Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 25 de novembro de 2020 Páx. 46426

I. Disposicións xerais

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2020 pola que se dispón a publicación da modificación do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

A Mesa do Parlamento, na reunión do día 23 de novembro de 2020, ao abeiro do disposto no artigo 30.1.2 do Regulamento do Parlamento de Galicia, acordou modificar o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

Ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente

Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 23 de novembro de 2020,
polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio de 2018, e núm. 36, do 20 de febreiro de 2019) dispón, no artigo 30.3, relativo ás subvencións públicas que se concedan, que a contía que se subvencione non será superior ao 80 % dos gastos realizados.

Ante a emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), que está a xerar unha crise sen precedentes que afecta todos os sectores e individuos, ademais de no eido sanitario, no ámbito económico e social, as distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia e outras complementarias para afrontar as necesidades das persoas en situación de risco social e en situación de vulnerabilidade, incrementada por mor desta situación.

En consecuencia, considérase preciso introducir unha excepción ás subvencións públicas que se tramiten dirixidas á atención desta emerxencia social.

Polo exposto, a Mesa do Parlamento de Galicia, en sesión do 23 de novembro de 2020, ao abeiro do disposto no artigo 30.1.2 do Regulamento do Parlamento de Galicia,

dispón:

Artigo único. Modificación do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

Introdúcese unha disposición adicional no Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia do seguinte teor:

«Disposición adicional

O estipulado no artigo 30.3 deste regulamento exceptúase, con carácter puntual, para as subvencións públicas que poida conceder o Parlamento de Galicia de cara a afrontar a situación de emerxencia social derivada da COVID-19, de xeito que poderán alcanzar o 100 % dos gastos subvencionables, sempre que exista dotación orzamentaria».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta modificación publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.