Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 23 de novembro de 2020 Páx. 46091

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 193/2020, do 5 de novembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06, no concello de Ourense.

Antecedentes:

Primeiro. O día 19 de agosto de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 155, o Anuncio do 31 de xullo de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 14 de outubro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06.

Este proxecto ten por obxecto o desenvolvemento do proxecto construtivo que comprende desde o punto quilométrico 0+800 ata o 1+150 aproximadamente, e o obxectivo é a mellora da seguridade viaria da OU-105 na contorna do tanatorio de Ourense, mediante unha reordenación da sección transversal, optimizando a circulación de peóns e o tráfico rodado. Encóntrase todo o treito no termo municipal de Ourense.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á Rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo), 2ª fase, de clave OU/18/094.06.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade