Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39860

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 28 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Galiza Verde, S.L. para a planta de valorización e almacenamento de residuos perigosos e non perigosos que se localiza no parque empresarial de Pazos, concello de Padrón (expediente 2019-IPPC-M-197).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decrembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento presentado por Galiza Verde, S.L. para a revisión da autorización ambiental integrada, para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-197.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2014-IPPC-45-277.

Categoría principal da actividade: anexo I, grupo 5.6.

Titular: Galiza Verde, S.L.

CIF: B-15681950.

Enderezo do titular: lugar de Ribadulla, Carcacía 15900 Padrón (A Coruña).

Enderezo da instalación: parque empresarial de Pazos, parcela núm. 21 bis, 15917 Padrón (A Coruña).

Actividade principal: recolla, transporte e almacenamento de residuos perigosos e non perigosos xerados por pemes (principalmente dos sectores das artes gráficas, carpintaría, talleres de automoción e construción naval) e rexeneración de disolventes.

Descrición das instalacións:

Nas instalacións decláranse as seguintes operacións de xestión de residuos, tanto perigosos como non perigosos: recolla, transporte, clasificación, almacenamento e valorización. O proceso comeza coa recolla dos residuos e a súa recepción na planta, onde se clasifican en función das operacións a que serán sometidos: compactación e almacenamento, recuperación e almacenamento ou só almacenamento. O almacenamento realízase de distinta forma en función do seu estado físico (líquido, po ou sólido) e en función da súa perigosidade, ata a súa entrega a xestor autorizado. Na instalación tamén se recuperan disolventes mediante procesos físicos de destilación e decantación.

Verteduras: na instalación non se producen verteduras de augas residuais industriais. Co obxecto de reter os posibles derramos e fugas, a planta conta cunha rede de drenaxe que conduce todos os efluentes a unha fosa á espera de seren retirados por un xestor autorizado. No tocante ás augas pluviais e fecais, ambas están conectadas á rede de saneamento municipal.