

10. No caso de imposibilidade de constitución do tribunal, a presidencia deste poderá convocar un novo acto dentro dos dous (2) días seguintes ou fixar unha nova data que respecte un prazo mínimo de sete (7) días de publicidade e non supere os tres (3) meses desde a data de autorización da defensa da tese.

CAPÍTULO VIII

O título de doutora ou doutor

Artigo 44. Cualificación da tese de doutoramento

1. Concluído o acto de defensa da tese de doutoramento, o tribunal emitirá un informe sobre esta e expresará a cualificación global concedida de acordo coa seguinte escala: non apto, aprobado, notable e sobresaliente. A presidencia do tribunal comunicará, en sesión pública, a cualificación.

2. A persoa secretaria do tribunal levantará acta de colación do título de doutora ou doutor, que incluirá información relativa ao desenvolvemento do acto de defensa da tese e a expresión da cualificación acadada. Se se opta á mención de «doutoramento internacional» e/ou á mención de «doutoramento industrial», a persoa secretaria do tribunal incluirá na acta correspondente de colación do título a certificación de que se cumpren os requisitos exixidos.

3. O tribunal poderá propor que a tese obteña a mención de cum laude se a cualificación global é de sobresaliente e se se emite en tal sentido o voto secreto positivo por unanimidade. A concesión final da devandita mención realizarase con posterioridade, en sesión diferente á da defensa da tese de doutoramento.

4. A persoa secretaria do tribunal, ou membro deste en quen delegue, será responsable da custodia da documentación correspondente á defensa da tese de doutoramento, e deberá remitila debidamente cuberta ao SXA, no prazo máximo de cinco (5) días hábiles posteriores á defensa da tese para o seu arquivamento e documentación. No caso das teses defendidas no Campus Terra, a documentación será presentada ao SXA ou órgano que se estableza. Calquera outra situación será regulada por instrucción da Secretaría Xeral.

Artigo 45. Arquivamento da tese de doutoramento

1. Concluído o procedemento para a obtención do título de doutora ou doutor, a USC, a través do servizo competente, ocuparase do arquivamento da tese de doutoramento en formato electrónico e en acceso aberto nun repositorio institucional, e remitirá un exemplar en formato electrónico, así como toda a información complementaria que for necesaria, ao ministerio competente na materia para os efectos oportunos.

2. Nas teses con protección de dereitos ás cales se refire o artigo 36 deste regulamento, habilitaranse os procedementos que garantan o seu cumprimento.

3. A fin de garantir a posible publicación ou protección industrial dos resultados da tese, a doutoranda ou doutorando poderá solicitar o aprazamento da publicación da tese no repositorio institucional por un período máximo dun ano. Excepcionalmente, e de forma motivada, a doutoranda ou doutorando poderá solicitar unha prórroga adicional do antedito aprazamento á EDIUS.

Artigo 46. Título de doutora ou doutor

1. A superación dos estudos de doutoramento dará dereito á obtención do título de doutora ou doutor, coa denominación que figure no RUCT.

2. No caso de programas de doutoramento exclusivos da USC, a denominación dos títulos de doutora ou doutor será: doutora ou doutor pola Universidade de Santiago de Compostela.

3. Así mesmo, a expedición material do título incluirá información que especifique o programa de doutoramento cursado, ademais das mencións que correspondan (cum laude, «doutoramento internacional», «doutoramento industrial»), de acordo co establecido ao respecto na normativa sobre expedición de títulos universitarios oficiais. As teses en réxime de cotutela levarán unha dilixencia co texto «Tese en réxime de cotutela coa Universidade U» ou a que estableza a normativa vixente.

4. A doutoranda ou doutorando, sempre que se cumpran as bases xurídicas e técnicas, poderá obter tamén o suplemento europeo ao título (SET).

5. Para os programas de convocatorias europeas e interuniversitarios, actuarase segundo os convenios e acordos establecidos e a lexislación estatal na materia.

CAPÍTULO IX

O premio extraordinario de doutoramento

Artigo 47. Premio extraordinario de doutoramento

1. As teses de doutoramento defendidas na USC que teñan alcanzado a cualificación de sobresaliente cum laude poderán ser obxecto da mención especial de Premio extraordinario de doutoramento na Universidade.

2. A EDIUS establecerá o procedemento de concesión dos premios extraordinarios e anualmente efectuará a súa convocatoria, na cal se incluirá a relación de criterios xerais e específicos, de ser o caso, que se aplicarán na selección das teses no relativo á concesión da mención de premio extraordinario.

3. A EDIUS nomeará anualmente o/os tribunal/ais encargado/s de elaborar a proposta de concesión de premios extraordinarios de doutoramento. Os requisitos para poder ser membro do tribunal estarán recollidos na convocatoria anual.

4. O tribunal enviará a proposta de concesión á EDIUS para a súa aprobación polo Consello de Goberno. O SXA notificará ás persoas adxudicatarias a concesión do premio, anotándoo no seu expediente académico.

5. As doutoras ou doutores aos cales se lles concedese o premio extraordinario de doutoramento terán exención de prezos públicos pola expedición do título de doutor ou doutora, e contarán co recoñecemento documental que a propia Universidade estableza, de acordo coa lexislación vixente.

CAPÍTULO X

Dereitos e deberes das doutorandas e doutorandos, titoras e titores,
e directoras e directores adscritos á EDIUS

Artigo 48. Dereitos e deberes das doutorandas e doutorandos adscritos á EDIUS

1. Son dereitos e deberes das doutorandas e doutorandos da EDIUS os indicados no Estatuto do estudante universitario, os incluídos no compromiso documental de supervisión e no Código de boas prácticas da EDIUS, e se for o caso, os fixados no Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación e os que se citan a continuación, sen prexuízo doutros que poidan establecerse por lei.

2. Son dereitos das doutorandas e doutorandos:

a) Recibir unha formación investigadora de calidade, que promova a excelencia científica e atenda á equidade e á responsabilidade social.

b) Contar cunha titora ou titor que oriente o seu proceso formativo, e unha directora ou director e, se for o caso, codirector ou codirectores, que supervisen a realización da tese de doutoramento.

c) Solicitar, razoadamente, a designación dunha directora ou director de tese, ou a substitución da titora ou titor ou da directora ou director.

d) Solicitar, de forma xustificada, a dedicación a tempo parcial, prórrogas ou baixas temporais.

e) Procurar a súa integración en grupos e redes de investigación.

f) Coñecer a carreira profesional de investigación e que se promovan oportunidades para o seu desenvolvemento.

g) Recibir orientación profesional por parte da súa directora ou director, independentemente da súa situación contractual.

h) Participar en programas e convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

i) Contar co recoñecemento e coñecer os mecanismos de protección da propiedade intelectual e industrial a partir dos resultados da tese de doutoramento e dos traballos de investigación nos termos que se establecen na lexislación vixente na materia.

j) Ser recoñecida, mencionada e/ou citada, dentro das súas contribucións reais, como coautor/a de traballos, artigos, comunicacións, informes, patentes, etc. en que participase de xeito relevante.

k) Ser considerada como persoal investigador en formación, de conformidade co indicado no Estatuto do persoal investigador, coa Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e coa Carta europea do investigador.

l) Ter representación nos órganos de goberno como persoal investigador en formación nos termos establecidos nos Estatutos da Universidade e nos seus regulamentos.

m) Participar no seguimento dos programas de doutoramento e nos procesos de avaliación institucional, nos termos previstos nos sistemas de garantía da calidade e demais normativa vixente.

3. Son deberes do estudantado de doutoramento os establecidos no Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario e os establecidos nos Estatutos da Universidade e, se for o caso, os establecidos para os investigadores en formación.

4. Son deberes das doutorandas e doutorandos:

a) Formalizar a matrícula e aboar os prezos públicos establecidos en todos os cursos académicos de forma sucesiva, desde a admisión no programa ata a defensa de tese.

b) Desenvolver as actividades formativas programadas nos estudos de doutoramento, documentalas no rexistro individualizado de control e levar a cabo a investigación obxecto do plan de investigación, baixo o seguimento e supervisión da titora ou titor e da directora ou director da tese.

c) Aceptar, respectar e asinar o compromiso documental de supervisión.

d) Atender, observar e seguir as indicacións e recomendacións que lle fagan á/ás persoa/s titora e directora de tese en relación coas actividades formativas programadas e a investigación desenvolvida, e informala/s das iniciativas propias.

e) Informar regularmente á/ás persoa/s titora e directora de tese da realización de tales actividades formativas e da evolución do traballo de investigación, dos resultados obtidos e dos problemas que poidan aparecer no seu desenvolvemento.

f) Presentar nos prazos establecidos pola CAPD o plan de investigación e a documentación xustificativa das actividades realizadas e incluídas no documento de actividades individualizado, para someterse á avaliación da actividade realizada no prazo previsto pola normativa.

g) Observar as prácticas éticas recoñecidas e os principios éticos fundamentais correspondentes ás súas disciplinas, así como as normas éticas recollidas nos diversos códigos deontolóxicos nacionais, sectoriais ou institucionais.

h) Garantir na medida en que sexa posible que o seu labor sexa relevante para a sociedade e non duplique outro realizado previamente, evitando o plaxio de todo tipo e respectando a propiedade intelectual conxunta de datos cando a investigación sexa realizada en colaboración coas súas directoras ou directores ou con outras investigadoras ou investigadores.

i) Seguir en todo momento prácticas de traballo seguras, conformes coa lexislación nacional, incluída a adopción das precaucións necesarias en materia de saúde, seguridade e recuperación de accidentes informáticos, e respectar o Código de boas prácticas en investigación e o Código de boas prácticas da EDIUS.

j) Cumprir as normas e condicións relativas á publicación, autoría, propiedade intelectual e industrial e os dereitos de autor.

k) Gardar a debida confidencialidade sobre o desenvolvemento do seu traballo, manter en segredo a información obtida e empregala exclusivamente, cando proceda, co obxecto de realizar a tese de doutoramento.

l) Difundir as súas actividades de investigación, cando proceda, á sociedade en xeral, de forma que poida ser comprendida polos non especialistas e, así, poida mellorarse a comprensión da ciencia por parte do público.

m) Someterse ás regras de organización e uso de bens e equipamentos do centro onde realice a investigación e facer bo uso deles.

n) Coñecer o seu mecanismo de financiamento, se o houber, debendo solicitar todos os permisos necesarios antes de iniciar o seu labor ou acceder aos recursos proporcionados. Así mesmo, deberá informar e render contas se o obxectivo de investigación se atrasa, se redefine, se completa, se abandona ou se suspende.

5. No compromiso documental de supervisión asinado pola Universidade e a doutoranda ou doutorando, farase referencia a estes dereitos e deberes e ao sistema e procedemento de resolución de conflitos. Así mesmo, o documento recollerá os aspectos específicos relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou industrial que poidan xerarse no ámbito do programa de doutoramento correspondente.

Artigo 49. Dereitos e deberes das persoas titoras e directoras de teses de programas adscritos á Escola

1. Son dereitos e deberes das titoras e titores e directoras e directores de teses da Escola os incluídos no compromiso documental de supervisión e no Código de boas prácticas da EDIUS, e os que se citan a continuación, sen prexuízo doutros que poidan establecerse por lei.

2. Son dereitos das persoas titoras e directoras de tese:

a) Formar parte da EDIUS, de acordo coas normas establecidas no Regulamento dos estudos de doutoramento da Universidade e no Regulamento de rexime interno da propia EDIUS.

b) Establecer e trasladar ao estudantado de doutoramento as pautas, criterios e metodoloxías que considere adecuados para a elaboración da investigación que titorizan ou dirixen.

c) Recibir información completa e puntual do progreso da investigación realizada pola doutoranda ou doutorando e dos resultados obtidos, así como das actividades formativas realizadas.

d) Presentar a renuncia motivada á dirección ou á titorización dunha tese de doutoramento.

e) Ser oído nas solicitudes de prórroga, baixas, avaliación do plan de investigación e calquera outro asunto que afecte as actividades que desenvolve o estudantado de doutoramento que titoriza ou dirixe.

f) Informar sobre a pertinencia do inicio de depósito dunha tese titorizada ou dirixida.

g) Recibir o recoñecemento que proceda pola dirección ou titorización de tese, como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

h) Participar en actividades de formación para persoas titoras e directoras de teses que poidan ser ofertadas pola EDIUS para cumprir de forma responsable coas funcións de supervisión das súas doutorandas e doutorandos.

i) Todos aqueles que lle sexan recoñecidos pola lexislación, os Estatutos e as normas propias da Universidade.

3. Á persoa titora correspóndelle:

a) Velar pola axeitada interacción da doutoranda ou doutorando coa CAPD, e colaborar coa directora ou director de tese asesorándoa/o no proceso de formación da doutoranda ou doutorando, facilitando información, orientación e recursos para a aprendizaxe.

b) Velar pola adecuación da formación da actividade investigadora da doutoranda ou doutorando ás liñas do programa de doutoramento.

c) Orientar a doutoranda ou doutorando nas actividades docentes e de investigación do programa.

d) Aceptar, respectar e asinar o compromiso documental de supervisión da tese.

e) Subscribir o seu compromiso de cumprir o Código de boas prácticas da EDIUS.

f) En caso de que a persoa directora sexa un/unha docente e/ou investigador/a alleo/a á Universidade, avaliar o plan de investigación e as actividades realizadas no ámbito da tese para realizar o informe anual da doutoranda ou doutorando.

g) En caso de que a persoa directora sexa un/unha docente e/ou investigador/a alleo/a á Universidade, avaliar as estadías e actividades necesarias para a obtención da mención de «doutoramento internacional» ou a memoria de traballo e actividades desenvolvidas para a mención de «doutoramento industrial».

h) Todas aquelas obrigas establecidas na lexislación xeral, na normativa da Comunidade Autónoma e nos Estatutos e normas propias da USC.

4. Á persoa directora da tese correspóndelle:

a) Dirixir as tarefas de investigación da doutoranda ou doutorando, de xeito que se asegure a coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade da tese, así como da adecuada planificación da investigación.

b) Facilitar a configuración do itinerario curricular das súas doutorandas e doutorandos.

c) Facilitar ao estudantado de doutoramento os medios e o contorno científico axeitado.

d) Encomendar á doutoranda ou doutorando actividades que estean exclusivamente relacionadas coa súa condición de investigador en formación.

e) Aceptar, respectar e asinar o compromiso documental de supervisión da tese.

f) Avaliar o plan de investigación e as actividades realizadas no ámbito da tese para realizar o informe anual da doutoranda ou doutorando. Neste documento terá en conta tanto as actividades realizadas como o desenvolvemento do plan de investigación, segundo o procedemento establecido pola USC.

g) Velar para que as doutorandas e doutorandos sigan prácticas de traballo seguras e de acordo cos principios éticos da súa especialidade, conformes coa lexislación vixente, para o que establecerán o plan formativo necesario.

h) Velar para que as doutorandas e doutorandos adopten as medidas necesarias para cumprir coas exixencias legais en materia de protección de datos e confidencialidade, para o que establecerán o plan formativo necesario.

i) Velar para que as doutorandas e doutorandos coñezan e cumpran as condicións relativas á propiedade intelectual e industrial, para o que establecerán o plan formativo necesario.

j) Velar para que as doutorandas e doutorandos coñezan os obxectivos estratéxicos que rexen o seu ámbito de actividade e os mecanismos de financiamento.

k) Instar a que as doutorandas e doutorandos soliciten todos os permisos necesarios ou realicen a formación preliminar necesaria antes de iniciar o seu traballo ou acceder aos recursos proporcionados.

l) Subscribir o seu compromiso de cumprir o Código de boas prácticas da EDIUS.

m) Avaliar as estadías e actividades necesarias para a obtención da mención de «doutoramento internacional» ou a memoria de traballo e actividades desenvolvidas para a mención de «doutoramento industrial».

5. Cada doutoranda ou doutorando contará cun perfil autorizado, que é aquela persoa que, sendo titora ou directora dun/dunha estudante de doutoramento, se compromete a dar traslado á aplicación informática dos informes necesarios para o seu seguimento, regulado polo Real decreto 99/2011 (plan de investigación, actividades, informe anual, etc.). A designación desta persoa é competencia da CAPD.

6. O incumprimento das súas obrigas nos prazos marcados pola USC para os distintos trámites de avaliación do estudantado de doutoramento será notificado á CAPD para que traslade o requirimento pertinente ou poida tomar a decisión de substituíla na súas funcións de titor/a ou director/a de tese, así como dala de baixa como profesor/a do programa de doutoramento, de ser o caso.

Disposición adicional primeira. Causas de abstención

O persoal que realice avaliacións á doutoranda ou doutorando (titor, director, membros da CAPD, informantes da tese, membros do tribunal, membros do tribunal de premio extraordinario, etc.) non poderán incorrer nas causas de abstención ou recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de rexime xurídico do sector público.

Disposición adicional segunda. Procedementos

Os procedementos derivados deste regulamento serán aprobados polo Comité de Dirección da EDIUS e publicados polo/a director/a da EDIUS. En materia de xestión académica, a competencia corresponderá á Secretaría Xeral da Universidade.

Disposición adicional terceira. Trámite de excepcionalidades

As situacións excepcionais previstas neste regulamento serán resoltas polo Comité de Dirección da EDIUS. En materia de xestión académica, a competencia corresponderá á Secretaría Xeral da Universidade.

Disposición transitoria

Este regulamento será de aplicación a todas as doutorandas e doutorandos matriculados con anterioridade á entrada en vigor do presente regulamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado e sen efecto o Regulamento de estudos de doutoramento da USC aprobado polo Consello de Goberno do 12 de xuño de 2017 (DOG do 28 de xullo).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor no curso 2020/2021, logo da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC e a súa publicación no DOG.