Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 9 de novembro de 2020 Páx. 44430

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. O 29 de outubro de 2020 o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021.

Ao abeiro do marco normativo do estado de alarma ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria. Estas medidas deben ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Con fundamento no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria en Galicia, ditouse a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En particular, nesta orde, atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable de determinados concellos, recóllense unha serie de medidas restritivas para eles, entre as que se encontra no anexo III da orde a do peche temporal ao público dos establecementos de restauración, entendendo por tales os restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías e bares, que poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo no domicilio.

Atendendo á súa particular natureza e ao carácter limitado dos destinatarios dos seus servizos, a propia norma recolle medidas de prevención específicas para os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que, sempre que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante.

Dentro destas medidas de prevención específicas encóntranse as seguintes: non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade, o consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa ou agrupacións de mesas, deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes e a ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas. Xunto a estas normas engadiuse a previsión de que todas as persoas da mesa ou agrupación de mesas debían ser conviventes.

Porén, tendo en conta a relación no contorno de traballo que existe entre as persoas traballadoras usuarias, que de feito determina que estas persoas poidan considerarse para estes efectos como unha «burbulla» ou grupo de convivencia estable ampliado, e a existencia doutras medidas de prevención como as antes indicadas, debe aclararse a regulación para precisar que as persoas da mesa ou agrupación de mesas deben ser conviventes ou ben persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo. Procede, en consecuencia, a modificación da Orde do 4 de novembro de 2020 neste concreto aspecto.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do punto III.2.5 do anexo III da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O último parágrafo do punto III.2.5 do anexo III da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

«Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas e deberán ser todas elas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo».

Segundo. Eficacia

A modificación prevista no punto primeiro terá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade