Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 16 de novembro de 2020 Páx. 45219

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 10 de novembro de 2020 pola que se fai pública a ampliación de crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 114, do 12 de xuño de 2020.

O 12 de xuño de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A).

Na antedita orde prevese que as subvencións que se outorguen para as actuacións obxecto desta convocatoria serán con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.770.0 (proxectos empresariais para combater enfermidades profesionais) do orzamento de gastos para o ano 2020. O orzamento destinado a esta convocatoria é de 1.000.00,00 euros.

No artigo 2.2 da Orde do 28 de maio de 2020 establécese que se poderá ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, e da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O 23 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se acorda ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 114, do 12 de xuño de 2020, e se modifica o artigo 21 das bases reguladoras, na cal se ampliou o prazo de xustificación ata o 4 de decembro de 2020.

Dado que o crédito inicial establecido na Orde do 28 de maio de 2020 non é suficiente para atender todas as solicitudes presentadas e que o prazo para a xustificación das actuacións non remata ata o 4 de decembro de 2020, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posible.

Do mesmo xeito, recóllese no artigo 2 da Orde do 28 de maio de 2020 que a ampliación de crédito se publicará nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A), por un importe de 494.984,08 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.770.0 (proxectos empresariais para combater enfermidades profesionais). Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a un millón catro centos noventa e catro mil novecentos oitenta e catro euros e oito céntimos de euro (1.494.984,08 €).

Esta modificación non dará lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación