Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 1 de decembro de 2020 Páx. 47237

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, na que se configura a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Esa estrutura foi desenvolvida polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, na que se determina o nivel organizativo de órganos superiores e dirección e as diversas entidades dos sector público adscritas á Consellería.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade refunde nun único departamento as atribucións, facultades, competencias e funcións que ata ese momento viñan exercendo, dunha banda, a extinta Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e, doutra, a extinta Consellería de Cultura e Turismo, na área de cultura, inspirándose nos criterios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa, así como a eficiencia e contención no gasto público.

A nova consellería oriéntase, no exercicio dos ámbitos competenciais que ten encomendados e no deseño e desenvolvemento das súas accións, por unha banda, a garantir e fortalecer o mantemento e impulso de políticas públicas determinantes para o estado de benestar nun momento de gran dificultade polas circunstancias derivadas da pandemia do COVID-19, pero por outra, a continuar co impulso de políticas públicas que permitan continuar posicionando a Galicia como unha sociedade de benestar moderna, cohesionada e en progreso.

Garantir un sistema educativo de calidade, inclusivo, equitativo e orientado ao pleno desenvolvemento de todas as persoas con independencia das súas circunstancias persoais, sociais ou familiares, adaptado ás necesidades que se precisan no século XXI é un desafío que todas as sociedades modernas afrontan. Nas actuais circunstancias de crise este desafío precisa aínda dun maior esforzo que asegure que ninguén quede atrás.

Por outra banda, manter o impulso do sector cultural galego, ademais de representar un factor determinante para a identidade e cohesión social, segue a representar unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas que permitan seguir fortalecendo o ecosistema de industrias creativas e culturais, ao mesmo tempo que se garante o exercicio e acceso a cultura con plenitude a todas as persoas.

As sinerxías derivadas das políticas públicas de educación e cultura permiten facer da sociedade galega unha sociedade máis cohesionada socialmente e representan unha oportunidade de progreso como sociedade de benestar moderna do século XXI.

Para o exercicio das competencias atribuídas procede, por tanto, establecer a estrutura e as funcións da Consellería respectando os principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia. Exclúese a regulación da estrutura orgánica da Axencia Galega das Industrias Culturais, xa desenvolvida polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, segundo o disposto no artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como a do resto de entidades adscritas á consellería, por contar coa súa normativa específica.

O presente decreto toma como referencia a arquitectura organizativa expresada na estrutura das extintas Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e Consellería de Cultura e Turismo, no que respecta á área cultural, fixada polos decretos 138/2018, do 8 de novembro, e 163/2018, do 13 de decembro, cos axustes necesarios para, por unha banda, a xestión dunha situación de enorme complexidade derivada da situación de pandemia, pero por outra, seguir desenvolvendo os plans e programas precisos para avanzar e estar na mellor disposición de aproveitar novas oportunidades de desenvolvemento. Así pois, coa nova estrutura plasmada neste decreto trátase de axustar e buscar unha mellora continua da estrutura administrativa, co fin de conseguir o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos.

Os cambios máis substanciais recolléronse no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, no que se crea, por primeira vez, unha Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, co fin de seguir reforzando e cohesionando as políticas educativas. Así mesmo, recupérase a Secretaría Xeral de Cultura para manter o impulso e a fortaleza das políticas culturais dos últimos anos e seguir aproveitando as sinerxías derivadas do Xacobeo 2021.

No que se refire a este decreto, estas modificacións reflíctense na distribución competencial e reaxustes en funcións dos distintos órganos co obxecto de promover unha actuación administrativa máis eficaz.

Por unha banda, refórzanse as competencias transversais que lle competen á Secretaría Xeral Técnica coa creación do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación coa finalidade de apoiar o desenvolvemento de estratexias, plans e programas que afectan os órganos e unidades da Consellería no seu conxunto.

No que respecta á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, recóllese a creación dun Servizo de Xestión de Procesos de Calidade como órgano de apoio ás distintas redes de centros e unidades dela dependentes.

Na Secretaría Xeral de Cultura créase o Servizo de Promoción da Cultura para o impulso da creación cultural e a súa difusión.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro do dous mil vinte,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o departamento da Xunta de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións en materia promoción e difusión da cultura, do patrimonio cultural, dos aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia; a coordinación do sistema universitario; o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións de interese galego de carácter cultural e educativo; as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, e o Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Formación Profesional.

Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, nas leis orgánicas reguladoras do sistema educativo español e na demais normativa que sexa de aplicación.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, baixo a superior dirección da persoa titular, estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) A persoa titular da Consellería.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Secretaría Xeral de Universidades.

d) A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

d.1) A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

e) A Secretaría Xeral de Cultura.

e.1) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

f) A Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. Quedan adscritos a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, as seguintes entidades instrumentais:

a) A Axencia Galega das Industrias Culturais.

b) O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

c) A Fundación Pública Camilo José Cela.

d) A Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

3. Así mesmo, están adscritos a esta consellería co carácter, misión e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) A Comisión Mixta Xunta-Igrexa, regulada polo Decreto 84/2017, do 3 de agosto.

b) A Xunta Superior de Museos de Galicia, regulada polo Decreto 314/1986, do 16 de outubro.

c) O Consello de Arquivos, regulado no Decreto 25/2016, do 3 de marzo, polo que se regula a súa composición e funcionamento.

d) O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, regulado polo Decreto 122/2012, do 10 de maio.

e) A Comisión Técnica de Arqueoloxía, regulada polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

f) O Consello Asesor do Camiño de Santiago, regulado polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

g) A Comisión Técnica de Etnografía, regulada polo Decreto 60/2008, do 13 de marzo.

h) O Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, regulado polo Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro.

i) O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, regulado polo Decreto 190/2013, do 19 de decembro.

j) O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e a Comisión Permanente de Publicacións, regulados polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

k) O Consello Asesor do Libro, regulado polo Decreto 178/2007, do 13 de setembro.

l) O Consello Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea.

m) O Consello de Avaliación Documental de Galicia regulado por el Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro.

n) Os consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, regulados polo Decreto 93/2017, do 14 de setembro.

ñ) A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan xeral de normalización da lingua galega, creada polo Decreto 58/2006, do 30 de marzo.

o) A Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística, creada polo Decreto 258/2006, do 28 de decembro.

p) O Consello Escolar de Galicia, creado pola Lei 3/1986, do 18 de decembro.

q) O Consello Galego de Universidades, creado pola Lei 2/2003, do 22 de maio.

r) O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia creado polo Decreto 104/2011, do 11 de maio.

s) O Consello Galego de Formación Profesional, creado polo Decreto 110/1999, do 8 de abril, modificado polo Decreto 214/2003, do 20 de marzo.

t) O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro.

u) As xuntas provinciais e a Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitarios creadas pola Orde do 26 de febreiro de 2019.

v) O Comité de Seguridade da Información, creado pola Orde do 30 de xuño de 2017.

Na composición dos órganos colexiados adscritos a esta consellería atenderase ao principio de presenza equilibrada de homes e mulleres.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

Da persoa titular da Consellería

Artigo 3. A persoa titular da Consellería

A persoa titular da Consellería é a autoridade superior da Consellería, e con tal carácter, está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II

Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. A Secretaría Xeral Técnica

1. A Secretaría Xeral Técnica, baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, é o órgano que exercerá as competencias e funcións establecidas polo ordenamento xurídico vixente en relación cos diferentes órganos, unidades e servizos en que se estrutura a Consellería, concretamente as sinaladas no artigo 29.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección, a Secretaría Xeral Técnica para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

c) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico.

d) Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento.

3. Intégrase na Secretaría Xeral Técnica, dependendo directamente da persoa titular da Secretaría, e co apoio funcional da Vicesecretaría Xeral, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O apoio a Secretaría Xeral Técnica na coordinación das estratexias, plans e programas transversais e xerais que afecten as distintas áreas da Consellería.

b) A planificación, proposta, e se é o caso, dirección técnica dos plans e programas derivados das situacións extraordinarias consecuencia de declaracións de emerxencia sanitaria ou climática.

c) Impulso, coordinación, xestión, se é o caso, e seguimento de programas orientados á innovación e internacionalización, tanto no ámbito dos programas europeos como noutros transnacionais, dentro do marco competencial establecido para os distintos órganos e entidades da Consellería.

d) Planificación, coordinación e desenvolvemento de programas de formación, cualificación, perfeccionamento e actualización no ámbito funcional da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos da Consellería e con respecto das competencias doutras consellerías nesta materia.

e) Promover, dentro do marco normativo das consellerías competentes, os procesos recoñecemento de competencias profesionais por experiencia laboral e vías non formais de formación no eido da cultura.

f) Fomentar a colaboración e coordinación con outras entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de plans e accións formativas e de investigación nas dimensións sociais da cultura e da educación.

g) Proposta, deseño, elaboración, xestión, se é o caso, e seguimento do plan ou plans anuais de formación da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos da Consellería.

h) Desenvolvemento de accións encamiñadas a impulsar o emprendemento cultural e de educación integral para a cidadanía no ámbito competencial da Consellería en coordinación coas unidades que teñan atribuídas competencias nestas materias.

i) Coordinación, asesoramento e seguimento no desenvolvemento de estratexias, plans e programas encamiñados ao impulso do proceso de transición dixital, en coordinación con outras unidades da Consellería que teñan atribuídas competencias nesta materia.

j) Coordinar, promover e apoiar iniciativas e programas para o desenvolvemento dos principios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, en colaboración coas unidades da Consellería que teñan atribuídas competencias nesta materia.

k) Coordinar as estratexias, plans e programas respecto das políticas públicas para a sustentabilidade e a inclusión, con independencia das competencias de cada un dos órganos e entidades da Consellería.

l) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

4. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica de Educación e Universidade e a Asesoría Xurídica de Cultura, así como a Intervención Delegada. Os referidos órganos dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

As asesorías xurídicas rexeranse polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas na devandita lei, en relación coa súa respectiva área funcional e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 5. Vicesecretaría Xeral

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e coordinación, de conformidade coas instrucións da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, das actividades do resto dos órganos que integran a Secretaría Xeral Técnica e a coordinación destes con outros órganos e centros directivos da Consellería, así como a coordinación administrativa das xefaturas territoriais.

b) A proposta de disposición dos créditos e dotacións, a proposta de recoñecemento das obrigas e proposta de autorización e ordenación dos pagamentos que correspondan á Secretaría Xeral Técnica dentro dos límites que lle correspondan.

c) Apoio técnico e administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica en cantos asuntos lle encomende.

d) A coordinación, seguimento, control, e no seu caso xestión, das obras e proxectos de competencia da Consellería, expedientes de contratación, convenios e protocolos de colaboración así como dos expedientes de subvencións de competencia da Consellería en que sexa parte a Consellería.

e) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao réxime interno do persoal non docente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da Consellería competente en materia de función pública.

f) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal non docente sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

g) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) A coordinación e planificación das publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia, así como a información xeral e a súa difusión.

i) Actuar como órgano estatístico sectorial de conformidade co disposto na lexislación estatística. A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutros órganos e unidades da Consellería.

j) Impulso e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería, o seu seguimento e control, así como a xestión das modificacións orzamentarias.

k) Xestión das comunicacións sobre alertas meteorolóxicas que se adopten no seo da Comisión de Alertas.

l) Coordinación das publicacións nos diarios oficiais.

m) Coordinación dos asuntos relativos á publicidade e transparencia no ámbito da Administración pública, e coordinación e apoio nesta materia ás secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia.

n) Exercer as atribucións e funcións como unidade encargada da xestión da seguridade da información e protección de datos da Consellería e coordinar as actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais, organismos e entidades dependentes da Consellería.

ñ) Coordinación das tarefas asociadas ás necesidades de arquivos da Consellería.

o) Xestión e elaboración de plans e anteproxectos normativos en materia de recursos educativos complementarios.

p) Supervisión e control dos recursos educativos complementarios en colaboración, de ser o caso, coa Inspección educativa da Consellería.

q) As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da área de cultura dependente da Consellería.

r) Coordinación da tramitación dos requirimentos e peticións formulados polo Defensor do Pobo, Valedor do Pobo e tramitación das queixas e suxestións recibidas na Consellería.

s) Substitución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante desta, na xestión e tramitación ordinaria de asuntos da competencia da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira.

t) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

u) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Vicesecretaría Xeral contará co apoio do resto dos órganos que integran a Secretaría Xeral Técnica e coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Persoal e Réxime Interior.

A este servizo correspóndelle a xestión do persoal no ámbito funcional de cultura, en coordinación coa Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos.

b) Coordinación dos servizos periféricos da Consellería e dos seus entes instrumentais en materia de persoal.

c) Programación das necesidades de persoal da Consellería e dos seus entes instrumentais.

d) Formulación das propostas relativas a relación de postos de traballo, así como a coordinación das propostas que formulen nesta ámbito as entidades instrumentais adscritas do ámbito funcional de cultura.

e) Tramitación, organización, custodia e arquivo dos expedientes administrativos, relativos ao persoal funcionario e laboral do ámbito funcional de cultura.

f) Tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal de servizos centrais da Consellería, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das función que teñan atribuídas outros órganos da Consellería e da Xunta de Galicia.

g) Xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito ao ámbito funcional de cultura, así como a habilitación dos seus pagamentos.

h) Control de asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como asegurar e supervisar o exercicio desta función nos servizos periféricos e as entidades instrumentais adscritas.

i) Cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos do persoal.

j) Estudo, coordinación e proposta de resolución nos procedementos disciplinarios cuxa resolución corresponda a persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia, con respecto ao persoal dependente da área funcional de cultura e dos seus entes instrumentais.

k) Coordinación para a confección das nóminas do persoal dependente da área funcional de cultura e dos seus entes instrumentais e control da execución orzamentaria das xefaturas territoriais nesta materia e ámbitos.

l) Xestión dos expedientes e das situacións administrativas do persoal funcionario dependente da área funcional de cultura, tanto dos servizos centrais como das xefaturas territoriais.

m) Elaboración e xestión dos contratos relativos ao persoal laboral da área funcional de cultura no ámbito da súa competencia.

n) As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da área de cultura dependente da Consellería.

ñ) A formación e información ao persoal da área de cultura dependentes da Consellería en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da súa saúde e a adopción das medidas de emerxencia e evacuación.

o) En xeral, a xestión, control e coordinación do persoal de administración e servizos de carácter laboral ou funcionario adscrito á Consellería e dependente da área funcional de cultura.

p) Coordinación coa unidade responsable da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos na elaboración de informes dos expedientes de incompatibilidades.

q) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Xestión do Transporte Escolar.

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) Xestión integral do servizo de transporte escolar nas ensinanzas obrigatorias e de oferta obrigatoria, así como para educación infantil, en función das necesidades dos centros docentes públicos non universitarios e das persoas usuarias lexítimas do servizo, coordinando as tarefas descentralizadas realizadas neste eido polos servizos provinciais de recursos educativos complementarios.

b) Programación e seguimento do servizo de acompañamento no transporte escolar.

c) Control e seguimento do correcto desenvolvemento do servizo de transporte escolar, en colaboración, de ser o caso, cos servizos da Inspección educativa da Consellería.

d) Realización de estudos para a optimización do servizo de transporte escolar e a súa coordinación coa actividade docente.

e) Coordinación co departamento con competencias sectoriais en materia de transporte na supervisión e apoio aos escolares usuarios de liñas regulares de transporte público.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Xestión dos Comedores Escolares.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Xestión integral dos servizos de comedor escolar na súa modalidade de xestión directa e indirecta, para as ensinanzas obrigatorias e de oferta obrigatoria, así como para educación infantil, en función das necesidades dos centros docentes públicos non universitarios e das persoas usuarias lexítimas do servizo, coordinando as tarefas descentralizadas realizadas neste eido polos servizos provinciais de recursos educativos complementarios.

b) Xestión dos servizos de cafetaría dos centros docentes dependentes desta consellería, coordinando, de ser o caso, as tarefas descentralizadas realizadas neste eido polos servizos provinciais de recursos educativos complementarios.

c) Elaboración e xestión das convocatorias de axudas ás asociacións de nais e pais xestoras de comedores escolares en centros docentes públicos non universitarios.

d) Control e seguimento do correcto desenvolvemento dos servizos de comedor escolar e de cafeterías escolares, en colaboración, de ser o caso, cos servizos da Inspección educativa da Consellería.

e) Xestión de campañas de mellora do servizo de comedor escolar e de actuacións divulgativas, así como actuacións transversais con outros órganos e institucións públicas e/ou privadas para fomentar as condicións de seguridade alimentaria, salubridade, hixiene e calidade dos menús, que deberán ser axeitados ás etapas de crecemento do alumnado.

f) Xestión dos convenios de colaboración en materia de comedores escolares.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación

1. Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación exercerá de xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e a tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Consellería e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) A supervisión, a coordinación e a elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Consellería efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A coordinación, o impulso e o seguimento das axudas públicas xestionadas pola consellería mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

f) O seguimento da execución dos proxectos do orzamento de gastos cofinanciados con fondos europeos ou con outros recursos catalogados como financiamento condicionado.

g) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, coordinación en materia de contratación administrativa, xestión económica-administrativa dos convenios e xestión do gasto en xeral, para unha óptima racionalización dos recursos.

h) A organización, a coordinación e a supervisión da xestión económica do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

i) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

j) Coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e Administración Pública.

k) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

l) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos servizos periféricos en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

m) Actuar como oficina orzamentaria de conformidade co previsto no artigo 50 bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

n) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas competencias.

2. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación, para o cumprimento das funcións encomendadas contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Área de Cultura.

A este servizo correspóndenlle, dentro do ámbito funcional de cultura, as seguintes funcións:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento.

b) Realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento da Consellería.

c) Coordinación da execución, seguimento e control das partidas orzamentarias.

d) A tramitación, xestión e supervisión da execución das operacións e gastos cofinanciados con fondos europeos e fondos finalistas.

e) Tramitación dos expedientes de sinistros.

f) Aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería e tarefas de réxime interno.

g) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias e de expedientes de gastos plurianuais.

h) Coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Habilitación de pagamentos, agás os correspondentes a gastos do capítulo I.

j) O apoio ao Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Área de Educación cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Área de Educación.

A este servizo correspóndenlle, dentro do ámbito funcional de educación e universidade, as seguintes funcións:

a) A tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

b) A realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento da Consellería.

c) A coordinación da execución, seguimento e control das partidas orzamentarias.

d) A tramitación, xestión e supervisión da execución das operacións e gastos financiados con fondos europeos e fondos finalistas.

e) A tramitación dos expedientes de sinistros nos centros educativos,

f) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería e tarefas de réxime interno.

g) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias e de expedientes de gastos plurianuais.

h) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) A habilitación de pagamentos, agás os correspondentes a gastos do capítulo I.

j) O apoio ao Servizo Xestión Económica e Orzamentaria da Área de Cultura cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Contratación da Área de Cultura.

A este servizo correspóndenlle as seguintes función na área funcional de cultura:

a) Tramitación, xestión e seguimento dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería.

b) Elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas, por proposta dos técnicos dos órganos da Consellería, en relación aos contratos que sexan da competencia da Consellería e non estean atribuídos a outro órgano.

c) Seguimento e control da execución dos contratos e dos convenios con outras administracións para a execución de obras no ámbito cultural.

d) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

e) Impulso e desenvolvemento en colaboración co Servizo de Contratación da Área de Educación, das ferramentas de xestión da contratación para o seu uso xeral e compartido polas distintas unidades e servizos da Consellería.

f) Elaboración dos informes e das actuacións que sexan necesarios en relación cos órganos externos de control respecto ás ditas actividades contractuais.

g) O apoio ao Servizo de Contratación da Área de Educación cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.4. Servizo de Contratación da Área de Educación.

A este servizo correspóndenlle as seguintes función na área funcional de educación e universidade:

a) Tramitación, xestión e seguimento dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería.

b) Elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas, por proposta dos técnicos dos órganos da Consellería, en relación aos contratos que sexan da competencia da Consellería e non estean atribuídos a outro órgano.

c) Seguimento e control da execución dos contratos e dos convenios con outras administracións para a execución de obras no ámbito educativo.

d) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes que sexan da súa competencia.

e) Impulso e desenvolvemento en colaboración co Servizo de Contratación da Área de Cultura, das ferramentas de xestión da contratación para o seu uso xeral e compartido polas distintas unidades e servizos da Consellería.

f) Elaboración dos informes e das actuacións que sexan necesarios en relación cos órganos externos de control respecto ás ditas actividades contractuais.

g) Seguimento, execución, control e coordinación dos plans de equipamento nas fases de deseño, adquisición, recepción e distribución.

h) O apoio ao Servizo de Contratación da Área de Cultura cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación.

i) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 7. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico

1. Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico exercerá de xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións:

a) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería.

b) O estudo, a preparación e o informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público; así como a asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios/as Xerais.

c) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Consellería.

d) A tramitación e xestión, por proposta dos órganos directivos da Consellería, dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería e a súa remisión os rexistros públicos de convenios.

e) O exercicio das funcións que teña encomendadas a Consellería con relación ás fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

f) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

g) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

h) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución de reclamacións, os recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, así como a coordinación de demandas e recursos contencioso-administrativos; cando non sexan competencia doutros órganos.

i) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería.

j) O estudo e coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, consonte a normativa aplicable.

k) Tramitación das solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Secretaría Xeral Técnica e coordinación e apoio nesta materia ás secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia.

l) Xestión das obrigas de publicidade activa, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno da Consellería e coordinar as actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería.

m) A xestión das funcións en materia de seguridade da información e protección de datos da Consellería e coordinar as actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería.

n) O apoio a calquera unidade administrativa e órgano da Consellería ou das entidades instrumentais a ela adscrita.

ñ) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas atribucións.

2. A Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Cultura.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes función na área funcional de cultura:

a) Coordinación administrativa de carácter xeral, dos rexistros e arquivos e da información e atención á cidadanía.

b) Elaboración, impulso e execución de plans de mellora da calidade dos servizos no ámbito propio da Consellería e racionalización dos procedementos administrativos en coordinación cos órganos competentes da Consellería de Facenda e Administración Pública.

c) Apoio normativo no estudo, preparación e tramitación dos expedientes da Consellería que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións, así como o traslado dos correspondentes acordos.

d) Análise e tramitación, en colaboración cos servizos técnico-xurídicos, dos proxectos de disposicións xerais desta consellería, así como a elaboración de compilacións e refundicións das normas de interese para a Consellería.

e) Elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados sobre materias propias da competencia da Consellería, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

f) Elaboración dos informes relativos ás reclamacións en materia de transparencia e a tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Consellería polo o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións

g) Asistencia e apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas ás solicitudes de acceso á información pública e aos informes relativos aos recursos en materia de transparencia; así como as relativas ás obrigas de publicidade, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno.

h) Asistencia e apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas á seguridade da información e protección de datos persoais.

i) O apoio ao Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Educación cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Educación.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións na área funcional de educación e universidade:

a) Coordinación administrativa de carácter xeral, dos rexistros e arquivos e da información e atención á cidadanía.

b) Elaboración, impulso e execución de plans de mellora da calidade dos servizos no ámbito propio da Consellería e racionalización dos procedementos administrativos en coordinación cos órganos competentes da Consellería de Facenda e Administración Pública.

c) Apoio normativo no estudo, preparación e tramitación dos expedientes da Consellería que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións, así como o traslado dos correspondentes acordos.

d) Análise e tramitación, en colaboración cos servizos técnico-xurídicos, dos proxectos de disposicións xerais desta consellería, así como a elaboración de compilacións e refundicións das normas de interese para a Consellería.

e) Elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados sobre materias propias da competencia da Consellería, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

f) Elaboración dos informes relativos ás reclamacións en materia de transparencia e a tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Consellería polo o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

g) Asistencia e apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas ás solicitudes de acceso á información pública e aos informes relativos aos recursos en materia de transparencia; así como as relativas ás obrigas de publicidade, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno.

h) Asistencia e apoio no exercicio das funcións da Consellería relativas á seguridade da información e protección de datos persoais.

i) Asistir a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das funcións que lle competan como persoa responsable da administración do Mupega, nos termos establecidos no decreto de creación deste.

j) Exercer as funcións de secretaría, sen voz nin voto, nas xuntanzas da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario de acordo coa Orde do 26 de febreiro de 2019, pola que se regula a súa composición e funcionamento.

k) O apoio ao Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Cultura cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico.

l) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo Técnico-Xurídico da Área de Cultura.

A este servizo correspóndelle o exercicio das seguintes funcións na área funcional de cultura:

a) Asistencia e apoio xurídico en materia cultural.

b) Elaboración dos estudos xurídicos e informes legais que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Consellería pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

c) O estudo e a tramitación dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral e dos proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das compilacións e refundicións das normas emanadas da Consellería.

d) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais.

g) O estudo, a tramitación e a formulación de proposta de resolución dos recursos e das reclamacións interpostas contra os actos ditados polos órganos da Consellería que lle encargue o mencionado órgano.

h) Tramitación e elaboración de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

i) Tramitación dos convenios e protocolos de actuación en que sexa parte a Consellería, así como a coordinación dos trámites para o seu rexistro e publicidade.

j) A tramitación das convocatorias de axudas e subvencións propostas polos órganos da Consellería.

k) Tramitación da publicación nos diarios oficiais de todas as disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería, así como a súa remisión para seren publicados.

l) Exercicio das función que a Consellería ten encomendadas en relación as fundacións de interese galego adscritas a esta consellería sobre as cales lle corresponda exercer o protectorado.

m) O apoio ao Servizo Técnico Xurídico da Área de Educación cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico.

n) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.4. Servizo Técnico-Xurídico da Área de Educación.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións, na área funcional de educación e universidade:

a) Asistencia e apoio xurídico nas materias correspondente a Educación e Universidade.

b) Elaboración dos estudos xurídicos e informes legais que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Consellería pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

c) O estudo e tramitación dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral e dos proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas da Consellería.

d) A elaboración de instrucións, os protocolos de actuación, os informes, os estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

g) O estudo, a tramitación e a formulación de proposta de resolución dos recursos e das reclamacións interpostas contra os actos ditados polos órganos da Consellería que lle encargue o mencionado órgano.

h) Tramitación e elaboración de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

i) Tramitación dos convenios e protocolos de actuación en que sexa parte a Consellería, así como a coordinación dos trámites para o seu rexistro e publicidade.

j) A tramitación das convocatorias de axudas e subvencións propostas polos órganos da Consellería.

k) Tramitación da publicación nos diarios oficiais de todas as disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería, así como a súa remisión para seren publicados.

l) Exercicio das funcións que a Consellería ten encomendadas en relación as fundacións de interese galego adscritas a esta consellería sobre as cales lle corresponda exercer o protectorado, así como o exercicio das funcións derivadas do Rexistro de Asociacións do Alumnado e do Censo de federacións e confederacións de nais e pais do alumnado.

m) O apoio ao Servizo Técnico Xurídico da Área de Cultura cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico.

n) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento

1. Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento exercerá de xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes función no ámbito educativo e universitario:

a) Elaboración da planificación plurianual de investimentos en infraestruturas de educación, e dos criterios de selección das operacións financiadas con fondos europeos.

b) Xestión e supervisión dos proxectos de construción de centros educativos, tanto de obra nova como de ampliación, reposición ou rehabilitación integral.

c) Coordinación dos proxectos de reforma, de ampliación e de mellora nas obras que sexan competencia da Consellería no ámbito educativo.

d) Elaboración de orientacións técnicas sobre redacción de proxectos, edificacións, instalacións e equipamentos, métodos de control e ensaio.

e) Programación das necesidades de equipamento, así como o seu seguimento e control.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Supervisión de Proxectos e Xestión Patrimonial.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Estudo da programación de prioridades para os proxectos de obra nova, ampliación ou reposición dos inmobles dependentes desta consellería, definindo as características en función do que se estableza no programa de necesidades específico para o dito investimento, en coordinación cos órganos da Consellería.

b) Xestión e tramitación dos expedientes para a consecución de dispoñibilidade do solo necesario para investimentos que se vaian realizar, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á outras unidades da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.

c) Tramitación dos expedientes de expropiación instruídos pola Consellería, cando así resulte do correspondente instrumento xurídico.

d) Asistencia ao Servizo de Contratación II na preparación dos pregos de prescricións técnicas.

e) Desenvolvemento das funcións de control e supervisión dos proxectos de obra nova, ampliacións, reposicións e rehabilitacións integrais que execute esta consellería.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Construcións e Equipamentos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de instrucións técnicas e fixación de criterios sobre edificacións, instalacións e equipamentos, métodos de control e ensaio.

b) Coordinación e inspección da execución de todas as obras desenvolvidas pola consellería, incluídas, de ser o caso, as que xestionan directamente as xefaturas territoriais en virtude das competencias que lles sexan desconcentradas.

c) Seguimento, execución e control das obras, tanto desde o punto de vista técnico como económico, e do cumprimento dos prazos do contrato.

d) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións adscritas á Consellería.

e) Definición, transmisión de necesidades e proposta de adquisición de equipamentos informáticos e/ou de comunicacións que precise a Consellería para o cumprimento dos fins que lle son propios cando a súa contratación sexan executada por outros órganos, entidades ou consellerías.

f) Seguimento dos plans de equipamentos informáticos e/ou de comunicacións para os centros docentes.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO III

Da Secretaría Xeral de Universidades

Artigo 9. A Secretaría Xeral de Universidades

1. A Secretaría Xeral de Universidades é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería. Correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) Planificar a oferta de ensino universitario na Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación coas universidades galegas, incidindo na mellora continua do Sistema universitario de Galicia e na súa conexión e adaptación ao contorno, para dar resposta ás necesidades da sociedade actual.

b) Elaborar o plan autonómico de financiamento universitario que, respondendo aos principios de estabilidade financeira, suficiencia, eficiencia e equidade institucional e territorial, proporcione ao Sistema universitario de Galicia os recursos necesarios para o desenvolvemento das funcións de docencia, investigación e transferencia e teña en conta os resultados acadados por cada unha das institucións.

c) Fomentar a excelencia dos campus universitarios e emitir informe sobre a creación dos campus de especialización e a creación das estruturas de investigación.

d) Promoción e xestión eficiente e integradora dos recursos e capacidades de investigación do Sistema universitario de Galicia para a súa posta en valor no marco do Sistema de innovación e, particularmente, a promoción da coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas e actuacións en materia de investigación.

e) Contribuír á ordenación e complementariedade das capacidades investigadoras do Sistema universitario de Galicia, seguindo criterios de excelencia e consolidación no ámbito dos obxectivos que establezan os plans do Goberno galego en materia de investigación e innovación.

f) Contribuír ao fortalecemento da cohesión social e ao principio de igualdade de acceso ao ensino universitario mediante accións de apoio ao estudantado fomentando o esforzo e a excelencia.

g) Tramitar os recursos administrativos relacionados coas competencias da Secretaría Xeral de Universidades.

h) Tramitar e resolver as solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Secretaría Xeral e Universidades.

i) As funcións determinadas pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia non atribuídas a ningún outro órgano superior.

j) Promover accións para impulsar a aplicación transversal do principio de igualdade por razón de xénero no ámbito universitario.

k) Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dependencia, a Secretaría Xeral de Universidades, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

1. Subdirección Xeral de Universidades.

2. Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.

3. Intégrase na Secretaría Xeral de Universidades, dependendo directamente da persoa titular da Secretaría, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Financiamento do Sistema Universitario.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral de Universidades, a súa xestión e seguimento.

b) Elaboración de propostas normativas e control dos prezos públicos do Sistema universitario de Galicia.

c) Relacións administrativas coa xerencia das universidades e demais dependencias encargadas da xestión económica e dos investimentos.

d) A xestión orzamentaria que lle corresponda, por razón da materia, á Secretaría Xeral de Universidades.

e) A proposta de tramitación dos convenios de colaboración con entidades públicas e privadas en asuntos de competencia da Secretaría Xeral de Universidades.

f) Elaboración de informes sobre convenios ou calquera figura xurídica que supoña achega económica ás entidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e non estean vinculadas expresamente ao plan de financiamento, así como a elaboración do informe semestral en que se recollan as ditas achegas.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 10. Subdirección Xeral de Universidades

1. Á Subdirección Xeral de Universidades correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración dos anteproxectos de disposicións relativas á coordinación do Sistema universitario de Galicia.

b) Planificación da oferta docente universitaria.

c) Proposta, elaboración e xestión dos programas de orientación, de apoio e de información ao estudantado universitario.

d) Inspección no ámbito universitario na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Universidades contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación do Sistema Universitario.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Instrución dos expedientes relativos á xestión da creación e recoñecemento en Galicia de universidades e centros universitarios.

b) Tramitación dos expedientes de autorización sobre a implantación de estudos universitarios, tanto de carácter oficial e de validez en todo o territorio nacional como os conducentes a títulos conforme o sistema vixente nos países estranxeiros.

c) Relacións administrativas cos órganos estatais e autonómicos para a planificación e coordinación en materia universitaria, cos órganos colexiados e unipersoais das universidades, cos centros asociados da UNED en Galicia e cos centros adscritos, propios e integrados, do sistema universitario.

d) Elaboración e tramitación das propostas de normativa en materia de universidades, e o seu réxime xurídico.

e) Impulsar as fórmulas de colaboración necesarias coas universidades do Sistema universitario de Galicia, coa finalidade de compartir recursos, servizos e organización nas ensinanzas artísticas superiores.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración e seguimento dos programas de orientación, apoio e información ao estudantado universitario.

b) Coordinación administrativa da organización dos procesos selectivos para o acceso ao Sistema universitario de Galicia.

c) Propoñer e xestionar as convocatorias das accións de apoio económico ao estudantado universitario, así como facer o seu seguimento.

d) Mantemento e xestión dos sistemas de información ás persoas usuarias en todo o referente a bolsas e axudas ao estudo universitario e, en xeral, dos sistemas de información universitaria e o seu funcionamento.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 11. Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

1. Á Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e xestión dos retos, eixes estratéxicos e liñas de acción dos plans do Goberno galego en materia de investigación e innovación no relativo ao Sistema universitario de Galicia.

b) Elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a fomentar a investigación no Sistema universitario de Galicia.

c) Coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas científicas e actuacións en materia de investigación.

d) Establecemento de accións enfocadas á xestión da organización, da calidade e dos recursos humanos no ámbito da investigación, así como a execución de plans específicos de apoio á formación do persoal investigador.

e) Promoción e coordinación dos servizos, centros e unidades científico-tecnolóxicas do Sistema universitario de Galicia no establecemento de mecanismos de promoción e difusión das liñas de investigación universitaria e a transferencia de resultados.

f) Elaboración dos criterios para a acreditación de centros e unidades de investigación do Sistema universitario de Galicia.

g) Recolla, tratamento e difusión dos datos relativos aos recursos, actividade e resultados de investigación do Sistema universitario de Galicia.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para cumprir as funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulso, execución e seguimento dos programas destinados a captar, formar e reter talento no Sistema universitario de Galicia.

b) Impulso da formación de persoal investigador nas áreas de coñecemento estratéxicas para o Sistema universitario de Galicia.

c) Definición, seguimento e avaliación de indicadores de calidade das accións de apoio á traxectoria investigadora no Sistema universitario de Galicia.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinación, seguimento e promoción de proxectos e programas singulares no ámbito científico universitario.

b) Impulso, execución e seguimento dos programas de consolidación estrutural da investigación no Sistema universitario de Galicia.

c) Definición, seguimento e avaliación de indicadores de calidade da investigación no Sistema universitario de Galicia.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO IV

Da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Artigo 12. Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

1. A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma ao que lle corresponde exercer as competencias e funcións que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de ordenación do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como de xestión dos recursos humanos e programas educativos que se desenvolven nos centros educativos; en coordinación e con independencia das competecias concurrentes que podan ter outros órganos da Consellería ou doutras consellerías. En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) Ordenación e propostas sobre o desenvolvemento normativo das ensinanzas regradas non universitarias, así como a coordinación das accións na formación e cualificación permanente das persoas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A autorización das diferentes ensinanzas do sistema educativo non universitario.

c) O desenvolvemento de accións encamiñadas á excelencia, modernización, tecnificación e internacionalización das ensinanzas de formación profesional.

d) O impulso ao emprendemento, á investigación e á innovación na formación profesional.

e) A planificación, o impulso e a coordinación da Rede de centros integrados de formación profesional, sen prexuízo das competencias xerais atribuídas a outros órganos da Consellería.

f) Ordenación e coordinación dos servizos de orientación educativa e profesional no sistema educativo non universitario.

g) Promoción de accións e programas de innovación educativa, así como a autorización de programas e proxectos específicos ou experimentais.

h) Implantación de desenvolvemento dos programas de promoción do talento e das accións tendentes á excelencia educativa.

i) Impulso de programas e accións vinculados a promover a educación inclusiva, a mellora da atención á diversidade e de promoción da igualdade entre homes e mulleres no ámbito do ensino non universitario.

j) Coordinación e fomento das estratexias dirixidas á mellora da convivencia escolar.

k) Planificación, execución e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e actualización do profesorado das diferentes áreas e niveis do sistema educativo non universitario.

l) Colaboración coas institucións responsables da formación inicial do profesorado e, de ser o caso, dos programas de prácticas para a capacitación docente.

m) Promoción e desenvolvemento do recoñecemento de competencias profesionais nas diferentes familias profesionais que compoñen o Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

n) Xestión das axudas procedentes do Fondo Social Europeo para a mellora do sistema de formación profesional e para a prevención e redución do abandono escolar, a xestión dos programas europeos internacionais e doutros propios que os complementan no ámbito das súas competencias e en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica.

ñ) Impulso e desenvolvemento dos programas e medidas que se establezan en relación coa formación profesional no ámbito do sistema educativo non universitario.

o) Promoción da formación das persoas adultas e a atención ás súas necesidades formativas, así como o fomento da formación permanente ao longo de toda a vida.

p) Deseño e coordinación das funcións dos servizos periféricos da inspección educativa.

q) Deseño de instrumentos e posta en práctica dos procesos de avaliación do sistema educativo, así como o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos programas internacionais e accións de avaliación en que participe Galicia.

r) Deseño e coordinación dos procesos de mellora da calidade nos centros e servizos educativos do sistema educativo non universitario.

s) Organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

t) Calquera outra competencia e función que lle sexan delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección e dependencia directa, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas contará cos seguintes órganos:

1. Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación dos Recursos Humanos.

2. Subdirección Xeral de Formación Profesional.

3. Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

4. Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo.

5. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

3. Intégranse na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, dependendo directamente da persoa titular da Secretaría, as seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Apoio Económico.

A este servizo correspóndenlle, en coordinación coa Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación da Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, así como o control da xestión do gasto nas súas unidades.

b) Coordinación e seguimento das operacións financiadas co Fondo Social Europeo no marco dos programas operativos rexionais e plurirrexionais no ámbito das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.2. Servizo de Xestión de Procesos de Calidade.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Definir procedementos de calidade sobre as actuacións dos distintos axentes dos centros de educación e formación.

b) Elaboración de modelos estandarizados da documentación establecida na normativa vixente para os centros de educación e formación.

c) Coordinar as distintas redes de calidade dependentes da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

d) Propoñer formación para as persoas responsables da calidade dos centros e servizos de educación e formación.

e) Seguimento e avaliación da implantación dos sistemas de calidade nos centros e servizos de educación e formación.

f) Planificar, organizar e coordinar as auditorías internas e externas das distintas redes dependentes da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

g) Asesorar e realizar propostas de mellora ás persoas responsables da calidade dos centros e servizos de educación e formación.

h) Realizar estudos e informes sobre as redes de calidade dependentes da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

i) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación dos Recursos Humanos

1. Á Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación dos Recursos Humanos correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Promoción e desenvolvemento dos programas e accións destinados á mellora do éxito educativo non universitario.

b) Definición de programas para impulsar a educación inclusiva e a atención á diversidade do alumnado.

c) Deseño e implementación de programas e medidas dirixidos á mellora da convivencia escolar no ámbito do ensino non universitario.

d) Coordinación e impulso das accións dirixidas a preservar no eido educativo a igualdade entre homes e mulleres e a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGBTI.

e) Seguimento dos desenvolvementos curriculares e proxectos experimentais que se realizan nos centros, e a promoción e o desenvolvemento dos programas de innovación educativa.

f) Apoio á eliminación de barreiras sociais e comunicativas na educación.

g) Impulso das accións e programas precisos para o desenvolvemento da educación dixital, promovendo as competencias dixitais vinculadas ao uso educativo das TIC, en relación cos contornos virtuais de aprendizaxe no sistema educativo non universitario e as competencias científico-tecnolóxicas.

h) Promoción e coordinación dos programas e accións que favorezan a adquisición das competencias en linguas estranxeiras, nos diferentes niveis e modalidades do ensino non universitario.

i) Impulso e apoio á internacionalización do sistema educativo non universitario, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos. Coordinación, seguimento e avaliación dos programas educativos europeos e internacionais.

j) Planificación, execución e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e actualización do profesorado das diferentes áreas e niveis, agás os específicos de formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

k) Apoio á Secretaría Xeral na colaboración coas institucións universitarias responsables da formación inicial do profesorado e, de ser o caso, dos programas de prácticas para a capacitación docente.

l) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación dos Recursos Humanos contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración das propostas da normativa que regule a orientación educativa e as medidas curriculares e organizativas para atender a diversidade do alumnado.

b) Coordinación funcional da rede de orientación educativa.

c) Impulso de plans, programas e medidas para o fomento da equidade e a inclusión.

d) Promoción de estudos e investigacións sobre educación inclusiva.

e) Promoción e desenvolvemento dos programas e accións que potencien a igualdade entre homes e mulleres nos centros educativos.

f) Promoción e desenvolvemento de programas e medidas dirixidos a eliminar as barreiras na aprendizaxe e facilitar e potenciar a participación de todo o alumnado, promovendo a plena integración no centro educativo.

g) Apoio na planificación e organización dos recursos e os medios persoais e materiais para a atención á diversidade.

h) Promoción de creación de escolas de país e nais para a súa participación na mellora da convivencia e asesoramento ás familias sobre os programas e medidas a adoptar para a inclusión de todos os alumnos no centro educativo.

i) Impulso e xestión de programas para a mellora da convivencia escolar.

j) Difusión de boas practicas nos procesos orientación educativa, inclusión e convivencia.

k) Xestión dos proxectos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade relacionados co seu ámbito de competencia material.

l) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Promoción de proposta de autorización de proxectos de investigación e innovación educativa.

b) Seguimento e avaliación das actuacións relativas aos proxectos de investigación e innovación que se desenvolven nos centros educativos.

c) Planificación, implementación e coordinación xeral das actuacións que favorezan a competencia en linguas estranxeiras do alumnado dos diferentes niveis educativos.

d) Promoción e xestión dos programas de formación e acreditación da competencia lingüística do profesorado dos diferentes niveis educativos de ensinanza non universitaria.

e) Coordinación, impulso e seguimento dos programas de internacionalización do sistema educativo nos niveis non universitarios.

f) Promoción e coordinación das accións vinculadas á mellora da educación dixital e das competencias científico-tecnolóxicas no ensino non universitario.

g) Análise das necesidades de formación do profesorado e formulación das correspondentes propostas de plans de formación.

h) Xestión e execución dos plans de formación do profesorado.

i) Coordinación da Rede de centros de formación e recursos.

j) Organización e execución da formación inicial e permanente do persoal adscrito ás estruturas de formación do profesorado.

k) Investigación sobre a formación permanente do profesorado como un referente de apoio, innovación e dinamización didáctica deste.

l) Promoción e xestión das convocatorias de accións de apoio á formación do profesorado.

m) Homologación, recoñecemento e rexistro das actividades de formación do profesorado para os efectos de formación permanente.

n) Xestión dos proxectos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade relacionados co seu ámbito de competencia material.

ñ) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 14. Subdirección Xeral de Formación Profesional

1. Á Subdirección Xeral de Formación Profesional correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración das propostas curriculares das ensinanzas de formación profesional e da súa normativa académica e organizativa.

b) Planificación da oferta de ensinanzas de formación profesional, e, planificación, organización do acceso e admisión ás ensinanzas de ciclos formativos.

c) Planificación e coordinación das probas libres para a obtención dos títulos de formación profesional e das probas para a obtención de carnés e habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

d) Emisión de informes sobre autorización de ensinanzas de formación profesional e adecuación dos equipamentos e instalacións destinados a elas.

e) Promoción da orientación profesional, a relación co sistema produtivo e o desenvolvemento da formación profesional dual.

f) Elaboración de estudos, informes e propostas normativas en materia de orientación profesional e formación en centros de traballo.

g) Definición e coordinación de plans para o fomento do espírito emprendedor e inserción profesional do alumnado.

h) Coordinación da Rede de centros integrados de formación profesional e da oferta integrada de formación profesional.

i) Organización e coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais.

j) Apoio ao Consello Galego de Formación Profesional, desempeñando a secretaría deste órgano colexiado e dirixindo o persoal adscrito para tal fin.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Formación Profesional contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación da Formación Profesional.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de estudos, informes e propostas de normativa de ordenación académica dos estudos de formación profesional.

b) Deseño e actualización dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional, así como a elaboración de materiais de apoio para o seu desenvolvemento.

c) Coordinación das accións para o desenvolvemento da formación profesional dual.

d) Definición dos equipamentos específicos de formación profesional e da súa tipoloxía, así como, a elaboración de propostas e informes sobre as necesidades de equipamento para o funcionamento das ensinanzas.

e) Coordinación da elaboración e da supervisión dos materiais didácticos para a formación profesional.

f) Elaboración das propostas de resolución sobre validacións e equivalencias en materia de formación profesional.

g) Elaboración das propostas de resolución dos recursos administrativos que se interpoñan referentes ás ensinanzas de formación profesional.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Xestión da Formación Profesional.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de estudos, de informes e de propostas de normativa de autorización de oferta de formación profesional.

b) Coordinación e xestión da oferta integrada de formación profesional.

c) Planificación e organización das probas de acceso ás ensinanzas de formación profesional.

d) Planificación e xestión da admisión ás ensinanzas de formación profesional.

e) Planificación e organización das probas libres de obtención dos títulos de formación profesional.

f) Elaboración de informes de autorización para a impartición das ensinanzas de ciclos formativos en centros privados.

g) Organización e desenvolvemento das probas para a obtención de carnés e habilitacións profesionais.

h) Calquera outra función análoga que se lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Relación co Sistema Productivo e Acreditación de Competencias.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Fomento das relacións entre as persoas responsables da formación, do emprego e da produción, mediante plans de información e establecemento de convenios.

b) Promoción e coordinación do desenvolvemento de proxectos de formación profesional dual.

c) Coordinación e xestión da formación en centros de traballo dos ciclos formativos de formación profesional.

d) Elaboración e xestión das convocatorias de bolsas e axudas para as ensinanzas de formación profesional.

e) Promoción, coordinación e desenvolvemento de actividades de información e orientación profesional.

f) Potenciación da inserción profesional do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional, fomento da igualdade de xénero e non discriminación para favorecer a empregabilidade.

g) Elaboración de estudos e informes de inserción laboral do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional, así como de avaliación sobre o grao de satisfacción dos/das axentes implicados/as na formación profesional.

h) Definición e promoción de programas e accións de fomento do emprendemento no sistema educativo.

i) Coordinación e desenvolvemento de accións para o fomento da innovación e transferencia tecnolóxica nas ensinanzas de formación profesional, así como a coordinación dos proxectos de I+D+i en centros.

j) Potenciación e coordinación da Rede de centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería.

k) Realización de accións de divulgación e comunicación relacionadas coa formación profesional e a elaboración de recursos educativos para o seu desenvolvemento.

l) Promoción e xestión dos procedementos para o recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro da competencia profesional adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais e informais da formación da poboación activa, así como a elaboración de instrumentos de apoio a estes.

m) Calquera outra función análoga que se lle sexa encomendada.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial

1. Á Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración das propostas de ordenación e renovación dos plans e dos programas educativos das ensinanzas de réxime especial, así como os dirixidos ás persoas adultas.

b) Emisión de informes sobre autorización de ensinanzas e a adecuación dos equipamentos e instalacións destinados a esas ensinanzas.

c) Impulsar un sistema integrado de aprendizaxe ao longo de toda a vida que busque implicar o conxunto da poboación, asegure a adquisición e o desenvolvemento das competencias básicas e promova a integración, participación, iniciativa e creatividade de todas as persoas, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos.

d) Elaboración de proposta de resolución sobre validacións, equivalencias e recoñecemento de créditos e dos recursos administrativos que se interpoñan referentes ás ensinanzas de réxime especial.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial contará coas unidades seguintes, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Deseño e actualización dos currículos das ensinanzas de réxime especial e o seu desenvolvemento.

b) Deseño e promoción de plans para o aproveitamento dos recursos tecnolóxicos e proxectos de innovación relacionados con estas ensinanzas.

c) Proposta de autorización, seguimento e avaliación de proxectos experimentais e a fixación dos criterios para asesoramento e supervisión dos proxectos curriculares dos centros no referente a estas ensinanzas.

d) Emisión de informes sobre autorización de ensinanzas, adecuación das instalación e equipamentos destinadas a estas ensinanzas.

e) Proposta de resolución sobre validacións, equivalencias e recoñecemento de créditos, e dos recursos administrativos que se interpoñan referentes ás ensinanzas de réxime especial.

f) Xestión das convocatorias das axudas ás ensinanzas de réxime especial.

g) Planificación e organización das probas libres para obter os títulos da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

h) Planificación e proposta da ordenación académica da educación das persoas adultas e a coordinación na elaboración de materiais de apoio para o seu desenvolvemento.

i) Coordinación das actuacións que en materia de educación de persoas adultas realicen as diferentes unidades e centros docentes da Consellería.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo

1. Á Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación e do Sistema Educativo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración da proposta de calendario escolar dos centros docentes de ensino non universitario.

b) Coordinación do desenvolvemento normativo en materia de educación e formación na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

c) A elaboración de proposta dos currículos educativos das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, nos diferentes niveis e modalidades, así como o seu desenvolvemento.

d) Elaboración de proposta dos regulamentos orgánicos dos centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

e) Emisión de informes sobre modificacións da Rede de centros docentes non universitarios, así como a súa adecuación periódica en función das necesidades e da evolución do sistema educativo no mapa escolar de Galicia.

f) Informar sobre a regularización dos expedientes académicos do alumnado nos niveis non universitarios.

g) Promover e desenvolver as accións de recoñecemento ao esforzo e á excelencia académica dirixidas ao alumnado nos niveis non universitarios.

h) Elaborar e propor, para a súa aprobación, o plan de actuación da Inspección educativa e a supervisión do seu cumprimento.

i) Dirixir e velar polo cumprimento das funcións encomendadas á Inspección educativa.

j) Coordinación dos servizos territoriais de Inspección educativa.

k) Desenvolvemento e realización das accións de avaliación do sistema educativo nos niveis non universitarios e organización de probas que deriven da normativa xeral ou específica.

l) Colaboración cos organismos responsables e desenvolvemento das accións inherentes á participación da Comunidade Autónoma de Galicia nos programas de avaliación educativa de ámbito nacional e internacional.

m) Emisión de informes aos distintos órganos superiores e directivos da Consellería en materia de educación.

n) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, e para o cumprimento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Ordenación Educativa.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elabor a proposta de calendario escolar dos centros docentes de ensino non universitario.

b) Elaborar as propostas dos currículos educativos das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, nos diferentes niveis e modalidades, así como, sobre o seu desenvolvemento.

c) Elaborar a proposta dos regulamentos orgánicos dos centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

d) Propor as resolucións sobre validacións e equivalencias nos estudos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato que son competencia da Consellería.

e) Elaborar a proposta de resolución dos recursos administrativos que se interpoñan referentes ás ensinanzas de réxime xeral.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de proposta do plan xeral de actuación da Inspección educativa e seguimento do seu cumprimento.

b) Coordinación dos servizos territoriais de Inspección educativa para o desenvolvemento do plan de actuación.

c) Elaboración das propostas de regularización de expedientes académicos do alumnado nos niveis non universitarios.

d) Elaboración de informes e propostas derivados de estudos de necesidades e das actuacións da Inspección educativa.

e) Elaboración dos informes relativos á planificación da oferta educativa.

f) Elaboración da memoria anual da Inspección educativa.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Avaliación do Sistema Educativo.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Deseño, planificación e execución das accións de avaliación xeral e de mellora do sistema educativo nos niveis non universitarios.

b) Elaboración de probas e instrumentos para a avaliación do sistema educativo e para a avaliación dos proxectos e programas educativos.

c) Xestión das accións de recoñecemento ao esforzo e á excelencia académica e das convocatorias de premios extraordinarios ao alumnado nos niveis non universitarios.

d) Elaboración de informes sobre os resultados das avaliacións educativas.

e) Desenvolvemento das tarefas inherentes á participación da Consellería nos programas e accións de avaliación educativa de ámbito nacional e internacional.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 17. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

1. Á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) Xestión do persoal dependente da Consellería excepto o persoal dependente da área funcional de cultura.

b) Elaboración das propostas de creación, supresión, transformación, clasificación, autorización e organización dos centros escolares, tanto de titularidade pública como privada, sen prexuízo das que se lle asignan a outros órganos da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

c) Confección das propostas de concesión de axudas e de concertos educativos, así como a súa xestión e os demais aspectos derivados das axudas á escolarización.

d) Pagamento delegado ao profesorado do ensino concertado.

e) Estudo das disposicións sobre o réxime xurídico e administrativo dos centros.

f) Expedición dos títulos académicos de nivel non universitario derivados das leis orgánicas que regulan o sistema educativo español.

g) Resolución dos procedementos disciplinarios ordinarios incoados aos empregados públicos da Consellería, sen prexuízo das competencias da Secretaría Xeral Técnica e doutros órganos da Consellería para impoñer sancións por faltas leves.

h) Resolver a autorización previa á desafectación ao uso educativo dos edificios municipais destinados a centros públicos de educación infantil, primaria ou educación especial.

i) Elaboración das propostas normativas sobre admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

j) Xestión da cobertura temporal dos postos docentes non universitarios, que inclúe a elaboración e actualización das listas de persoal interino; os chamamentos, penalizacións e exclusión das listas; a convocatoria e resolución de procedementos extraordinarios para a cobertura das listas.

k) Tramitación dos recursos administrativos relacionados coas competencias da Dirección Xeral.

l) Tramitación e resolución das solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Dirección Xeral.

m) As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da área de Educación dependente da Consellería.

n) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dependencia, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

1. Subdirección Xeral de Centros.

2. Subdirección Xeral de Recursos Humanos.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Centros

1. Á Subdirección Xeral de Centros correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración das propostas de autorización de centros docentes non universitarios, das súas ensinanzas e dos expedientes relativos ás súas modificacións.

b) Xestión do Rexistro de Centros.

c) Tramitación para a expedición de títulos académicos.

d) Tramitación e coordinación da xestión das homologacións e validacións de títulos estranxeiros non universitarios, sen prexuízo das competencias que lle corresponden ás xefaturas territoriais.

e) Elaboración dos proxectos normativos sobre concertos educativos e convenios dirixidos a centros privados e a súa execución.

f) Elaboración do anteproxecto de orzamento da Dirección Xeral e o control da execución do gasto, excepto no correspondente ao capítulo de persoal.

g) Elaboración das propostas normativas en relación cos programas relativos aos de libros de texto, material escolar e bibliotecas escolares, e xestión do seu desenvolvemento.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Centros, para o cumprimento das funcións encomendadas contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Centros.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración da proposta de autorización dos centros de titularidade pública e privada, así como as ensinanzas que impartan.

b) Tramitación dos expedientes relativos á creación, supresión, transformación, cambio de titularidade e clasificación dos centros docentes.

c) Apoio á Subdirección Xeral de Centros na xestión e mantemento do Rexistro de Centros.

d) Tramitación para a expedición de títulos académicos e o seu rexistro.

e) Tramitación e coordinación da xestión das homologacións e validacións de títulos estranxeiros non universitarios.

f) Tramitación de proxectos normativos sobre concertos educativos e xestión da súa aplicación.

g) Tramitación dos proxectos normativos sobre admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo.

A este servizo correspóndenlle, en coordinación coa Subdirección Xeral de Coordinación Económica e Contratación da Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamentos da Dirección Xeral, agás no correspondente ao capítulo I, e o control da súa xestión e da execución do gasto nas súas unidades.

b) Xestión dos gastos de funcionamento dos centros públicos e desenvolvemento das normas necesarias para a súa aplicación.

c) Tramitación dos expedientes económicos e realización dos pagamentos derivados dos concertos educativos, incluído o pagamento delegado ao profesorado.

d) Elaboración das propostas normativas que regulan o fondo solidario de libros de texto, as axudas para libros e material escolar e a xestión do seu desenvolvemento.

e) Establecemento das actuacións para a mellora do funcionamento das bibliotecas escolares e o fomento da lectura.

f) A coordinación das funcións que lles corresponden ás xefaturas territoriais da Consellería en materia de bolsas e axudas ao estudo destinadas ao alumnado de ensino non universitario dependente desta consellería.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Recursos Humanos

1. Á Subdirección Xeral de Recursos Humanos correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamento do capítulo de persoal da Consellería.

b) Programación dos recursos persoais dos centros públicos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación.

c) Distribución, seguimento e control do continxente de profesorado.

d) Xestión das accións relativas ao ingreso, acceso, mobilidade, carreira docente e provisión de postos de traballo, en coordinación cos demais órganos superiores da Consellería que sexan competentes por razón da materia.

e) Tramitación dos expedientes relativos á declaración de situacións administrativas do profesorado, así como os expedientes referentes ao ingreso ao servizo activo deste persoal.

f) Tramitación dos recursos administrativos e reclamacións relacionados coas competencias da Dirección Xeral en materia de persoal.

g) Xestión das retribucións do persoal dependente da Consellería, excepto do persoal dependente da área funcional de cultura.

h) Planificación da tramitación telemática de procedementos para a xestión do persoal docente e do persoal de administración e servizos da área funcional de educación e universidade.

i) Tramitación dos expedientes relativos ao réxime disciplinario dos empregados públicos adscritos á Consellería de Cultura, Educación e Universidade dependentes da Consellería no ámbito educativo e universitario, sen prexuízo da competencia doutros órganos da Consellería para tramitar os expedientes que poidan derivar nunha sanción por falta leve.

j) Programación das necesidades do persoal de administración e servizos xunto co Servizo de Recursos Humanos dependente da Secretaría Xeral Técnica.

k) Elaboración da proposta de relación de postos de traballo da Consellería en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica.

l) Tramitación das reclamacións presentadas polo persoal laboral adscrito ao ámbito educativo e universitario da Consellería.

m) Habilitación do profesorado para a prestación de servizos docentes en centros privados.

n) Elaboración de informes dos expedientes de incompatibilidades no ámbito das súas competencias.

ñ) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Recursos Humanos, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Preparación e tramitación do concurso xeral de traslados e os procedementos selectivos de ingreso ao corpo de mestres/as, analizando as características destes postos de traballo; a adxudicación de destinos provisionais para cada curso académico do persoal docente do corpo de mestres; os intercambios provisionais do persoal docente do corpo de mestres; as convocatorias de prazas de atención preferente e de prazas de convenio; as habilitacións do profesorado do ensino público e privado.

b) Xestión das listas do persoal interino e substituto adscrito ao Servizo.

c) Cobertura das substitucións do persoal docente adscrito ao Servizo.

d) Preparación dos expedientes de indemnización por razón de servizo.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Profesorado de Educación Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Preparación e tramitación do concurso xeral de traslados e dos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos disintos corpos; a adxudicación de destinos provisionais para cada curso académico do persoal docente; as convocatorias de prazas de comisións de servizos por motivos de saúde e de conciliación da vida familiar, de todos os corpos docentes, e as convocatorias de asesorías e prazas das estruturas de formación en réxime de comisión de servizos.

b) Xestión das listas do persoal interino e substituto adscrito ao Servizo.

c) Cobertura das substitucións do persoal docente adscrito ao Servizo.

d) Preparación dos expedientes de indemnización por razón de servizo.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Persoal de Administración e Servizos.

A este servizo correspóndelle, en coordinación co Servizo de Persoal e Réxime Interior da Secretaría Xeral Técnica e coa exclusión do persoal dependente da área de Cultura, as seguintes funcións:

a) Xestión dos expedientes e das situacións administrativas do persoal funcionario non docente, tanto dos servizos centrais como das xefaturas territoriais, así como do persoal non docente dos centros públicos dependentes delas.

b) Elaboración e xestión dos contratos relativos ao persoal laboral dependente da Consellería no ámbito da súa competencia.

c) O deseño, elaboración e implantación dun plan de prevención de riscos laborais en relación co persoal da Xunta de Galicia que presta servizos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

d) A avaliación dos riscos laborais e a planificación da actividade preventiva do persoal dos centros docentes públicos dependentes da Consellería.

e) A formación e información ao persoal dos centros docentes públicos dependentes da Consellería en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da súa saúde e a adopción das medidas de emerxencia e evacuación.

f) En xeral, a xestión, o control e a coordinación de todo o persoal de administración e servizos de carácter laboral ou funcionario adscrito á Consellería.

g) Asistencia á Subdirección Xeral de Recursos Humanos na elaboración de informes dos expedientes de incompatibilidades.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.4. Servizo de Réxime Xurídico e Recursos.

A este servizo correspóndenlle, no ámbito das competencias en materia de educación e en coordinación coa Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico da Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) Apoio técnico-xurídico na tramitación dos recursos administrativos e reclamacións.

b) Apoio técnico-xurídico na tramitación de expedientes disciplinarios.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.5. Servizo de Análise de Datos de Persoal Docente.

A este servizo correspóndenlle, no ámbito das competencias e en coordinación co Servizo de Persoal e Réxime Interior da Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) Coordinación para a confección das nóminas do persoal dependente da Consellería e control da execución orzamentaria das xefaturas territoriais nesta materia.

b) A xestión informatizada dos distintos procesos na Subdirección Xeral de Recursos Humanos, coa finalidade de acadar unha implantación plena da administración electrónica nos procesos relativos ao profesorado.

c) A dirección, coordinación e xestión dos datos referentes ao persoal docente da Consellería.

d) O desenvolvemento dos protocolos axeitados en materia de protección de datos nas aplicacións xestoras de persoal docente relativos a procesos de baixas laborais, de incapacidade temporal, saúde, violencia de xénero, antecedentes penais por delitos sexuais ou infraccións administrativas, entre outros.

e) A xestión e actualización dos datos que se refiran aos actos que afecten a vida administrativa do persoal xestionado pola Subdirección Xeral de Recursos Humanos.

f) O estudo e a preparación de informes e estatísticas en materias relacionadas co persoal docente.

g) A vixilancia do cumprimento da normativa vixente sobre tratamento de datos de carácter persoal do persoal docente.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO V

Da Secretaría Xeral de Cultura

Artigo 20. A Secretaría Xeral de Cultura

1. A Secretaría Xeral de Cultura é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponde exercer as competencias en materia de promoción da cultura, do patrimonio cultural e dos aspectos vinculados á protección do patrimonio cultural dos Camiños de Santiago. En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións que derivan da regulación contida no artigo 32 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia:

a) Defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

b) Fomento e promoción da cultura, a contribución ao desenvolvemento do libro, a colaboración na promoción da literatura, as artes visuais, a danza, a música, e as artes escénicas, coreográficas e audiovisuais.

c) Dirección e coordinación das atribucións da Consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas, arquivos e museos.

d) Apoio á produción editorial e á elaboración de plans respecto da política do libro, de acordo coas necesidades culturais de Galicia.

e) Estímulo da creación literaria.

f) Protección do patrimonio documental, bibliográfico e museístico de Galicia.

g) Coordinación e supervisión das actuacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.

h) Promover a visibilización das cuestións de xénero nos fondos documentais e artísticos das institucións de Galicia.

i) Promover a visibilización das achegas realizadas polas mulleres nos ámbitos literario, musical, cinematográfico, audiovisual e artístico.

j) Promover a realización de análises e estudos da presenza e situación das mulleres no ámbito da cultura e da produción artística e intelectual.

k) Velar pola transmisión de imaxes igualitarias, non estereotipadas e que amosen a diversidade de mulleres e de homes nas actuacións públicas no ámbito cultural.

l) Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección e dependencia directa, a Secretaría Xeral de Cultura para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

1. Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

2. Subdirección Xeral de Arquivos e Museos.

3. Centro Galego de Arte Contemporánea.

4. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

3. Intégrase na Secretaría Xeral de Cultura, dependendo directamente da persoa titular daquela, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Promoción da Cultura.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas para impulsar a creación cultural e promover e difundir a cultura nos seus diversos ámbitos.

b) Colaborar no impulso ao labor das fundacións culturais, federacións, asociacións e outros colectivos culturais para programar, organizar e coordinar actuacións propias e en colaboración nas actividades de innovación e dinamización da cultura.

c) Poñer en práctica medidas de apoio á creación cultural e a súa participación nas programacións culturais.

d) Potenciar as iniciativas e actividades orientadas á potenciación da proxección exterior e internacional da cultura galega.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 21. Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro

1. Á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Propoñer a elaboración de normas, programación e execución das funcións para a promoción do libro e o fomento da lectura.

b) Executar as funcións en relación co Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia e a realización de estudos e publicacións, así como a xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

c) Exercer a dirección técnica da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia).

d) Promover a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

e) Recoller, conservar e difundir as publicacións oficiais das institucións públicas galegas e as publicacións de interese pola súa relación con Galicia.

f) Velar pola conservación e preservación das obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia prestando servizos de apoio, promoción e coordinación das tarefas de control bibliográfico, restauración e dixitalización.

g) Constituír e manter unha biblioteca virtual que asegure a presenza da produción bibliográfica galega e da relacionada co ámbito lingüístico e temático galego na internet.

h) Xestionar as obras duplicadas e procedentes de expurgación.

i) Adaptar o Sistema bibliotecario de Galicia ás normas bibliográficas e catalográficas internacionais e elaborar as que teñan que rexer a súa catalogación.

j) Coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal.

k) Executar as actuacións en materia de bibliotecas da Xunta de Galicia nos termos previstos na normativa vixente.

l) Apoio administrativo ao Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia.

m) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo do Libro, Publicacións e do Depósito Legal.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestión das actividades de promoción relacionadas co libro e coas formas de comunicación textual en soportes virtuais.

b) Apoio á produción editorial e á promoción da participación en feiras do libro, e a realización de actividades de animación á lectura.

c) Organización da actividade editorial da Xunta de Galicia que corresponde ao Servizo Central de Publicacións e xestión da libraría institucional.

d) Edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Coordinación da distribución comercial de todas as publicacións producidas pola Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes, e do intercambio de materiais desta natureza coas institucións que determine a Comisión Permanente de Publicacións.

f) Desenvolvemento das actuacións relacionadas coa adxudicación dos números do ISBN para as publicacións da Xunta de Galicia, de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

g) Realización de programas, estudos, análises e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería.

h) Coordinación e revisión das publicacións que, directa ou indirectamente, leva a cabo a Consellería.

i) Tramitación e resolución dos procedementos de inscrición e anotación no depósito legal.

j) Emisión de informes técnicos nos casos en que proceda sobre o depósito legal e a propiedade intelectual.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo da Biblioteca de Galicia.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Recolla, conservación e difusión das publicacións oficiais das institucións públicas galegas e das publicacións de interese pola súa relación con Galicia.

b) Conservación e preservación das obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia, prestando servizos de apoio, promoción e coordinación das tarefas de control bibliográfico, restauración e dixitalización.

c) Xestión administrativa da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia).

d) Elaboración, mantemento e difusión de catálogos colectivos do patrimonio bibliográfico e de bibliotecas da rede, así como de bibliografías, especialmente a Bibliografía de Galicia, e elaboración e coordinación das normativas de descrición que se deban seguir, e os sistemas de almacenamento e busca.

e) Xestión das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación e preservación do depósito legal.

f) Taxación de bens culturais de carácter bibliográfico con fins administrativos.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo do Sistema de Bibliotecas.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Proposta e definición das condicións técnicas das instalacións e servizos utilizados nas bibliotecas de uso público, así como dos proxectos de creación de novas bibliotecas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Xestión do Rexistro de Bibliotecas, dos procedementos de integración na rede e de creación de novos centros, así como dos procedementos de declaración de bibliotecas de especial interese para Galicia.

c) Apoio á implantación das novas tecnoloxías da información e da comunicación nas bibliotecas públicas de Galicia.

d) Elaboración e publicación dos instrumentos de análise e avaliación da Rede de bibliotecas de Galicia: Censo de bibliotecas e Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

e) Xestión administrativa e organización de axudas, bolsas de formación e cursos para a mellora da cualificación do persoal que desempeñe as súas funcións nas bibliotecas da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Xestión das bibliotecas centrais territoriais.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 22. Subdirección Xeral de Arquivos e Museos

1. Á Subdirección Xeral de Arquivos e Museos correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) Propoñer a elaboración de normas, programación e execución das funcións en relación co patrimonio documental e arquivos.

b) Exercer a dirección técnica do Arquivo de Galicia.

c) Apoio administrativo ao Consello de Arquivos e ao Consello de Avaliación Documental.

d) Coordinación e dirección técnica do Sistema galego de arquivos, xestión dos arquivos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería, así como os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, acrecentar, conservar, difundir e poñer en valor o patrimonio documental.

e) Coordinación e dirección técnica do Sistema galego de museos, xestión dos museos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería, e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción prevista neste decreto para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo do Arquivo de Galicia.

A este servizo correspóndelle executar as seguintes funcións:

a) Xestión administrativa do Arquivo de Galicia.

b) Impulso da xestión documental en calquera soporte en todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia, e os procesos de valoración, selección, transferencia e dixitalización documental nos arquivos do subsistema da Xunta de Galicia.

c) Recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes dos arquivos intermedios do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia e do resto das entidades públicas instrumentais cun ámbito territorial superior ao dunha provincia.

d) Recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes de organismos, institucións e entidades de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade.

e) Localización, recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e difusión dos fondos e documentos, públicos ou privados, que polo seu valor testemuñal e referencial concirnan a Galicia e sexan de especial importancia.

f) Conservación preventiva e dixitalización dos fondos documentais que custodie e restauración daqueles documentos que o precisen.

g) Facilitar o acceso aos documentos e á información neles contida á Administración e á cidadanía, e difundir os fondos documentais de que dispón.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo do Sistema de Arquivos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinación e dirección técnica do Sistema galego de arquivos e dos subsistemas e redes que o integran, así como a inspección dos arquivos e o seu patrimonio documental.

b) Xestión dos arquivos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Actualización e control do censo-guía de arquivos.

d) Inventario do patrimonio documental custodiado nos arquivos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio documental custodiado neles.

e) Apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio documental e de arquivos.

f) Programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, organización, descrición e difusión do patrimonio custodiado nos arquivos galegos.

g) Taxación de bens culturais de carácter documental con fins administrativos.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Museos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinación e dirección técnica do Sistema galego de museos e das distintas redes que o integran, así como a inspección dos museos galegos e o seu patrimonio cultural.

b) Xestión dos museos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Tramitación e informe dos procedementos para a creación, autorización e cualificación de museos e coleccións visitables segundo a normativa vixente.

d) Actualización e control do Rexistro e o Censo de museos de Galicia.

e) Inventario do patrimonio moble custodiado nos museos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio moble custodiado neles.

f) Apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio moble e de museos de interese para Galicia.

g) Programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, documentación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos museos galegos.

h) Taxación de bens culturais de carácter museístico con fins administrativos.

i) Incentivar as xestións para o incremento do patrimonio moble dos museos propios e xestionados por adscrición ou depósito, e as súas diferentes formas de ingreso.

j) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 23. Centro Galego de Arte Contemporánea

O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente orgánica e funcionalmente da Secretaría Xeral de Cultura, contará, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, cunha dirección e cunha xerencia.

1. A dirección do centro dependerá directamente da persoa titular da Secretaría Xeral e terá un nivel orgánico equiparable a unha subdirección xeral.

A persoa directora do centro exercerá as seguintes funcións de dirección e planificación artística especializada con autonomía e responsabilidade, sen prexuízo dos criterios e instrucións emanados da indicada dirección xeral:

a) A dirección artística do centro, a coordinación e a planificación da actividade artística dos departamentos e servizos ao seu cargo.

b) A elaboración dos plans xerais das actuacións do centro, coa elaboración da proposta de programación anual de exposicións e actividades para a súa aprobación pola Secretaría Xeral, así como a proposta de designación de comisarias e comisarios que, baixo a súa supervisión, xestionen a realización e instalación artística e propoñan as obras que deban ser obxecto de mostra.

c) Impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros e institucións no ámbito da arte contemporánea, tanto nacionais como internacionais.

d) A elaboración da memoria anual das actividades do centro.

e) Propoñer as medidas necesarias para a protección dos fondos artísticos de centro e aprobar, se é o caso, os tratamentos para a conservación ou restauración das obras de arte.

f) Propoñer a adquisición de obras de arte e dispoñer as que deban ser exhibidas con carácter permanente.

g) Propoñer o plan anual de publicacións do centro, así como o de adquisicións para a biblioteca.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. A xerencia do centro, como órgano administrativo con nivel orgánico de xefatura de servizo, dependerá directamente da persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura e será provista por persoal funcionario.

A persoa xerente do centro exercerá as seguintes funcións:

a) Impulsar, articular e coordinar a execución do orzamento e a xestión económico-administrativa e de persoal do centro.

b) Xestionar, supervisar e controlar a execución da contratación administrativa do centro, así como a elaboración dos convenios e acordos necesarios para o seu funcionamento.

c) Trasladar á Secretaría Xeral os plans xerais de actuacións, así como das programacións anuais de exposicións e actividades para a súa aprobación.

d) Impulsar programas de difusión educativa e científica do centro en coordinación cos plans e programas da Consellería.

e) Xestionar o uso dos espazos non expositivos do centro.

f) Calquera outra función que lle sexa encomendada.

Artigo 24. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

1. Á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da Consellería en materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico en todas as súas manifestacións e, especialmente as seguintes funcións:

a) Protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

b) Delimitación e protección dos Camiños de Santiago en Galicia, así como a elaboración de anteproxectos normativos que os afecten.

c) Xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección do patrimonio cultural en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica.

d) Tramitación e xestión dos procedementos de clasificación do patrimonio cultural de Galicia coa declaración de ben de interese cultural e inclusión no catálogo. Xestión do Censo do patrimonio cultural de Galicia. Difusión do patrimonio cultural de Galicia.

e) Promoción e xestión das actuacións arqueolóxicas relacionadas coas competencias da Dirección Xeral.

f) Emisión de informes, acordos ou resolucións dos procedementos e intervencións que afecten a protección do patrimonio cultural, conforme a normativa vixente.

g) Realización de informes e estudos que sexan requiridos polas autoridades competentes e, en particular, o informe e asesoramento ás autoridades administrativas, cando sexa solicitado, en materia de protección e conservación do patrimonio cultural, e na adopción das medidas cautelares, correctivas e sancionadoras que se xulguen convenientes.

h) Promoción, dirección e xestión das obras de conservación e restauración no patrimonio cultural promovidas pola Consellería.

i) Realización das actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de adquisición preferente en asuntos relacionados co patrimonio cultural.

j) Preparación e xestión de convenios e protocolos relacionados coas competencias da Dirección Xeral.

k) Elaboración e edición de publicacións de carácter científico, cultural, educativo e divulgativo relacionadas co patrimonio cultural.

l) Proposta de programas e accións de formación, difusión e xestión relacionados co patrimonio cultural.

m) Formulación das correspondentes propostas contables dos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

n) Dirección do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago, así como dos instrumentos de ordenación do territorio que teñan por obxecto a protección dos seus valores culturais.

ñ) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dependencia, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de subdirección xeral:

1. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

2. Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural

1. A Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural exercerá as seguintes funcións:

a) Propor a elaboración de normas relacionadas coa protección do patrimonio cultural galego.

b) Programación, dirección e execución das medidas e actuacións encamiñadas á protección do patrimonio cultural galego.

c) A coordinación das políticas públicas en materia de protección do patrimonio cultural, con especial incidencia na coordinación coa Administración local.

d) A proposta e xestión de programas e proxectos de cooperación con outras entidades e coas corporacións locais.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coa seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planeamento.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinar a elaboración dos informes sectoriais sobre os instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio en calquera dos seus trámites.

b) Coordinar a redacción e tramitación do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago.

c) Asesorar e, se é o caso, colaborar, na elaboración de instrumentos de planeamento urbanístico ou de ordenación do territorio promovidos pola Xunta de Galicia e outras administracións públicas, que poidan redundar na mellora da protección do patrimonio cultural.

d) Elaborar os documentos técnicos e instrucións que teñan por obxecto homoxeneizar os criterios de protección do patrimonio cultural nos documentos urbanísticos e de ordenación do territorio.

e) Elaborar, actualizar e difundir os criterios de intervención nos contornos dos bens e, se é o caso, nas áreas de amortecemento, así como a súa integración nos documentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Protección e Fomento.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Tramitar e eimitir informe sobre os procedementos de autorización das intervencións que afecten aos Camiños de Santiago e xestionar a participación do Consello Asesor dos Camiños de Santiago como órgano asesor nos devanditos procedementos e nos relativos aos documentos para a súa identificación e protección.

b) Tramitar os expedientes de autorización das intervencións sobre o patrimonio cultural de titularidade da Igrexa Católica, e xestionar a participación da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica como órgano asesor.

c) Exercer a secretaría da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de interese para Galicia.

d) Coordinar a elaboración de propostas normativas e disposicións xerais que afecten a protección do patrimonio cultural e a súa xestión.

e) Promover e coordinar a información relativa ás medidas de accesibilidade, protección e fomento do patrimonio cultural de Galicia.

f) Elaborar, actualizar e difundir os criterios de intervención nos territorios históricos dos Camiños de Santiago e colaborar na súa integración no Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Vixilancia e Inspección.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Vixilancia sobre os bens de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia, para a súa protección e conservación.

b) Tramitación dos procedementos sancionadores por infraccións da normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural e realización de informes encamiñados a determinar e avaliar os danos producidos nel, así como a proposta á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de adopción de medidas cautelares.

c) Comprobación do cumprimento das normas, resolucións e ditames emanados da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

d) Control do rexistro das transaccións realizadas polas persoas ou entidades dedicadas ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural e do cumprimento dos requisitos para o exercicio desta actividade.

e) Elaboración do plan anual de inspección.

f) Coordinación cos servizos das xefaturas territoriais competentes en materia de inspección dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, en relación coa instrución dos expedientes sancionadores e as actuacións correspondentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamacións ou denuncias sobre presuntas afectacións a aquel patrimonio.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 26. Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais

1. Á Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Programación, coordinación e execución das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural.

b) Investigación, acrecentamento e difusión deste patrimonio e elaboración dos criterios de intervención sobre el.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Arquitectura.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Promoción, xestión e coordinación das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio inmoble de interese artístico, histórico, arquitectónico, etnográfico, científico e técnico.

b) Seguimento, control e supervisión das actuacións de conservación e restauración dos retablos, pinturas, murais e outros bens culturais de interese artístico, histórico ou etnográfico, como os cruceiros, os petos de ánimas ou a decoración escultórica da arquitectura.

c) Prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten o patrimonio cultural inmoble.

d) Elaborar os informes técnicos sobre as propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia de bens de interese artístico, histórico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico.

e) Elaboración, dirección e coordinación de informes, proxectos, estudos, traballos de investigación e de difusión relacionados coa conservación e as intervencións sobre o patrimonio cultural inmoble, así como supervisión e dirección técnica e facultativa das actuacións, cando así proceda.

f) Realización das actas de implantación, seguimento e control da execución das obras, supervisión e informe de certificacións de obra e honorarios facultativos, supervisión e visado de plans de seguridade e saúde no traballo, tramitación dos expedientes de expropiación e, en xeral, desenvolvemento das funcións que lle corresponden á Oficina de Supervisión de Proxectos conforme a lexislación sobre contratos do sector público no ámbito da Consellería.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Arqueoloxía.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Promoción, xestión e coordinación das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

b) Coordinación do programa de posta en valor do patrimonio arqueolóxico da Rede galega de patrimonio arqueolóxico.

c) Tramitación, supervisión e informe de expedientes de actuacións arqueolóxicas.

d) Prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten o patrimonio arqueolóxico.

e) Elaborar os informes técnicos sobre as propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia de bens de interese histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico e antropolóxico.

f) Elaboración e coordinación de informes, estudos, traballos de investigación e de difusión relacionados coa conservación e intervencións sobre o patrimonio arqueolóxico.

g) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2.3. Servizo de Inventario.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Manter, actualizar e xestionar o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, o Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e o Censo do patrimonio cultural de Galicia.

b) Coordinar a elaboración de propostas de clasificación do patrimonio cultural de Galicia ou a súa inclusión no Censo.

c) Tramitar os expedientes de declaración de ben de interese cultural e de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia desde as actuacións preparatorias ata a súa conclusión.

d) Promover traballos para identificar, documentar e investigar as manifestacións do patrimonio cultural inmaterial de Galicia e as súas medidas de salvagarda.

e) Tramitar e, de ser o caso, elaborar os expedientes para delimitar os Camiños de Santiago en Galicia.

f) Elaborar medidas para a identificación e difusión do patrimonio cultural galego.

g) Informar e colaborar nos procedementos relativos ás figuras de protección e difusión nacionais e internacionais que, en materia de patrimonio cultural, se desenvolvan no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

CAPÍTULO VI

Da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Artigo 27. A Secretaría Xeral de Política Lingüística

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ensino da lingua galega, e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) Promover, impulsar e elaborar propostas lexislativas e regulamentarias que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega.

b) Cooperar coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e impulsar e coordinar as medidas de política lingüística dos departamentos da Xunta de Galicia mediante a achega do soporte técnico necesario.

c) Programar e desenvolver medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia, co fin de incrementar a dispoñibilidade de produtos e servizos en galego.

d) Planificar e desenvolver campañas e medidas de fomento do uso, coñecemento e difusión do galego dentro e fóra do territorio lingüístico galego.

e) Promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e a terminoloxía.

f) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas de carácter xeral que promovan os departamentos da Xunta de Galicia sobre a normalización do uso do galego ou sobre a política lingüística en xeral.

g) Establecer o marco metodolóxico de referencia e os plans e programas para o ensino de galego ás persoas adultas, de acordo coas directrices do Consello de Europa en materia de ensino de linguas.

h) Colaborar co Consello de Europa e con outros organismos nacionais e internacionais en relación cos procesos para a defensa, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

i) Convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento de galego.

j) Convocar e administrar as probas e certificados de tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa, así como autorizar as habilitacións directas destes, cando procedan, e a súa inscrición no Rexistro oficial de profesionais da tradución e interpretación xuradas doutras linguas para o galego e viceversa.

k) Promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.

l) Promover accións para impulsar a aplicación transversal do principio de igualdade por razón de xénero no eido da política lingüística e o fomento do uso da lingua galega.

m) Calquera outra competencia e función que lle sexa delegada ou encomendada pola persoa titular da Consellería.

2. Baixo a súa dirección, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o cumprimento das competencias e funcións encomendadas, contará cos seguintes órganos:

1. Subdirección Xeral de Política Lingüística.

2. Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

3. Intégrase na Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependendo directamente da persoa titular da Secretaría, a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A este servizo, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestionar o desenvolvemento dos proxectos e programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos para a normalización da lingua galega.

b) Promover a formación e capacitación do alumnado universitario, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

c) Canalizar, difundir e proxectar no ámbito autonómico, estatal e internacional a información sobre os proxectos e publicacións do Centro.

d) Administración, xestión económico-administrativa e control do funcionamento do Centro e do persoal adscrito a este.

e) Xestionar, en coordinación coas persoas titulares das direccións técnicas dos departamentos do Centro, a organización de xuntanzas, encontros, xornadas, congresos e simposios e calquera outra actividade que derive dos proxectos de investigación e formación.

f) Exercer as funcións correspondentes á secretaría da Comisión Reitora do centro.

g) Dar apoio administrativo á persoa encargada da coordinación científica no desenvolvemento dos traballos de investigación do Centro.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 28. Subdirección Xeral de Política Lingüística

1. Á Subdirección Xeral de Política Lingüística correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística no exercicio das súas funcións.

b) Coordinación e xestión dos plans e programas de formación e de acreditación de competencia en materia de lingua galega.

c) Coordinación e xestión das actividades de formación e promoción da lingua galega así como a autorización e homologacións de cursos, seminarios, encontros e congresos de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas, e a xestión das certificacións de aptitude do alumnado, cando proceda.

d) Xestión das validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega (seminarios, encontros...).

e) Xestión das probas de acreditación da competencia en lingua galega e, de ser o caso, en materia de linguaxes específicas galegas.

f) Apoio en materia de asesoramento lingüístico e produción e oferta de recursos tecnolóxicos para fomentar o uso da lingua galega.

g) Xestión das solicitudes de traducións galego-castelán e viceversa de documentación, acordos e títulos oficiais que teñan orixe ou destino noutras comunidades autónomas ou en institucións da Unión Europea.

h) Xestión das solicitudes de tradución para o castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deben producir efectos en administracións públicas doutras comunidades autónomas do Estado español.

i) Xestión das solicitudes de habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa e do Rexistro oficial de profesionais da tradución e interpretación.

j) Xestión da produción de material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

k) Xestión da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística con organismos nacionais e internacionais para promover o fomento, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

l) Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve.

m) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Política Lingüística, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará cunha unidade, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Organizar cursos de formación, seminarios ou xornadas formativas.

b) Xestionar as validacións e solicitudes de recoñecemento de certificación de cursos e outras actividades de formación de lingua galega.

c) Xestionar e administrar as probas de acreditación de niveis de lingua galega.

d) Xestionar as solicitudes de tradución para o castelán de títulos oficiais en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

e) Planificar e coordinar a promoción exterior da lingua galega, tramitar os convenios de colaboración para a creación e mantemento dos centros de estudos galegos e xestionar a convocatoria para a selección das persoas lectoras.

f) Xestionar a promoción do material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

g) Coordinar as tarefas de avaliación dos proxectos de dinamización lingüística dos centros de ensino non universitarios.

h) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 29. Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística

1. Á Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística no exercicio das súas funcións.

b) Coordinación e xestión das medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais e económicos de Galicia para incrementar a súa dispoñibilidade en produtos e servizos.

c) Coordinación e xestión das liñas de axuda e subvencións para o apoio á dinamización e promoción da lingua galega.

d) Habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

e) Coordinación e xestión das actividades de normalización e dinamización lingüística e as derivadas das campañas de promoción e difusión da lingua galega.

f) Coordinación, xestión e difusión dos recursos e/ou estudos necesarios para a promoción do galego.

g) Fomento das actividades de normalización e promoción da lingua galega en administracións públicas e noutras entidades.

h) Coordinación e xestión da participación en feiras, congresos e exposicións de difusión de linguas.

i) Fomento da produción de material didáctico para o apoio á formación en lingua galega e á normalización lingüística.

j) Coordinación da xestión de consultas e queixas en materia de dereitos lingüísticos e proposta de resolución de recursos nas materias que desenvolve.

k) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

2. Baixo a súa dirección, a Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, para o cumprimento das funcións encomendadas, contará cunha unidade con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) Propoñer a contratación administrativa e elaboración dos pregos técnicos para a realización das actividades de formación, fomento e normalización da lingua galega e o seguimento e control da súa execución, así como a propoñer os convenios de colaboración con estas finalidades e o seu seguimento e control.

c) Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

TÍTULO III

Das xefaturas territoriais

Artigo 30. As xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, á fronte das cales estará a persoa titular da xefatura territorial, que desenvolverá as súas funcións no ámbito territorial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación no exercicio das competencias que asume cada delegación, no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Ás xefaturas territoriais correspóndenlles as seguintes funcións:

a) Impulso e instrución da actividade administrativa da xefatura territorial.

b) Coordinación dos servizos ou unidades que integran cada xefatura territorial.

c) Coordinación do réxime interior do departamento.

d) Administración, control e xustificación dos créditos asignados ao departamento.

e) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

f) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da Consellería.

g) Xestión da nómina do persoal no ámbito competencial da Consellería e a habilitación do seu pagamento.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) Calquera outra función análoga que lles sexa expresamente atribuída ou delegada.

2. Os servizos das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores ou de dirección da Consellería, dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada un deles, sen prexuízo da coordinación xeral que exerzan as persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, das cales dependerán organicamente, correspondéndolles o desenvolvemento das funcións que lles sexan encomendadas, no seu ámbito territorial respectivo.

3. As xefaturas territoriais contarán, baixo a súa dirección, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Coordinación Cultural.

Baixo a dependencia da xefatura territorial correspondente existirá un servizo que coordinará as competencias en materia de cultura, que exercerá as seguintes funcións:

a) Execución daquelas competencias que, en materia de cultura, propiedade intelectual, bibliotecas, museos e arquivos, se lle encomenden, así como a xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

b) Apoio á realización de estudos e actividades tendentes a promover a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

c) Asumir a vicepresidencia do Consello Territorial do Patrimonio Cultural de Galicia.

3.2. Servizo do Patrimonio Cultural.

A este servizo, de acordo coas directrices da persoa titular do Servizo de Coordinación da Área Cultural, correspóndelle, no ámbito das competencias en materia de cultura, as seguintes funcións:

a) Execución daquelas competencias que, en materia de patrimonio histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, artístico, arquitectónico e etnolóxico en todas as súas manifestacións, se lle encomenden, así como a xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

b) Apoio á realización de tarefas e funcións dirixidas a fomentar a protección, a conservación, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión ás xeracións futuras.

c) Tramitación das tarefas complementarias para a declaración de bens de interese cultural e, de ser o caso, instrución dos procedementos que afecten, conforme a normativa vixente, o patrimonio cultural.

d) Apoio e realización de tarefas tendentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamación ou denuncia sobre presuntas afectacións ao patrimonio cultural de Galicia en materia de inspección dos bens integrantes daquel patrimonio.

e) Apoio e realización de tarefas complementarias tendentes a contribuír á conservación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos museos galegos.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.3. Servizo de Recursos Humanos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración das nóminas do persoal.

b) Tramitación dos expedientes administrativos do persoal.

c) Tramitación e resolución, de ser o caso, dos expedientes de adaptación de postos de traballo por causas de saúde, enfermidade profesional e accidentes de traballo, así como a emisión de certificados de aptitude e adaptación do posto de traballo derivados dos expedientes anteriores.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.4. Servizo de Apoio aos Servizos Educativos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Tramitación dos asuntos relacionados cos servizos de transporte e comedor escolares e coas cafetarías escolares segundo as directrices da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

b) Coordinación cos servizos provinciais de mobilidade das xefaturas territoriais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na verificación da aptitude técnica dos vehículos destinados a transporte escolar e, en especial, do cumprimento dos requisitos exixidos no Real decreto 443/2001, do 27 de abril, modificado polo Real decreto 894/2002, do 30 de agosto, sobre seguridade no transporte escolar.

c) Xestión e proposta da concesión de bolsas e axudas ao estudo destinadas ao alumnado de ensino non universitario, así como a tramitación das solicitudes de títulos e libros de cualificación.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.5. Servizo de Programación e Contratación.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Instrución dos expedientes de creación, modificación e supresión de centros públicos e privados non universitarios dependentes da Consellería, así como a elaboración de informes dos expedientes de desafectación de centros públicos.

b) Xestión dos expedientes de contratación de obras con cargo ao crédito desconcentrado na xefatura territorial, en colaboración co servizo da unidade técnica adscrita á xefatura territorial.

c) Tramitación dos concertos educativos.

d) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.6. Servizo da Unidade Técnica.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración e supervisión dos proxectos de obras de reforma, ampliación e/ou mellora das obras que lle encomende a Secretaría Xeral Técnica da Consellería ou que realice a xefatura territorial correspondente con cargo ao crédito desconcentrado, así como a confección dos documentos técnicos nos expedientes de proxectos de obras, dos reformados ou dos complementarios que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería, seguindo as súas directrices.

b) Vixilancia no cumprimento das disposicións legais nestes proxectos e a ordenación, regulación e coordinación dos criterios técnicos aplicables neles, especialmente no relativo á seguridade e á saúde, á normativa urbanística e aos estudos do solo.

c) Dirección, coordinación, inspección, xestión e vixilancia das obras que vaia executar a Consellería no correspondente ámbito territorial que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica ou que realice a xefatura territorial correspondente e, singularmente, as derivadas do desenvolvemento de plans ou programas especiais, ou de desenvolvemento da Rede de centros nesta comunidade.

d) Control e elaboración de informes sobre as obras de reparación, ampliación e mantemento dos inmobles a cargo da Consellería, así como a actualización do inventario de obras e das necesidades nos centros educativos públicos, segundo as directrices da Secretaría Xeral Técnica.

e) Realización de informes sobre a adecuación á normativa vixente dos proxectos de obras que realicen os centros privados e control posterior da correcta execución destas.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

3.7. Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio xurídico e técnico-administrativo de carácter transversal en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no respectivo ámbito territorial.

b) Elaboración de informes e propostas de resolución sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura territorial, en coordinación, de ser o caso, coas unidades administrativas dos servizos centrais competentes. En especial, en materia de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos e, así mesmo, en materia de recursos humanos, servizos de transporte, comedores e outros complementarios e de apoio ao sistema educativo.

c) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

4. Nas xefaturas territoriais de Lugo e Ourense, as unidades orgánicas a que se refiren os puntos 3.5 e 3.7 do número anterior refúndense nunha única unidade con nivel orgánico de servizo, denominada Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo, Programación e Contratación, que exercerá as funcións seguintes:

a) Apoio xurídico e técnico-administrativo de carácter transversal en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no respectivo ámbito territorial.

b) Elaboración de informes e propostas de resolución sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura territorial, en coordinación, de ser o caso, coas unidades administrativas dos servizos centrais competentes. En especial, en materia de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos e en materia de recursos humanos, servizos de transporte, comedores e outros complementarios e de apoio ao sistema educativo.

c) Instrución dos expedientes de creación, modificación e supresión de centros públicos e privados non universitarios dependentes da Consellería, así como a elaboración de informes dos expedientes de desafectación de centros públicos.

d) Xestión dos expedientes de contratación de obras con cargo ao crédito desconcentrado na xefatura territorial, en colaboración co servizo da unidade técnica adscrita á xefatura territorial.

e) Tramitación dos concertos educativos.

f) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

5. Así mesmo, nas xefaturas territoriais existirán as seguintes unidades administrativas, que contarán co nivel orgánico que se estableza a través da relación de postos de traballo:

5.1. Gabinete de Normalización Lingüística.

Correspóndenlle, baixo a dirección da persoa titular da xefatura territorial e en coordinación coa Subdirección Xeral de Política Lingüística, as seguintes funcións:

a) Proposta de programación, organización e xestión das actividades e dos cursos de lingua galega e de linguaxes especializadas que se desenvolvan no ámbito territorial da súa competencia.

b) Proposta de nomeamento do profesorado para impartir os cursos que se organicen no ámbito territorial da súa competencia, de acordo cos criterios e co réxime de chamamentos establecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Xestión dos expedientes e propostas de gasto e pagamento das actividades e cursos desenvolvidos.

d) Xestión de expedientes de axudas e subvencións.

e) Información e atención ao público nas materias propias do ámbito de competencia da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

f) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada.

5.2. Servizo Territorial de Inspección Educativa.

A esta unidade correspóndenlle as funcións establecidas no Decreto 99/2004, do 21 de maio, que son as seguintes:

a) Asesoramento, información e orientación aos distintos sectores da comunidade educativa en materia de ensino.

b) Inspección aos centros docentes, públicos e privados, non universitarios e dos recursos complementarios.

c) Supervisión das actas de avaliación, parciais e finais.

d) Proposta de medidas sobre a xestión dos recursos educativos e as demais funcións establecidas no citado decreto.

e) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

A Xefatura Territorial de Pontevedra contará cunha oficina da Inspección educativa na cidade de Vigo, integrada orgánica e funcionalmente no indicado ámbito territorial, que realizará as funcións establecidas no Decreto 99/2004, do 21 de maio, xa citadas.

Disposición adicional primeira. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Disposición adicional segunda. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Disposición adicional terceira. Réxime de substitucións

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 5.1.s) deste decreto para o suposto da substitución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, substituír a última.

2. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares das xefaturas territoriais, serán substituídas polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no artigo 30.

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou dos servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura no presente decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Organización respecto de postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo en subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria primeira. Derrogación parcial do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo

Queda derrogado o Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, coa excepción da disposición adicional segunda que establece o Regulamento do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derrogatoria segunda. Derrogación do Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Queda derrogado o Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ditar as disposicións necesarias e adoptar os actos e medidas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade