Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 13 de novembro de 2020 Páx. 45175

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 20 de outubro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 25 de maio de 2020 relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Comunal da Gudiña, no concello da Gudiña.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a seguir se expoñen:

Feitos:

Primeiro. Con data do 28 de marzo de 2018 o presidente da CMVMC da Gudiña presentou un escrito no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense (nº 1646/793454) para que fose aceptada a revisión do esbozo do MVMC Comunal da Gudiña.

Coa solicitude achegouse o documento da proposta de revisión de esbozo realizado pola empresa Braña, S.C.L., así como unha certificación do acordo da asemblea xeral do 14 de decembro de 2017 de aprobación da citada proposta.

Segundo. O día 31 de xullo de 2018 o Servizo de Montes emitiu informe favorable sobre a solicitude realizada pola citada comunidade no perímetro estremeiro con propiedades particulares, pero suxeito a que se aclarasen certos aspectos:

En primeiro lugar, a liña perimetral proposta non se axusta nalgúns casos á cartografía catastral, polo que, de acordo coa Lei 13/2015, de 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria e da Lei do catastro inmobiliario, o solicitante deberá remitir o correspondente informe de validación gráfica positivo da súa representación gráfica xeorreferenciada alternativa, emitido pola Dirección Xeral do Catastro.

En segundo lugar, na proposta inclúense partes das parcelas catastrais nº 223, 342, 453, 5035 e 5087 do polígono 501. Estas parcelas proceden da concentración parcelaria na zona e os terreos incluídos non se axustan á cartografía catastral, polo que o solicitante deberá tamén remitir o informe de validación gráfica positivo da súa representación gráfica xeorreferenciada alternativa.

Terceiro. Na proposta inclúense terreos ocupados por diversas infraestruturas viarias: autovía e estradas de titularidade estatal, autonómica e local que se considera que actualmente forman parte do dominio público e non teñan a consideración de monte veciñal. Na proposta de revisión de esbozo si veñen reflectidos os terreos expropiados por ADIF para as obras de construción da plataforma da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia.

Cuarto. De acordo co exposto, o Xurado acordou con data 1 de agosto de 2018 que se requirise ao solicitante a presentación dos informes de validación gráfica positivo da súa representación gráfica xeorreferenciada alternativa citados antes de tomar unha decisión definitiva.

Quinto. A citada documentación foi presentada pola CMVMC da Gudiña en varios escritos con datas do 7 de febreiro de 2019, 27 de xuño de 2019 e 25 de outubro de 2019.

Sexto. Presentada toda a documentación requirida, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un novo informe o día 29 de outubro de 2019.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

Segundo consta no informe do Servizo de Montes do día 29 de outubro de 2019, enténdese que a proposta unicamente debe afectar os terreos que foron clasificados no ano 1976 por axustarse estes aos criterios de antigüidade e falta de fiabilidade e precisión referidos no punto 1 da citada disposición transitoria décimo terceira. Para os terreos clasificados no ano 2013 considérase máis adecuado o procedemento de deslindamento fixado no artigo 54 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

Polo demais, na proposta inclúense terreos ocupados por diversas infraestruturas viarias: autovía e estradas de titularidade estatal, autonómica e local que se considera que actualmente forman parte do dominio público e non teñan a consideración de monte veciñal. Na proposta de revisión de esbozo si veñen reflectidos os terreos expropiados por ADIF para as obras de construción da plataforma da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia.

Presentada a documentación requirida, o Servizo de Montes propuxo a revisión de esbozo do MVMC A Gudiña no que afecta os terreos clasificados polo Xurado Provincial con data do 25 de xuño de 1976. A citada proposta en ningún caso supón unha alteración da clasificación existente, senón que se limita a concretar con maior precisión o esbozo do citado monte veciñal, de acordo co sinalado na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de acordo coa proposta do Servizo de Montes de data 29 de outubro de 2019, acordou por unanimidade o día 6 de novembro de 2019:

Aprobar a proposta de revisión esbozo do monte veciñal en man común Comunal da Gudiña, no concello da Gudiña.

Ourense, 20 de outubro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense