Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 23 de novembro de 2020 Páx. 46207

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 6 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a A Ponte, S.C.G. para unha explotación avícola de galiñas reprodutoras en Gulfar, parroquia de Toubes, concello da Peroxa (Ourense) (expediente 2019-IPPC-M-78).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais, e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Memoria de renovación de autorización ambiental integrada.

A Ponte Gulfar.

Explotación avícola de galiñas reprodutoras.

Para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-78.

Número da autorización ambiental integrada: 2007/0076_NAA/IPPC_194.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.a do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: A Ponte, S.C.G.

NIF: F32172322.

Localización da instalación: lugar Gulfar, parroquia de Toubes, s/n, 32150 A Peroxa (Ourense). Referencia catastral da parcela: 32060A008002980000QI.

Actividade principal: explotación avícola de galiñas reprodutoras destinada á produción de ovo para a súa posterior incubación.

Descrición: a explotación está conformada por 5 naves de 106×15 m exteriores e unha superficie útil por nave de 1.440,5 m2, con capacidade para 47.628 aves e unha nave de clasificación de ovo. Cada nave produtiva dispón de 2 silos de almacenamento de penso de 16 m3.

O proceso produtivo empeza coa entrada nas naves dun lote de galiñas con 16 a 20 semanas de idade procedentes de explotacións de recría. A duración dos ciclos produtivos é de entre 45 semanas. Os ovos producidos polas galiñas serán conducidos a unha nave de clasificado para o seu posterior envío a plantas de incubación. Unha vez finalizado o ciclo os animais serán levados ao matadoiro e procederase á limpeza e desinfección das naves e dos equipos, despois do cal haberá un baleiro sanitario de entre 15-30 días antes de introducir un novo lote de animais.

A totalidade do esterco sólido producido na explotación será enviado a un xestor autorizado. Para o almacenamento do esterco, a explotación contará cunha esterqueira impermeable cuberta con depósito de lixiviados.

Verteduras:

– Augas de limpeza das naves; que se recollerán en 5 depósitos estancos de 9 m3 cada un para o seo posterior envío a xestor autorizado.

– Augas residuais xeradas nos aseos e vestiarios do persoal e augas da vivenda do encargado; as cales son conducidas a un sistema de depuración que consta de dúas fosas sépticas con filtro biolóxico con dous puntos de vertido por infiltración ao terreo.

As augas pluviais discorrerán pola parcela; para evitar a incorporación das augas de escoamento de chuvia procedentes do exterior do recinto da explotación existen desvíos de auga como cunetas perimétricas.