Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 30 de outubro de 2020 Páx. 43233

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 15 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento TR352B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a actual Consellería de Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2020, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo no marco da Estratexia española de activación para o emprego 2017-2020. Entre os seus principios de actuación establece o de «colaboración con interlocutores sociais e outros axentes públicos e privados, sectoriais ou locais, incluídas as persoas empregadoras, con obxecto de xerar redes de confianza, obter mellor información e reforzar as dimensións territorial e sectorial das políticas de activación». Así, no eixe 5 para o fomento do emprendemento inclúense o asesoramento integral ás persoas emprendedoras que proporcione unha mellor viabilidade dos proxectos empresariais, así como promover o desenvolvemento territorial, apoiando especialmente a creación de novas iniciativas empresariais en zonas rurais. Por outra banda, a Axenda 20 para o emprego contén entre as medidas en materia de emprego de calidade, as relacionadas coa orientación a servizos na atención ás persoas demandantes e empresas, entre outras, afondar na formación continua do persoal técnico da Rede de técnicos de emprego de Galicia, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación cos servizos que se prestan.

Tendo en conta o anterior e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, ao tempo que se prosegue na senda iniciada na regulación dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, esta consellería adopta medidas de apoio a aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción, especialmente a persoas con discapacidade. En consecuencia, na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, como un programa autonómico. Esta regulamentación autonómica diríxese, así mesmo, ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 09.40.322C.481.8, polo importe global de 1.100.000,00 euros, contida na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación nesta convocatoria do ano 2020 ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2019 de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B).

As persoas contratadas ao abeiro destas axudas colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

2. Para o adecuado exercicio das funcións e actividades das persoas contratadas como axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.

3. A concesión e desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.481.8 (código de proxecto 2015 00522), polo importe global de 1.100.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para seren beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

c) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, tal como exixe a alínea h) do artigo 21 desta orde.

3. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que teñan conexión telemática.

c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

Artigo 4. Definición e funcións das persoas contratadas como axentes de emprego

As persoas contratadas como axentes de emprego na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego realizarán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, para mellorar a súa empregabilidade.

c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.

e) Apoio aos promotores de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

f) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, a actividade empresarial e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social dos e das axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo «C» no caso dos e das axentes de emprego e do módulo «B» para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 2 a 1, ambos inclusive. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 8 a 3, ambos inclusive. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Para calcular a contía correspondente aos custos de Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.

4. A subvención prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

5. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

6. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso da presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, que deberá anexarse electronicamente, salvo nos casos recollidos no número 3 deste artigo, en que poderán identificar a entidade solicitante como información accesible, de xeito que a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Acreditación da condición de representante da entidade da persoa que asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Escritura pública e/ou dos estatutos vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro e os fins sociais segundo o disposto no artigo 3.1.

c) Memoria fundamentando a solicitude, segundo o modelo que se publica como anexo II, que inclúa unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar a persoa contratada como axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso, así como, se é o caso, un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polas persoas contratadas como axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior, en relación coas iniciativas empresariais xeradas e coa inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como consecuencia da súa actuación.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.

f) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable.

g) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a) e b) do número 1 deste artigo coinciden cos orixinais e se poñen á disposición da Administración actuante para achegalos cando sexan requiridos.

h) Que a entidade solicitante dispón de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que, de ser o caso, deban ser asumidos pola devandita entidade.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Se do exame da documentación presentada se comprobase que non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante que solicita a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

O incumprimento da obriga de subministración da devandita información sancionarase conforme a previsto no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, coa imposición de multas coercitivas.

Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, pola persoa responsable da xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades de atención de colectivos de discapacidade e en risco de exclusión social que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) As solicitudes de axudas concedidas no exercicio 2019 para a prórroga da contratación. Ata 15 puntos.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral dos e das axentes de emprego e unidades de apoio, mediante a súa contratación indefinida. Ata 10 puntos.

c) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal. Ata 5 puntos.

– Ámbito de actuación autonómico, 5 puntos.

– Ámbito de actuación pluriprovincial, 4 puntos.

– Ámbito de actuación provincial, 3 puntos.

– Ámbito de actuación comarcal, 2 puntos.

– Ámbito de actuación municipal, 1 punto.

d) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, ou permitan a inserción laboral dun maior número de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ata 10 puntos.

e) A valoración das actuacións levadas a cabo polas ditas entidades, no ámbito do fomento do emprego e da inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, en anos anteriores. Ata 10 puntos. Valorarase a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria, así como a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, para o que se terán en conta as incidencias na verificación de axudas anteriores producidas por causas imputables á entidade, restando ata 5 puntos.

No caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo primeiro do artigo 2, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa responsable da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, entre outras cuestións, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio e realización de todas as contratacións, a duración, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terá efectos retroactivos, sempre que non se interrompa a contratación, así como a prestación de servizos.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Selección e contratación dos e das axentes de emprego e das persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio

1. A selección das persoas axentes de emprego e das persoas traballadoras que formen parte da unidade administrativa de apoio corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención.

No caso das persoas axentes de emprego deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos universitarios, e valorarase a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego.

2. Non será preciso realizar ningún proceso de selección cando a persoa que se contrate estea a prestar servizos na entidade beneficiaria da subvención (no suposto de prórroga da contratación) e cumpra cos requisitos establecidos no parágrafo anterior.

De ser necesario realizar algún proceso de selección, este será efectuado pola entidade beneficiaria mediante o procedemento que considere máis apropiado, sempre que se garanta a idoneidade para o posto, o cumprimento do disposto no parágrafo primeiro deste artigo, e se trate de persoas demandantes de emprego, ocupadas ou non, inscritas no servizo público de emprego de Galicia (Emprego Galicia).

Se a entidade decide optar pola presentación dunha oferta na oficina de emprego correspondente ao seu domicilio, esta terá a consideración de oferta de emprego ordinaria.

A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución de concesión da subvención.

3. As persoas axentes de emprego ou unidades de apoio, seleccionadas de conformidade co procedemento establecido, serán contratadas pola entidade beneficiaria, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, nos prazos expresados na resolución de concesión, e deberase comunicar á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través da aplicación Contrat@.

Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo restante, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social despois de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación e achegando a seguinte documentación:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa traballadora substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social da persoa traballadora substituta.

c) Contrato de traballo mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente.

d) Certificado de selección da persoa traballadora substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha persoa candidata que quedase en lista de espera na primeira selección.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo de acordo cos requisitos e procedemento establecidos no artigo 14.

Artigo 16. Coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia

A coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia, integrada polos e polas axentes de emprego e polos e polas axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL), levarase a cabo desde a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 17. Actualización permanente da formación dos e das axentes de emprego

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos técnicos contratados aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, poñendo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e ao correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Emprego e Igualdade, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere conveniente, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitando a este regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

3. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación dos técnicos nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polos e polas axentes de emprego

1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos técnicos subvencionados, estableceuse un sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles (XATEmprego).

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que os e as axentes tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Emprego e Igualdade poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar cabo os e as axentes.

Artigo 19. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0043.html, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Emprego e Igualdade.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación destes, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polos e polas axentes.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación electrónica da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Contratos de traballo, na modalidade contractual máis axeitada, formalizados e debidamente comunicados, e dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), se é o caso.

b) Certificado ou declaración responsable onde conste, se é o caso, que foi acordada a prórroga da contratación da persoa contratada como axente de emprego e/ou unidade de apoio para o que se solicita subvención.

c) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria relativo ao procedemento de selección do axente de emprego/unidade de apoio, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html, se é o caso.

d) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html, en que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, indicando, se é o caso, as cantidades achegadas pola entidade.

e) Unha declaración responsable da entidade solicitante do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 19.

g) O documento de consentimento de cesión de datos da persoa contratada como axente de emprego, segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

h) A declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada á promoción e implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html.

2. A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social, no caso das prórrogas, realizaraa o Servizo de Programas de Cooperación a través das correspondentes aplicacións informáticas.

3. Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego.

4. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos, deberá presentar o extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Presentar ante a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada á promoción e implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlles aos e ás axentes de emprego e unidades de apoio as correspondentes tarxetas identificativas que deberán levar consigo en todo momento, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html, en que constará a colaboración da consellería.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos pola Consellería de Emprego e Igualdade, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Darlle publicidade á actuación, así como a utilización do logotipo da Rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 19.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo de dous meses, unha vez que finalizase a súa execución, a seguinte documentación:

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html. Non será necesario remitir a memoria de actividades, pero terán a obriga de utilizar as aplicacións postas á súa disposición que permitirán a obtención e xestión da memoria de actividades mediante un sistema electrónico (XATEmprego), en prol de avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

• Nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo de relación nominal de traballadores ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoña destes.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

e) Comunicar, no prazo de 10 días, á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade:

• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver os técnicos contratados, co obxecto de que poidan valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.

3. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:

a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao contido do artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como a cantos outros artigos sexan de aplicación ao tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.

b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, respondendo fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Emprego e Igualdade polos danos e perdas que lle puidese causar.

c) A entidade beneficiaria deberá manifestar cumprir co Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa vixente nesta materia e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haxa que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 20.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. No caso de que o atraso sexa de ata o 30 % do prazo establecido suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2 % sobre o gasto subvencionado; cando o atraso sexa entre o 31 % e o 100 % do prazo establecido a perda do dereito ao cobramento será do 10 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de que o atraso supere o 100 % do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 21.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deberá reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegrará será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 19: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.40.322C.481.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se declarase a abstención ou recusación da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo establece a Orde de 22 de setembro de 2020.

Disposición adicional terceira

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais das persoas contratadas como axentes de emprego, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o formulario que se estableza pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

As entidades beneficiarias das axudas para a contratación de axentes de emprego cumprirán co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, respecto ao rexistro de actividades do tratamento.

A entidade beneficiaria comunicará á Consellería de Emprego e Igualdade os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, solicitando previamente ao interesado o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais. A consellería comprométese a utilizar os devanditos datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

En todo caso, aplicaranse, sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento, as medidas de seguridade establecidas no artigo 21.3 desta orde, así como no Regulamento UE 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file