Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 15 de outubro de 2020 Páx. 40000

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2020 pola que se convoca o II curso monográfico A innovación social no sector público.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o II curso monográfico A innovación social no sector público, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Este curso ten como obxectivo principal familiarizar o alumnado cos conceptos e procesos básicos da innovación social, con especial atención á súa relevancia, aplicación e particularidades no sector público, entendendo por innovación social o deseño e posta en práctica de novas solucións (modelos, produtos, servizos e políticas) que permitan responder mellor que coas xa existentes a determinados retos sociais.

A extraordinaria situación provocada nos últimos meses pola pandemia do coronavirus creou incentivos particularmente poderosos para a innovación social. Así, a aparición súbita dun conxunto de problemas sociais novos para os cales as solucións existentes non semellaban adecuadas provocou a proliferación de alternativas innovadoras, algunhas máis sutís ca outras. Con fins ilustrativos, o curso utilizará numerosos exemplos extraídos da resposta ante a emerxencia sanitaria do COVID-19 e as súas consecuencias. O foco porase en exemplos centrados no sector público ou vinculados a colaboracións público-privadas.

Por último, cómpre mencionar que o obxectivo principal do curso faise efectivo a través de tres sub-obxectivos complementarios:

• Introducir o alumnado nos conceptos e procesos básicos da innovación social, con particular atención ao contexto do sector público.

• Profundar na comprensión dos citados conceptos mediante o seu uso por parte do alumnado para a análise de estudos de casos prácticos.

• Consolidar o aprendido e comprobar a súa relevancia a través da súa aplicación preliminar a un reto social concreto seleccionado por cada alumno/a, idealmente relacionado co seu traballo.

2. Contidos.

O curso estará organizado en tres módulos. Os principais temas que se van tratar en cada un serán os seguintes:

• Módulo 1. Introdución ao curso e aos conceptos básicos da innovación social:

– O concepto da innovación social.

– Distintos tipos de innovacións sociais.

– As fases da innovación social:

- Identificando necesidades e problemas: escoita, mapeamentos e diagnósticos.

- Ideando posibles solucións: a cocreación e o codeseño coas persoas usuarias, a innovación aberta e o uso da intelixencia colectiva.

- Probando posibles solucións: probas de concepto, prototipos e pilotos.

- Avaliando novas solucións: estudos con selección aleatoria e outras alternativas.

- Sustentabilidade: mercado, política pública e autoxestión comunitaria.

- Expansión: escalaxe, difusión e réplica.

– A innovación social e a tolerancia ao risco.

– Rompendo barreiras entre organizacións, sectores e disciplinas.

– Estudo de caso 1.

• Módulo 2. A innovación social no sector público:

– A innovación social como unha necesidade para o sector público.

– O sector público como dinamizador de ecosistemas de innovación social.

– Escalando innovacións sociais a través da política pública.

– Innovando en produtos/servizos desde o sector público.

– Innovando en procesos desde o sector público.

– Barreiras á innovación social no sector público.

– Catalizadores da innovación social no sector público.

– A innovación social no sector público e na Unión Europea.

– Estudos de caso 2 e 3.

• Módulo 3. Algúns recursos prácticos:

– Fontes de información sobre innovación social.

– Ferramentas e estratexias de promoción e xestión da innovación social.

– Redes de innovación social.

– Programas da Unión Europea e innovación social.

– Caso práctico sobre reto social seleccionado por cada alumno/a.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal empregado público pertencente a outras categorías.

4. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Datas: do 2 ao 25 de novembro de 2020.

Horas lectivas: 20.

Ao tratarse dunha actividade impartida na modalidade de teleformación o alumnado deberá dispor dun equipo informático con conexión á internet cun navegador actualizado (preferiblemente Chrome ou Mozilla Firefox).

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 26 de outubro de 2020.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xuntal.gal.

7. Comprobación de datos.

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición, e darase preferencia ao persoal indicado no punto 3 desta resolución.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e superación da actividade.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) e aquelas que, sendo seleccionadas e sen causa xustificada documentalmente, non entreguen no prazo establecido como mínimo o 50 % das actividades propostas, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Superación da actividade:

Para superar o curso será necesaria a adecuada realización e superación de todas as actividades (cuestionarios e/ou tarefas prácticas) propostas e avaliadas pola titoría desta actividade. Estas deberán constar debidamente presentadas nos prazos establecidos na programación didáctica do curso.

11. Facultades da EGAP.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas que realizasen, nos prazos indicados, e superasen, de acordo coa avaliación da titoría do curso, todas as actividades propostas no curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, as datas e a modalidade de desenvolvemento do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública