Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37308

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2020, da comisión designada para xulgar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo IV do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, convocado pola Resolución do 7 de febreiro de 2020, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización da proba tipo test.

En sesión que tivo lugar o 10 de setembro de 2020, a comisión nomeada pola Resolución do 17 de xullo de 2020 (DOG núm. 152, do 30 de xullo) para cualificar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo IV do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, convocado pola Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG núm. 32, do 17 de febreiro), acordou, de conformidade co disposto na base II.3.6 da convocatoria, que a proba tipo test terá lugar o 4 de outubro de 2020, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas, no pavillón número 2 do recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda.

As previsións establecidas neste documento poderán ser modificadas á vista das recomendacións que realicen as autoridades sanitarias da Comunidade Autónoma en función da evolución da pandemia do COVID-19.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de outro documento fidedigno que a xuízo da comisión acredite a súa identidade. Ademais deberán vir provistas de bolígrafo de cor azul ou negra.

Segundo o establecido na base II.1 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples.

Non se poderá acudir á realización da proba con reproducións da batería de preguntas publicada na páxina web (https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion). Se as persoas aspirantes acudisen á proba con este material ou outro non autorizado polas bases ou pola comisión, seralles retirado antes ou durante a súa realización. No suposto de que algunha persoa aspirante fixese uso do material descrito durante a realización da proba, a comisión poderá decidir a súa inmediata expulsión.

Será obrigatorio o uso da máscara durante toda a realización da proba, agás cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara, neste caso deberán achegar á Dirección Xeral da Función Pública a correspondente xustificación no prazo de 5 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de non facelo, non se permitirá o acceso sen a máscara.

Non se permitirá o acceso ao pavillón en que se realice a proba con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización da mesma, nin se habilitará ningún servizo de recollida dos devanditos dispositivos.

Nos vindeiros días publicaranse unhas normas xenéricas que hai que seguir para a realización da proba tipo test como consecuencia da situación creada pola pandemia do COVID-19.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

Rubén Plaza Martínez
Presidente da comisión