Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 1 de decembro de 2020 Páx. 47561

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2020, da Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pola que se dá publicidade do acordo da Asemblea Xeral polo que se modifican os seus estatutos.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia e diferenciada da dos entes consorciados, do cal forman parte a Xunta de Galicia e os concellos galegos que concorreron inicialmente á súa formación subscribindo o convenio do 6 de xullo de 2006, así como todos aqueles incorporados con posterioridade a través dos correspondentes convenios, segundo o previsto no artigo 33 dos seus estatutos. Na actualidade está integrado por 285 concellos e 5 mancomunidades.

O Consorcio, segundo o previsto no seu artigo 3 (DOG núm. 131, do 7 de xullo de 2006), ten carácter voluntario, constitúese por tempo indefinido e réxese polos seus estatutos, polo seu regulamento de réxime interno e polas disposicións legais que, para o efecto, se enumeran no artigo primeiro dos estatutos e demais disposicións que, pola natureza do ente consorcial, resulten de aplicación.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, de acordo co artigo 6 dos seus estatutos, publicados no DOG do 7 de xullo de 2006, ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria «cando así o solicite o concello interesado»), con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos en forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións no ámbito territorial dos municipios que o compoñen.

O Consorcio naceu así, de acordo coas súas finalidades e competencias, co obxecto de implantar un modelo homoxéneo de prestación de servizos sociais e desta maneira:

– Garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente.

– Incrementar os niveis de cobertura, intensidade e calidade de atención dos distintos servizos e prestacións.

– Realizar unha distribución efectiva dos servizos e prestacións co fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación, asignando equitativamente o uso e acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu contorno propio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece nos seus artigos 64 e 64 bis que a Xunta de Galicia promoverá unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a calidade e cunha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos. Esta coordinación poderá levarse a cabo a través de fórmulas xurídicas adecuadas para tal fin, como as fórmulas de cooperación interadministrativa de natureza consorcial. Para estes efectos, a disposición adicional segunda da dita lei fai referencia expresa ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o cumprimento deses obxectivos, ao estipular que o Consorcio promoverá a coordinación e cooperación efectiva cos concellos galegos co fin de asegurar unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio de Galicia.

No desenvolvemento das súas funcións e co fin de avanzar na mellora das condicións de traballo do persoal do Consorcio, na sesión extraordinaria realizada pola Comisión de Persoal da Xunta de Galicia o día 21.2.2017 aprobouse o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio Colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con data do 30.6.2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 8 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e a publicación no Diario Oficial de Galicia do referido acordo de integración do persoal do Consorcio no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Co fin de dar cumprimento ás previsións contidas no dito acordo, tramitouse unha modificación dos estatutos do Consorcio no que atinxe ao réxime do persoal ao seu servizo, adaptando así a normativa estatutaria neste ámbito ás disposicións que nesta materia se establecen na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

Isto supón non só a modificación do artigo 31 dos estatutos, en que se regula o réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio, senón tamén a modificación do réxime competencial dos seus órganos de goberno no que atinxe ás cuestións de persoal, respectando así as previsións contidas na Lofaxga; na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Consonte o anterior e de acordo co previsto no artigo 36 dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a súa Asemblea Xeral, na sesión extraordinaria que tivo lugar con data do 25 de novembro de 2020, aprobou a modificación dos seus estatutos, segundo a proposta elevada polo seu Comité Directivo, nos seguintes termos:

Modificación dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (DOG núm. 131, do 7 de xullo de 2006)

Os estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar quedan modificados como segue:

Un. Modifícase o número 17 do artigo 17, que queda redactado como segue:

«17. A aprobación e modificación tanto do cadro de persoal como da proposta de relación de postos de traballo, logo de informe favorable dos centros directivos competentes en materia de función pública e de orzamentos».

Dous. Modifícase o número 18 do artigo 17, queda suprimido o seu contido e atribúese unha nova numeración ás competencias recollidas nos números 19 e 20, que pasan a ser 18 e 19, respectivamente.

Tres. Modifícanse os números 5 e 6 do artigo 18, queda suprimido o seu contido, e atribúe unha nova numeración ao número 7, que pasa a ser o 5 deste mesmo artigo.

Catro. Modifícase o artigo 20, ao cal se engade un novo punto co número 13, coa seguinte redacción:

«13. Exercer a xefatura superior de todo o persoal que preste servizos no Consorcio e a potestade disciplinaria mediante a resolución dos expedientes disciplinarios no ámbito das súas competencias».

Cinco. Modifícase o artigo 31, que queda redactado como segue:

«Artigo 31. Réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio

1. O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar poderá estar integrado por persoal funcionario e/ou laboral, de conformidade co que se estableza na súa relación de postos de traballo, segundo o disposto na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, no que atinxe ao réxime aplicable ao persoal da entidades instrumentais do sector público autonómico, e no Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, nos termos previstos no acordo de integración do persoal laboral neste convenio.

2. A aprobación e a modificación tanto do cadro de persoal como da proposta de relación de postos de traballo serán acordadas polo Comité Directivo do Consorcio, logo de informe favorable dos centros directivos competentes en materia de función pública e de orzamentos.

En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación do persoal.

3. A selección do seu persoal e a provisión de postos de traballo, agás os de persoal directivo, corresponderanlle ao centro directivo competente en materia de función pública e seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativa á ordenación de postos, planificación de recursos humanos, selección de empregados públicos, provisión de postos de traballo e réxime disciplinario».

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar