Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 11 de novembro de 2020 Páx. 44767

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais da fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

A base oitava da Resolución do 21 de maio de 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, dispón que, unha vez realizada polo tribunal a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará, no Diario Oficial de Galicia, o anuncio da súa exposición con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, nas quendas de acceso libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual.

Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Segundo. De conformidade coa base oitava da Resolución do 21 de maio de 2019, contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal de selección no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos