Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 6 de novembro de 2020 Páx. 44387

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, clave OU/18/094.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 14 de outubro de 2020 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 155, do 19 de agosto de 2019, publicouse o Anuncio do 31 de xullo de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do citado proxecto para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública as persoas interesadas formularon alegacións. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias, no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

– Procederase á actualización da relación de bens recollida no proxecto, segundo as alegacións presentadas no trámite de información pública, constatándose na fase de levantamento de actas previas do procedemento expropiatorio as modificacións realizadas.

– Terase en conta a protección da vexetación arbórea ao longo do trazado, a inclusión de mobiliario urbano e a correcta sinalización vertical e horizontal da bicicleta para garantir a súa visibilidade.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No número 6 do mesmo artigo 22 indícase que “logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente”.

Cuarto. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento do Concello de Ourense que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción da mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito primeiro.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción da mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. O Concello de Ourense deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos