Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 24 de novembro de 2020 Páx. 46337

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións previstas no ordinal décimo terceiro da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI422E), programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018–2021.

O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020. No seu ordinal décimo terceiro realízase a convocatoria das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E).

No punto 6 do ordinal vixésimo terceiro, Xustificación da subvención, da Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, na redacción dada pola Resolución do 18 de outubro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 25 de outubro), establecese que en ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta que o amplo número de solicitudes presentadas imposibilita a resolución de concesión dos correspondentes expedientes destes programas coa debida antelación ao 30 de novembro de 2020, procede a ampliación do referido prazo.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o punto 6 do ordinal vixésimo terceiro da Resolución do 15 de xullo de 2019,

RESOLVO:

Único. Ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa da subvención, parcial ou final, da convocatoria de 2020 dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas ata o 18 de decembro de 2020, para o caso de expedientes que teñan anualidade neste exercicio (código de procedemento VI422E).

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo