Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 10 de novembro de 2020 Páx. 44565

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. O 29 de outubro de 2020 o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021.

Ao abeiro do marco normativo do estado de alarma ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria. Estas medidas deben ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Con fundamento no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria en Galicia, ditouse a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Entre as medidas que a dita orde recolle no seu anexo I, de aplicación en todo o territorio autonómico, atópanse as relativas ás condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, previstas no número 3.25 do dito anexo I.

Procede, non obstante, modificar as medidas contidas no dito número. En concreto, consonte os últimos estudos na materia, estímase prioritario adoptar medidas que faciliten a rastrexabilidade das persoas usuarias destes modos de transporte, polo que se establecen medidas dirixidas a facilitar o coñecemento das persoas ocupantes deles. Igualmente, a limitada duración do tempo que as persoas usuarias permanecen no interior dos vehículos e embarcacións, xunto coas axeitadas condicións de ventilación dos ditos modos de transporte, minimizan as posibilidades de transmisión do virus, polo que, fronte á redución da súa capacidade, estímase preferente o establecemento doutras medidas preventivas alternativas, baseadas na diminución do contacto directo entre as persoas usuarias. Neste sentido, a redución da interlocución entre as persoas usuarias e a restrición de situacións nas cales estas poderían retirar as máscaras faciais protectoras, como ocorrería no caso de consumir alimentos no interior do vehículo ou embarcación, permiten manter unha redución significativa dos riscos de contaxio cunha menor afección á necesaria eficiencia dos servizos de transporte, facilitando o mantemento da funcionalidade de traslado das persoas para atender aquelas necesidades relacionadas con actividades necesarias e permitidas, como as laborais ou lectivas.

Procede, en consecuencia, modificar o número 3.25 do anexo I da Orde do 4 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 3.25 do anexo I da Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«3.25. Transportes.

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, o transporte en autobús –de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional– e o transporte marítimo en augas interiores, quedan establecidas do seguinte modo:

a) Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

b) Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, e establécese como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte previstos no número 1 establécense as seguintes:

a) Durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do dito vehículo ou embarcación.

b) Na prestación de servizos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano, de uso xeral, cando non estean autorizadas prazas de pé, e na prestación de calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte de que se trate e do vehículo ou embarcación que o preste.

Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.

Naqueles servizos respecto dos que non haxa unha asignación previa de asento, recoméndase ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen e conserven este durante os 14 días posteriores ao da viaxe».

Segundo. Eficacia

A modificación prevista no punto primeiro terá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade