Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42634

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 175/2020, do 15 de outubro, polo que se regula o Censo de Solo Empresarial de Galicia e o seu réxime sancionador (código de procedemeto VI500A).

Conforme os principios reitores establecidos nos artigos 47 e 148.1.3º e 13º da Constitución española, o artigo 30 do Estatuto de autonomía para Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia da regulamentación do solo para o fomento do desenvolvemento económico de acordo co interese xeral.

Correspóndelle á consellería competente en materia de vivenda e solo, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no marco do establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e consonte a súa estrutura orgánica, aprobada polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, a proposta de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política en materia de solo empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa execución e avaliación, planificación, desenvolvemento e xestión do solo empresarial no ámbito autonómico.

O artigo 12 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, crea o Censo de Solo Empresarial de Galicia, como un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial na Comunidade Autónoma. O artigo 12.4 establece que a estrutura, funcionamento, documentación necesaria e prazos para a inscrición no Censo do Solo Empresarial de Galicia se determinará por orde da consellería competente en materia de vivenda e solo. Non obstante, tendo en conta a conveniencia de desenvolver algúns aspectos de réxime sancionador regulado nos artigos 22 a 26 da devandita Lei 5/2017, do 19 de outubro, e que a disposición derradeira décimo cuarta habilita o Consello da Xunta de Galicia para ditar as normas regulamentarias necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación, considérase adecuado desenvolver regulamentariamente ambos os aspectos mediante decreto.

O Censo de Solo Empresarial de Galicia vén configurado normativamente como un rexistro público de natureza administrativa, en que as persoas promotoras das áreas empresariais deben inscribilas obrigatoriamente.

A elaboración do Censo de Solo Empresarial de Galicia resulta necesaria para coñecer mellor a situación real da diversa tipoloxía das áreas empresariais existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a constante actualización da información. Esta información actualizada permitirá realizar unha toma eficiente de decisións co fin de incrementar a modernización e competitividade das zonas industriais, atraer investimentos, captar novas empresas e favorecer a creación de emprego e o equilibrio territorial.

No contexto exposto, o presente decreto determina a estrutura, funcionamento, documentación necesaria e prazos para a inscrición no Censo de Solo Empresarial de Galicia e o réxime sancionador.

A inscrición no censo é obrigatoria, pero non supedita o acceso á actividade de promoción de áreas empresariais e, en todo caso, é un requisito necesario, non discriminatorio, proporcionado, obxectivo e xustificado en razóns de interese social.

Establécese a inscrición unicamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, por razón da capacidade técnica e a dedicación profesional das persoas promotoras das áreas empresariais e respectando e potenciando os principios de celeridade, transparencia, publicidade e accesibilidade.

O decreto estrutúrase en catro capítulos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, Disposicións xerais, regula o obxecto, a finalidade e o ámbito obxectivo e subxectivo e define que se debe entender por área empresarial.

O capítulo II, Organización do censo e procedemento de inscrición, recolle a estrutura do Censo de Solo Empresarial de Galicia e o procedemento de inscrición e de modificación.

Baixo a rúbrica Acceso ao censo do capítulo III, regúlase a obtención polas persoas interesadas da información derivada da inscrición das áreas empresariais no censo.

O capítulo IV, Réxime sancionador, de conformidade co previsto nos artigos 22 e seguintes da Lei 5/2017, do 19 de outubro, desenvolve o réxime sancionador aplicable á infracción administrativa da falta de inscrición das áreas empresariais no Censo do Solo Empresarial de Galicia.

As disposicións adicionais conteñen previsións en relación coa interoperabilidade coas infraestruturas e servizos comúns con outros operadores públicos de solo, a protección de datos persoais e a actualización dos formularios que figuran como anexos ao decreto. A disposición transitoria establece o prazo para a inscrición das áreas empresariais en funcionamento. As dúas disposicións derradeiras refírense, respectivamente, ás facultades para a execución do decreto e á súa entrada en vigor.

Na tramitación deste decreto seguiuse o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, constan os informes preceptivos das consellerías competentes nas materias de facenda e de administración pública, e do órgano con competencia en materia de igualdade e o informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Cumpríronse, así mesmo, os trámites previstos na normativa en materia de transparencia, así como os de información pública e de audiencia.

Ademais, o presente decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día quince de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O decreto ten por obxecto regular a estrutura e o funcionamento do Censo de Solo Empresarial de Galicia, rexistro público de natureza administrativa dependente da consellería competente en materia de vivenda e solo e xestionado polo IGVS, así como o réxime sancionador.

2. O censo será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade

1. O Censo de Solo Empresarial de Galicia, de acordo co artigo 12.1 da Lei 5/2017, de 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, ten como finalidade coñecer o solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes na Comunidade Autónoma, co obxecto de que sexa un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial en Galicia.

2. Pola súa finalidade informativa e a súa natureza declarativa, que non leva cualificación xurídica polo IGVS dos asentos rexistrados, a inscrición no censo non implica obter o recoñecemento de dereitos ou facultades.

Artigo 3. Concepto de área empresarial

1. Para os efectos do decreto, enténdese por área empresarial unha superficie delimitada de solo constituído por un conxunto de parcelas, urbanizadas conforme a lexislación urbanística ou de ordenación do territorio, susceptibles de comercialización independente e cun destino principal que é a implantación de instalacións nas cales desenvolver usos e actividades económicas dominantes correspondentes aos sectores secundario ou terciario.

2. A obriga de inscrición no Censo de Solo Empresarial de Galicia comprende todas as áreas empresariais que teñan ou vaian ter parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as que estean previstas para o seu inmediato desenvolvemento, por teren en vigor o plan parcial ou proxecto sectorial correspondente.

Artigo 4. Ámbitos de aplicación

1. De acordo co artigo 12.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, as persoas promotoras de áreas empresariais deberán inscribir obrigatoriamente no censo todas as áreas empresariais promovidas por elas que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento.

Esta obriga legal será de aplicación ás persoas promotoras con independencia de onde teñan o seu domicilio social.

Cando unha área empresarial fose promovida conxuntamente por persoas promotoras públicas e privadas, cualificarase atendendo á participación que teña máis importancia desde o punto de vista económico.

2. A inscrición no Censo de Solo Empresarial de Galicia non eximirá do cumprimento da inscrición das parcelas das áreas empresariais no Rexistro da Propiedade nin noutros rexistros públicos que puidesen existir.

Artigo 5. Órgano competente

O órgano competente para a xestión do Censo de Solo Empresarial de Galicia é a Dirección Xeral do IGVS.

CAPÍTULO II

Organización do censo e do procedemento de inscrición

Artigo 6. Estrutura

No Censo de Solo Empresarial de Galicia constarán para cada área empresarial os seguintes datos:

1. Obrigatorios:

a) Denominación e datos da persoa promotora titular da área.

b) Denominación da área e tipoloxía (polígono industrial, plataforma loxística, parque tecnolóxico, polígono comercial ou outra).

c) Enderezo, indicando provincia, localidade, enderezo e coordenadas GPS referidas ao centro da área.

d) Ano de construción/posta en funcionamento. Superficie total e fase de desenvolvemento da área empresarial.

e) Plano de zonificación da área coa identificación das parcelas, en formatos .dwg, .pdf. e en formato Geography Markup Language (GML). Nos ficheiros deberán vir xeorreferenciados en coordenadas UTM, polo menos, os lindeiros das parcelas. A unidade básica de medida empregada nos arquivos será o metro.

f) Estado de execución da área empresarial: en funcionamento, en urbanización ou para o seu inmediato desenvolvemento.

g) Oferta dispoñible, individualizada por parcelas identificadas coa súa referencia catastral, superficie e usos permitidos. Indicarase o tipo de espazo dispoñible (naves, oficinas ou parcelas), os usos (servizos, industriais, comerciais ou loxística) e a natureza da operación (venda, arrendamento con ou sen opción de compra, dereito de superficie con ou sen opción de compra).

2. Opcionais:

a) Características urbanísticas, con referencia da URL ou nome do ficheiro en que se xunta a documentación do planeamento regulador ou proxecto de urbanización.

b) Infraestruturas, servizos e subministracións: depuradora de augas, vixilancia, zona de aparcadoiro, internet de alta velocidade, gardaría, restaurante, hotel, gasolineira, loxística ou outros.

c) Guía de empresas.

d) Denominación e datos da entidade de conservación/xestión.

e) Planos en .pdf e fotografías aéreas do ámbito.

f) Outra información relevante que se desexe facer constar.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas promotoras obrigadas a inscribir as áreas empresariais achegarán electronicamente, a través da aplicación informática que para estes efectos figura na páxina web do IGVS, os datos relacionados no artigo 6 para cada área empresarial obxecto de inscrición.

2. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará o formulario normalizado que figura no anexo e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para a súa presentación obrigatoria por medios electrónicos. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar electronicamente, a través da aplicación informática citada no artigo 7.1, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa promotora da área empresarial, se é o caso.

b) Documentación relativa a calquera outro dato que a persoa promotora queira facer constar na inscrición por consideralo relevante ou de interese en relación coa área empresarial.

c) De ser o caso, xustificante de ter aboado a taxa correspondente.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento e con anterioridade á formulación da proposta de resolución, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

De acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, as administracións poderán solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas polo interesado, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física promotora solicitante.

b) NIF da persoa xurídica promotora solicitante.

c) DNI/NIE da persoa física representante, se é o caso.

d) NIF da persoa xurídica representante, se é o caso.

e) Datos catastrais.

2. No caso de que as persoas físicas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na aplicación informática da páxina web do IGVS citada no artigo 7.1 e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor dos procedementos será a Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

2. As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos darán lugar á correspondente resolución de inscrición no Censo de Solo Empresarial de Galicia.

Prescíndese do trámite de audiencia regulado na normativa reguladora do procedemento administrativo común por non ser tidos en conta outros feitos, alegacións e probas que os que aduza a persoa interesada.

3. Corresponde á Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes de inscrición no Censo de Solo Empresarial de Galicia.

4. A resolución indicará o número de inscrición da área empresarial e de referencia das súas respectivas parcelas.

Artigo 12. Notificacións electrónicas

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas ou, de ser o caso, aos seus representantes avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e o sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Inscrición das áreas empresariais promovidas polo IGVS

O IGVS inscribirá de oficio as áreas empresariais da súa titularidade e asignaralles un número de inscrición, así como o número de referencia das súas respectivas parcelas.

Artigo 14. Prazo

O prazo para solicitar a inscrición das áreas empresariais de inmediato desenvolvemento será de tres meses contados a partir da data da entrada en vigor dos correspondentes plans parciais ou proxectos sectoriais, de acordo coas súas respectivas normativas de aplicación.

Artigo 15. Modificacións

1. Considéranse modificacións substanciais da inscrición o cambio de persoa promotora titular da área empresarial inscrita, a ampliación ou a redución da superficie da área. Nestes casos, a persoa promotora titular ou, de ser o caso, o seu representante deberá solicitar a correspondente modificación no prazo dun mes contado desde que tivo lugar.

2. Para solicitar a modificación substancial da inscrición seguirase o procedemento establecido nos artigos 7 e 8 e unicamente deberán cubrirse as epígrafes obxecto de modificación.

3. O procedemento de modificación, cando sexa substancial, finalizará mediante resolución motivada da Dirección Xeral do IGVS, que será notificada á persoa promotora ou, de ser o caso, ao seu representante.

Prescíndese no procedemento de modificación do trámite de audiencia regulado na normativa reguladora do procedemento administrativo común por non ser tidos en conta outros feitos, alegacións e probas que os que aduza a persoa interesada.

4. Non se considerarán modificacións substanciais a venda, o arrendamento e a constitución de dereito de superficie das parcelas da área empresarial, nin a alteración dos outros datos consignados no Censo de Solo Empresarial de Galicia, pero implicará para a persoa promotora da área empresarial o deber de comunicar, a través da aplicación informática do censo, a correspondente alteración, no prazo dun mes contado desde que tivo lugar e, de ser o caso, achegar a xustificación do pagamento da taxa correspondente.

5. Para os casos de alteracións de parcelas deberá achegarse novo plano da área coa identificación das parcelas, en formatos .gml, .dwg e .pdf, en que se recolla a dita alteración.

Artigo 16. Seguimento e control

1. O IGVS poderá en calquera momento requirir á persoa promotora a documentación necesaria para comprobar a exactitude da información incorporada ao Censo de Solo Empresarial de Galicia.

2. Cando resulte necesario para o axeitado cumprimento da obriga prevista de inscrición no censo, a Dirección Xeral do IGVS poderá encomendar aos servizos de inspección do Instituto que realicen as correspondentes comprobacións.

Artigo 17. Recursos

Contra as resolucións ditadas pola Dirección Xeral do IGVS en aplicación deste decreto poderase interpoñer recurso de alzada ante a Presidencia do IGVS nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

CAPÍTULO III

Acceso ao censo

Artigo 18. Información

1. A información derivada da inscrición das áreas empresariais no Censo de Solo Empresarial de Galicia poderase obter na páxina web do IGVS.

2. O acceso ao Censo de Solo Empresarial de Galicia será libre e gratuíto, de acordo co previsto no artigo 12.3 da Lei 5/2017, do 19 de outubro.

CAPÍTULO IV

Réxime sancionador

Artigo 19. Infraccións

1. De conformidade co artigo 22 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, terá a consideración de infracción administrativa leve a falta da inscrición no Censo do Solo Empresarial de Galicia, dentro dos prazos establecidos neste decreto, das áreas empresariais que teñan ou vaian ter parcelas dispoñibles para a comercialización, así como que estean previstas para o seu inmediato desenvolvemento.

2. Dado o carácter leve da infracción, o prazo de seis meses da súa prescrición comeza a contar desde o momento da finalización da conduta infractora.

Artigo 20. Persoas responsables

1. De conformidade co artigo 23.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, serán sancionadas polos feitos constitutivos da infracción prevista no artigo anterior as persoas promotoras de áreas empresariais, segundo o establecido no punto 2 do artigo12 da dita lei, que resulten responsables dela.

Cando a responsabilidade dos feitos constitutivos da infracción corresponda a unha persoa xurídica, poderán considerarse responsables, ademais, as persoas físicas integrantes dos seus órganos de dirección que autorizasen ou consentisen a comisión da infracción. As devanditas persoas físicas serán consideradas responsables, en todo caso se a persoa xurídica se extinguiu antes de terse ditado a resolución sancionadora.

2. Cando a infracción sexa imputable a varias persoas promotoras de áreas empresariais e non sexa posible determinar o grao de participación de cada unha, responderán solidariamente.

3. As sancións que se impoñan a distintos suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.

Artigo 21. Sancións

1. De conformidade co artigo 24 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, a infracción administrativa leve será sancionada con multa de 1.000 a 10.000 euros.

2. Na imposición das sancións terase en conta para graduar a contía das multas a reiteración ou reincidencia na comisión das infraccións.

Artigo 22. Orde de execución

Ademais da correspondente sanción, a resolución do procedemento sancionador incluirá unha orde de execución para que a persoa promotora sancionada emende o incumprimento que motivou o procedemento e solicite a inscrición da área empresarial dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para recorrela.

Artigo 23. Procedemento

1. A imposición de sancións realizarase mediante a instrución do correspondente procedemento sancionador e conforme as determinacións que se establecen na Lei 39/2015, do 2 outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 2 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As persoas titulares das xefaturas territoriais do Instituto Galego da Vivenda e Solo en que radiquen as áreas empresariais que non se inscriban no Censo de Solo Empresarial de Galicia serán os órganos competentes para a imposición das sancións, e a instrución dos procedementos correspóndelle ás correspondentes áreas provinciais do IGVS.

3. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento sancionador previsto no presente decreto será de seis meses, contados desde a data do acordo de inicio.

Disposición adicional primeira. Interoperabilidade coas infraestruturas e servizos comúns con outros operadores públicos de solo

A información dispoñible nas ferramentas implantadas por outros operadores públicos de solo poderá traspasarse automaticamente á aplicación informática do Censo do Solo Empresarial de Galicia, sempre que os ditos operadores dispoñan dun ficheiro de datos adaptados que permita o intercambio e a actualización da información.

Disposición adicional segunda. Protección de datos persoais

Os datos persoais que se recaden neste procedemento serán tratados de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como na demais normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

Disposición adicional terceira. Actualización de formularios normalizados

Os formularios normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Inscrición de áreas empresariais en funcionamento

O prazo para proceder á inscrición das áreas empresariais que xa estean en urbanización ou en funcionamento é de seis meses contados a partir da data de entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

1. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda para ditar no ámbito das súas competencias as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

2. Sen prexuízo do anterior, habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as instrucións e resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto en relación coa estrutura e funcionamento do Censo de Solo Empresarial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file