Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 29 de setembro de 2020 Páx. 37606

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de setembro de 2020 pola que se modifican determinados plans de explotación marisqueira con motivo das obras de dragaxe na ría do Burgo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 27.15 do seu Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de marisqueo e cultivos mariños. O contido desta competencia foi concretado posteriormente polo Real decreto 3318/1982, do 14 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, en cuxo anexo en materia de pesca declara que corresponde á Comunidade Autónoma a competencia para outorgar concesións e autorizacións no relativo, entre outros, á explotación de algas, moluscos e crustáceos, establecementos marisqueiros e de cultivos mariños, así como o exercicio da actividade extractiva en xeral.

En exercicio destas competencias aprobouse a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, que establece que a política da Administración autonómica terá entre outros obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. Entre as medidas de conservación e xestión que recolle a dita lei figura a adopción, despois da audiencia do sector afectado, de plans de xestión definidos como medidas reguladoras da actividade pesqueira e marisqueira. Neste sentido, de acordo co número 13 do artigo 4 da lei, os plans de xestión son medidas reguladoras da actividade pesqueira e marisqueira. Estes plans incluirán as medidas técnicas, os horarios e o réxime de calamento das artes autorizadas e, se é o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro.

O artigo 7 da lei establece a competencia da consellería competente en materia de pesca para a aprobación dos indicados plans de xestión, así como para a regulación directa do esforzo de pesca e marisqueo limitando a capacidade de pesca ou o tempo de actividade, incluíndo o peche da pesca ou o marisqueo.

Desde os anos noventa a explotación dos recursos marisqueiros e das algas en Galicia organizouse principalmente a través de plans de explotación, mediante un sistema de coxestión entre a Administración e o sector. Os plans de explotación, xunto cos permisos de explotación para exercer a actividade e a organización do sector ao redor das agrupacións sectoriais das confrarías de pescadores, conformaron os alicerces para a importante transformación do sector marisqueiro.

O Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, establece no seu artigo 8 que o Plan xeral de explotación marisqueira é o conxunto de normas e orientacións destinadas a regular e programar a conservación e explotación sustentable dos recursos marisqueiros xerais durante un período de tres anos. A persoa titular da consellería competente en materia de marisqueo aprobará mediante orde o Plan xeral de explotación marisqueira.

O artigo 21 do decreto prevé que a administración poderá acordar medidas de adaptación durante o desenvolvemento do plan, de acordo cos obxectivos previstos no punto 1 do artigo 6 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, entre os que se atopan o establecemento e regulación de medidas dirixidas á conservación, xestión e explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos.

Sobre a base das súas competencias e da regulación indicada a Comunidade Autónoma autorizou o desenvolvemento da actividade marisqueira na ría do Burgo a través de cinco plans de explotación aprobados á Confraría de Pescadores da Coruña pola Consellería do Mar mediante a Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019, así como a través dun plan de xestión de solénidos aprobado igualmente á Confraría de Pescadores da Coruña mediante a Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos en Galicia para o ano 2019, plans que hoxe en día se atopan en vigor por aplicación das disposicións transitorias primeira e segunda do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

Tanto a Administración do Estado como a Xunta de Galicia e os concellos ribeiregos coinciden en que cómpre culminar o proceso de saneamento e depuración da ría do Burgo cunha intervención de dragaxe para rexenerala de maneira definitiva. Xa en 2012 se iniciaron contactos entre as administracións estatal, autonómica e local coa finalidade de articular a necesaria colaboración para coordinar as accións encamiñadas ao saneamento da ría do Burgo, impulsando a súa dragaxe e rexeneración. Trátase dunha actuación de gran relevancia social, moi reclamada pola cidadanía en xeral e polo sector marisqueiro en particular.

Nese contexto de colaboración, a Administración do Estado redactou o proxecto titulado «Dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo», xunto co seu estudo de impacto ambiental. A avaliación de impacto ambiental do proxecto iniciouse en outubro de 2013, e obtívose a declaración de impacto ambiental favorable mediante a Resolución do 11 de setembro de 2017.

A execución dese proxecto requirirá limitar de forma temporal a actividade marisqueira, xa que ambas as actividades son incompatibles por distintas causas, como poden ser a ocupación física e alteración do substrato, así como tamén a alteración da calidade das augas.

Así mesmo, algún dos bancos marisqueiros veranse afectados polos traballos de dragaxe da ría, polo que será necesario realizar algunhas operacións previas e finais co obxecto de manter a súa produtividade.

A Consellería do Mar asumiu fronte á Administración do Estado, de acordo cos principios de colaboración e coordinación entre as administracións públicas, para os efectos da realización da acta de implantación do proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña), o compromiso formal de, no marco das súas competencias e de acordo co réxime xurídico aplicable, adoptar os actos que sexan necesarios para a modificación dos plans que se enumeran no artigo 1 desta orde, con paralización da actividade extractiva no ámbito afectado polo indicado proxecto, no momento do inicio das obras, de acordo coas previsións do proxecto aprobado.

Para estes efectos, a Confraría de Pescadores da Coruña asumiu tamén o compromiso de paralizar toda a actividade extractiva no momento de inicio das obras, tal e como figura nas alegacións presentadas no seu día pola Confraría de Pescadores ao proxecto de dragaxe da ría do Burgo.

Tendo en conta o indicado, para efectos da implantación do proxecto e para garantir de modo formal a dispoñibilidade dos terreos precisos para a normal execución da obra, resulta procedente adoptar con suficiente anticipación as medidas oportunas para adaptar os títulos habilitantes do exercicio da actividade de marisqueo no ámbito afectado e asegurar a súa compatibilidade coas previsións do proxecto. Esta adaptación dos títulos efectúase mediante a modificación e incorporación aos plans anteriormente sinalados da previsión da necesaria suspensión da actividade de marisqueo desde o inicio das obras, na forma disposta polo proxecto aprobado.

Por todo iso, con base nos antecedentes expostos, de acordo cos principios de colaboración e coordinación coa Administración do Estado, logo de audiencia da Confraría de Pescadores da Coruña, e de conformidade coas facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Modifícanse os seguintes plans aprobados pola Consellería do Mar, para a inclusión da cláusula indicada no punto segundo:

– Plan de explotación en autorización marisqueira, modalidade a pé, na zona de traballo: zonas de autorización da parte interna da ría do Burgo, entre a ponte da Pasaxe e a ponte do Burgo.

– Plan de explotación en autorización marisqueira, modalidade embarcación, na zona de traballo: zonas de autorización da parte interna da ría do Burgo, entre a ponte da Pasaxe e a ponte do Burgo.

– Plan específico en zona de libre marisqueo, modalidade embarcación, na zona de traballo: banco do Parrote, Valiña (barra da praia de Santa Cristina) e praia de Oza.

– Plan específico en zona de libre marisqueo, modalidade embarcación, zona de traballo: zonas de libre marisqueo da ría do Burgo: desde a boca da ría da Pasaxe, As Xubias, ata a ponte da Pasaxe.

– Plan específico en zona de libre marisqueo, modalidade a pé, zona de traballo: zonas de libre marisqueo da ría do Burgo: desde a ponte da Pasaxe ata a liña imaxinaria que vai desde o colexio Santiago Apóstolo ata o extremo leste da praia de Santa Cristina.

– Plan de xestión de solénidos cuxa zona de traballo abrangue desde o banco do Parrote a Punta Bufadoiro na ría da Coruña.

Segundo. Nos plans indicados no punto anterior inclúese a seguinte cláusula final:

«Suspensión da actividade extractiva de acordo co proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña), para asegurar a normal execución do contrato.

Non poderá exercerse a actividade marisqueira desenvolta ao abeiro do presente plan aprobado á Confraría de Pescadores da Coruña unha vez que se inicie a execución do contrato de obras correspondente ao proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña), de acordo coas previsións do proxecto aprobado».

Terceiro. A cláusula referida no punto segundo desta resolución quedará incluída nos futuros plans marisqueiros que se aproben á Confraría de Pescadores da Coruña cando a actividade desenvolta se realice no espazo afectado polo proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña).

Contra a presente orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 dá a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar